En Marea e BNG contraprograman o aniversario do AVE con denuncias sobre o tren da costa norte galega

Estación do tren de Ferrol CC-BY-SA Simon Pielow

Ao tempo que PP e PSOE volvían unirse para celebrar xuntos o 25 aniversario da circulación do primeiro AVE, entre Madrid e Sevilla, este venres En Marea e BNG volveron coincidir na denuncia da situación de abandono en que se atopan os servizos ferroviarios da costa norte galega, tanto de Renfe entre A Coruña e Ferrol como da antiga Feve entre Ferrol e Ribadeo. Os portavoces de ambos partidos destacaron que as súas deficiencias fan que Galicia quede fora das celebracións polo aniversario do AVE e salientaron as diversas iniciativas políticas que teñen presentado para mellorar os servizos.

O portavoz de En Marea, Luís Villares, visitou a estación de Feve de Viveiro, onde reclamou que a Xunta asuma as competencias ferroviarias nesa zona “xa que o Estado non ten interese ningún na súa mellora”. Segundo Villares, un investimento de 100 millóns de euros permitirían converter a liña de Feve nun tren de proximidade para A Mariña e vertebrar con el unha comarca de máis de 100.000 habitantes.

Nos últimos meses esa comarca estivo a ver como numerosos servizos ferroviarios eran substituídos polo autobús ou mesmo o taxi ante a insuficiencia de maquinistas ou trens, unha situación que se agravou desde que en 2013 Renfe absorveu Feve e esta deixou de ter unha estrutura independente que se preocupase pola súa propia supervivencia.

Villares di que un investimento de 100 millóns permitiría converter o Feve nun tren de proximidade para A Mariña

Por parte do BNG, a súa portavoz nacional, Ana Pontón, visitou a estación de Ferrol onde salientou que “Galiza non pode sumarse a festa dos 25 anos do AVE porque non o temos e porque ao longo destas décadas o que vimos foron promesas incumpridas, e nestes últimos anos de Goberno de Rajoy novos retrasos e un AVE de segunda no que os novos tramos non son de dobre vía nin están electrificados”, explicou a portavoz do Bloque.

Pontón reta a Feijóo a facer o percorrido Ferrol-A Coruña en tren e asegura que ela chegaría antes en bicicleta

Pontón engadiu que non só a alta velocidade é un futurible senón que o servizo de proximidade sofre “un deterioro que converte en agónico o uso do tren fora da ruta do Eixo Atlántico A Coruña-Santiago-Vigo”. E puxo como exemplo a liña Ferrol-A Coruña, cuns trens que tardan máis de 90 minutos en facer a viaxe e na que retou ao presidente Feijóo a viaxar co convencemento de que ela chegaría antes indo en bicicleta. Neste sentido, Pontón dixo que os “orzamentos do recortazo” presentados polo Goberno central son “unha xerra de auga fría” para as expectativas de mellorar as infraestruturas ferroviarias de proximidade, tanto a liña A Coruña-Ferrol como a liña do antigo Feve Ferrol-Ortegal.

Deputados do BNG na estación de tren de Ferrol Dominio Público BNG
Deputados de En Marea na estación de tren de Viveiro Dominio Público En Marea

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.