A Xunta recibiu denuncias reiteradas sobre a trama de cursos de Ourense

Beatriz Mato anunciando no Parlamento en decembro de 2014 novas medidas de control dos cursos de formación Dominio Público Xunta de Galicia

A investigación policial comezou pola alerta dun particular anos despois de que a Consellería de Traballo fose coñecedora das irregularidades, ao igual que ocorreu co caso Zeta de subvencións na Coruña que salpicou a Feijóo

A xustiza e a policía volven deixar en evidencia a insuficiencia dos supostos controis  que realiza a Xunta sobre o destino das súas subvencións para cursos de formación de desempregados. Como xa ocorrera co caso Zeta de subvencións na Coruña que acabou salpicando o propio Feijóo, novamente a falta de resposta do Goberno galego ás denuncias cidadás recibidas, malia o seu anunciado reforzamento dos controis, acabou desembocando nunha investigación xudicial que o pasado venres culminou coa detención de cinco persoas e a citación como investigadas doutras dúas, entre elas o xefe de persoal da Deputación de Ourense e alcalde de Monterrei polo PP, José Luis Suárez.

Polo menos durante os anos 2013 e 2014 a Consellería de Traballo, dirixida daquela por Beatriz Mato, e a súa Dirección Xeral de Emprego e Formación, con Ana María Díaz á fronte, recibiron reiteradas denuncias de varias persoas distintas sobre as irregularidades que supostamente se estaban a producir na academia Centro San Pablo de Ourense e na asociación AEXPA vinculada á mesma con cursos de formación para desempregados subvencionados pola Xunta. Polo menos desde 2011 Traballo xa detectara algunhas irregularidades e pedira o reintegro de diversas contías, pero a súa actuación limitouse ao ámbito administrativo e non sería ata 2015 que a Policía, logo de recibir dun particular unha denuncia similar ás que chegaran á Xunta, iniciou a investigación que agora vén de facerse pública.

A comezos de 2013 Traballo contestoulle a unha denunciante, a través dunha petición que esta formulara ao Valedor do Pobo, que xa tramitara varios deses reintegros de subvencións. A denuncia da cidadá, ao igual que lle transmitiran a Traballo outros denunciantes por correo electrónico, facía tamén referencia á suposta colaboración na fraude e falsificación de documentos dunha funcionaria da propia consellería, esposa do propietario da academia. Segundo lle contestou daquela a consellería ao Valedor, “como consecuencia da súa denuncia se iniciou un procedemento de investigación” sobre esa funcionaria, á marxe do procedemento ordinario de reintegro das subvencións. A consellería de Economía, Emprego e Industria, que desde finais de 2015 ten as competencia de emprego con Francisco Conde á fronte, non aclara que pasou con aquela suposta “investigación”.

A Xunta non deu levado a suposta trama de Ourense á xustiza malia que as denuncias que recibiu sobre ela coincidiron no tempo coa investigación do caso Zeta de supostos fraudes similares na Coruña. No outono de 2011 dúas empregadas dunha das entidades implicadas denunciaron a suposta trama á Xunta pero non obtiveron resposta e acudiron á xustiza, que iniciou as pescudas. Non foi ata marzo de 2012, coa investigación xudicial xa en marcha pero aínda non feita pública, que a Xunta levou tamén o caso á fiscalía. Un caso polo que acabaría sendo imputado -e desimputado o pasado xaneiro- Pachi Lucas, amigo de Feijóo, que segundo os investigadores actuaba como intermediario entre os empresarios da trama e diversos políticos do PP. Por esa causa foi imputado o daquela director de Traballo e Economía Social, Odilo Martiñá, que dimitiu un día antes de declarar ante a policía, e segue imputada Ana María Díaz, daquela directora de Emprego e Formación e hoxe directora de Patrimonio Natural, tamén con Beatriz Mato como conselleira.

O Consello de Contas certificou que as irregularidades nos cursos de formación existen desde hai anos e afectan a academias, empresarios e sindicatos

En decembro de 2014, logo de varias detencións no marco do caso Zeta, a conselleira Mato compareceu no Parlamento para anunciar o reforzamento dos mecanismos de control da Xunta sobre as subvencións para cursos de desempregados. Fíxoo un mes despois de que o Consello de Contas emitise un duro informe constatando que as irregularidades estaban presentes había anos en todo o sector, impartisen os cursos academias, empresarios ou sindicatos. Nada diso serviu para que a orixe da denuncia ante a xustiza da suposta trama de Ourense partise da Xunta e non, novamente como no caso Zeta, dun particular.

Documentación estatutaria da asociación presuntamente fraudulenta, á que tivo acceso Praza.gal CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.