0 Gardados para despois

Esperanza Aguirre, "sorprendida" por atopar un dos acusados da Gürtel en actos do PP en Galicia

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


A declaración de Esperanza Aguirre como testemuña ante o tribunal que xulga a primeira época da trama Gürtel deixou unha multitude de exculpacións e imaxes, pero tamén percorrido persoal da que fora presidenta da Comunidad de Madrid e do PP nese territorio nun tempo en que a súa presenza era un activo electoral en si mesmo. Aqueles anos de ascenso e plenos poderes cadraron en Galicia coa fin do fraguismo, o goberno de PSdeG e BNG e mais a promoción de Alberto Núñez Feijóo como líder da oposición e aspirante á Presidencia. Aguirre, que tentara fichar a Feijóo como conselleiro, acudiu ao país para apoialo en diversos eventos sectoriais e de campaña. Nalgún deles, ante o xulgado da Gürtel a ata este luns voceira do PP no Concello de Madrid, "sorprendeuse" por atopar a un dos presuntos membros da trama corrupta.

No seu interrogatorio a quen competiu en 2015 pola Alcaldía de Madrid a representante da Fiscalía no tribunal cuestionouna a respecto da súa relación con diversos cargos e dirixentes do partido investigados na trama. Un dos nomes a respecto dos que lle pediron aclaracións foi o de Alfonso Bosch, antigo deputado do PP na Asemblea madrileña -o Parlamento autonómico- que se enfronta a unha petición de 23 anos e medio de cadea por, segundo a Fiscalía, recibir 941.652 euros da trama a cambio de adxudicacións públicas.

Alén de coñecer, obviamente, que Bosch formaba parte do seu grupo parlamentario, Aguirre explicou ante o tribunal que "tamén era alguén que estaba en actos da nacional", isto é, organizados dende a dirección central do partido. "Lembro nunha ocasión, non lembro en que momento, que me pediron que fose a unha campaña electoral en Galicia" e alí "sorprendeume enormemente que aparecese Alfonso Bosch a acompañarme", relatou. "Pero, ti que pintas aquí?", asegurou a veterana dirixente conservadora que preguntou. "Eu vou aos actos da nacional", respondeu Bosch, sempre segundo a versión de Aguirre, quen asegura "non saber" se "é que na nacional pagarían por asistir a outros actos". "Sorprendeume", resolveu.

Ligazón cos "monos brancos" do Prestige

A ata este luns líder do PP no Concello de Madrid declarou ante o tribunal que outro dos investigados "organizou" o desprazamento de membros de Novas Xeracións a Galicia "cando foi o do chapapote"

Outros dos antigos cargos do PP madrileño polos que Aguirre foi cuestionada no xuízo foi Alberto López Viejo. Aínda que López Viejo foi viceconselleiro e conselleiro nos gobernos de Aguirre reduciu a súa ligazón con el a que "se encargaba de actos no PP nacional", iso "seguro que si". Este é o motivo polo cal "eu coñecíao de antes", xa que "el organizou, por exemplo", o dispositivo do PP estatal "cando foi o do chapapote". De López Viejo dependeu a infraestrutura "daqueles monos brancos, que foi xente de Novas Xeracións", as mocidades do partido, a colaborar na recollida do fuel na costa galega. "El organizouno", dixo.

A novamente dimisionaria -Aguirre xa anunciara previamente a súa marcha como presidenta da Comunidad de Madrid e do PP madrileño- teceu así dous fíos cara a Galicia a respecto duns anos nos que tamén compartiu eventos con Feijóo na súa calidade de presidente da Xunta, caso por exemplo da presentación do denominado 'Camino de Santiago de Madrid" co gallo do Xacobeo 2010. Poucas horas antes de que a política madrileña anunciase de novo a súa dimisión Feijóo sinalaba dende Bruxelas, onde foi cuestionado ao repsecto pola prensa, que "o primeiro que temos que ver é o alcance e contido das decisións xudiciais" nos "próximos días". "Ela terá que tomar a decisión que considere máis oportuna dende o punto de vista do seu papel na política e do partido no que milita", resolveu.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Villares reclama "revisar con lupa os contratos da Xunta con empresas investigadas por financiar o PP"

D.L.

"Revisar con lupa todos os contratos millonarios da Xunta con empresas investigadas polo financiamento ilegal do PP". É a esixencia que o voceiro de En Marea, Luís Villares, formulou este luns ao fío da Operación Lezo, que investiga unha presunta rede corrupta en torno aos populares madrileños ligada a grandes empresas sobre os que agora, a xuízo do parlamentario, paira a "sospeita", tamén no que atinxe a adxudicacións do Goberno galego.

"Teremos que estar vixiantes, porque xa vimos noutras operacións", caso da Púnica ou da Gürtel, di, que "as tramas de corrupción dunha comunidade autónoma adoitan ter repercusións noutras a través de favores". No caso galego, di, cómpre "cuestionar", por exemplo, "que unha sociedade como Indra, acusada de financiar con 700.000 o PP de Madrid, tivese adxudicacións da Xunta por 30 millóns de euros no último ano", a máis cuantiosa "destinada a desenvolver a tecnoloxía con drons no aeródromo de Rozas".

O voceiro de En Marea chama a estar "vixiantes": "As tramas de corrupción nunha comunidade autónoma adoitan ter repercusións noutras a través de favores"

"Terán que explicar como Indra, que competía con Airbus e Boeing, logrou esta adxudicación sen estar especializada na tecnoloxía aeronáutica", di Villares, a cuxo xuízo "tamén é corrupción institucional crear un marco normativo ad hoc con pregos que lle dan legalidade ao resultado do concurso, pero que son contrarios ao interese xeral".

Villar Mir e Ferroatlántica

Para o voceiro de En Marea as últimas revelacións sobre escándalos de corrupción en Madrid fan necesario tamén poñer o foco na "estreita relación do conglomerado de empresas da familia Villar Mir e a Xunta". "O caso de OHL e Villar Mir é especialmente relevante", subliña, xa que "a empresa anunciou que de xeito inminente solicitará" ao Goberno galego a autorización para a segregación e venda das centrais de Cee e Dumbría. "Que vai facer Feijóo? Está Ferroatlántica exercendo influencia sobre o PP para o seu beneficio empresarial?", pregúntase.

Ana Pontón: "Galiza non está para pagarlle o favores de Villar Mir ao PP"

A respecto de Villar Mir tamén o BNG cuestionou este luns novamente o presidente da Xunta. Tras coñecerse que o xuíz da Operación Lezo investiga as contas do empresario a portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, esixiu a Feijóo que "non deixe pasar nin un minuto máis" sen "parar a pretensión ilegal do empresario" a respecto das centrais. "Temos claro que Galiza non está para pagarlle os favores de Villar Mir ao PP", advirte.