O pacto do PP co PNV evidencia a posibilidade de adaptar a tarifa eléctrica por territorios

Aitor Esteban, portavoz do PNV no Congreso, con Mariano Rajoy © PNV

A finais do pasado mes de xaneiro, Núñez Feijóo rexeitaba promover unha tarifa eléctrica galega porque "ningún español o entendería". A preguntas da prensa sobre a repetida proposta do BNG, o presidente da Xunta aseguraba que "eses plantexamentos non se sosteñen nin en España nin en Europa" porque implicaría que a tarifa mudase "en función do punto quilómetrico no que se viva" e impediría que cada Estado tivese a súa tarifa unitaria. Esquecíase o xefe do Executivo galego das diferentes tarifas, segundo territorios ou áreas, que se aplican en países como Alemaña, Suíza ou o Reino Unido. Agora, o pacto entre PP e PNV para a aprobación dos Orzamentos Xerais do Estado inclúe unha rebaixa tarifaria da electricidade que se aplicará ás empresas vascas a partir de 2018, o que evidencia a posibilidade de adaptar, mediante negociación política, os importes en función das características de cada lugar. 

O pacto do PNV co PP inclúe unha rebaixa tarifaria que permitirá aforrar 50 millóns de euros ás principais industrias vascas

O acadado polo PNV para Euskadi -que se une á rebaixa no cupo en case 600 millóns, a devolución de 1.400 millóns por discrepancias anteriores e un investimento de 3.380 millóns para o AVE até 2023- non é unha tarifa eléctrica propia como a reclamada polo CIG, BNG, En Marea e diferentes administracións do país. Pero si a solución a unha problemática que levaba anos en debate político e unha vantaxe evidente para as súas grandes empresas. Desde Galicia reclámase que tanto familias como compañías poidan beneficiarse do feito de que o país sexa produtor excedentario de enerxía e soporte todos os custos medioambientais e de impacto que iso supón.

Varias forzas políticas, sindicais e administracións reclaman unha tarifa eléctrica galega que beneficie o país pola súa condición de excedentario

No País Vasco, o acordo entre PNV e PP acaba cunha discriminación que en custos enerxéticos sufrían grandes firmas con respecto a competidoras doutras autonomías ao estaren contectadas a redes de alta tensión de 30.000 voltios e non ás de entre 44.000 e 66.000 dos territorios onde a industrialización chegou máis tarde. Estas últimas teríanse beneficiado de tarifas máis baixas, mentres que outras comunidades en situación semellante á de Euskadi podían optar por conexións alternativas máis baratas que para as empresas vascas non eran posibles. Xa en 2013, populares e nacionalistas pactaran instar o Goberno central a unha mudanza que se aplica definitivamente agora e que beneficia ao 85% das 200 maiores firmas industriais vascas e supón un aforro conxunto de 50 millóns e unha evidente mellora da competitividade. 

Preguntado pola cuestión tras o Consello da Xunta deste xoves, Feijóo insiste en que "non hai tarifa vasca". "É como se me din a min que teño tarifa galega porque empresas grandes consumidoras, como Alúmina, teñen descontos, ou pola subestación que pedimos para PSA-Citroën", dixo o presidente galego, que comparou o acadado polo PNV coa poxa de interrumpibilidade que rexe para empresas como Alcoa. "Cada un defende o seu e nós defendemos o noso", insistiu. 

Feijóo compara a rebaixa da tarifa en Euskadi co modelo de interrumpibilidade que rexe en empresas como Alcoa

Noa Presas, portavoz parlamentaria do BNG en materia de Industria, asegura "non compartir" en nada a idea amosada por Feijóo, que "vén xustificar que Galiza ten un equivalente ás vantaxes de Euskadi no sistema de interrumpibilidade". "O que fai ese modelo é fomentar máis inseguridade e poñer en risco a viabilidade do emprego; mesmo o anterior sistema era máis xusto, aínda que o idóneo sería ter unha tarifa eléctrica galega pola nosa condición de país excedentario", advirte.  Así, a deputada nacionalista asegura que o modelo de Euskadi revela que "esa tese de que hai unha única factura eléctrica é falsa". "A tarifa acaba sendo unha decisión política e no País Vasco estanse a beneficiar dunha peaxe de alta tensión que existe noutras comunidades pero que é maioritaria para as grandes industrias vascas; a pregunta é por que ningunha empresa galega se beneficia diso. A resposta é que todo depende da vontade política", engade. 

"Esa tese de Feijóo de que hai unha única factura eléctrica é falsa; a tarifa acaba sendo unha decisión política", di Noa Presas (BNG)

Mentres, Feijóo insistía en que Euskadi non leva vantaxe especial ningunha co acordado pero si manifestou a súa "preocupación" polo relativo ao cupo e a súa intención de que sexa algo "transparente" porque o País Vasco "vai achegar ao conxunto dos españois 500 millóns menos". 

Ao tempo, a voceira nacional do BNG, Ana Pontón, advertiu que froito da "lexítima negociación do Goberno vasco, Euskadi gaña 1.400 millóns e unha mellora na tarifa eléctrica", xusto non momento que se coñece que "tamén gaña Madrid porque o Executivo central ten dispostos 3.500 millóns nos Orzamentos para rescatar as radiais madrileñas impulsadas por Aznar e Aguirre”. 

"Euskadi gaña 1.400 millón e unha mellora na tarifa eléctrica e Madrid o rescate das radiais; e a Galiza que lle queda?", pregúntase Pontón

“E a Galiza que lle queda? Un recortazo de 442 millóns nos investimentos do Estado para 2017 e cero euros para rescatarnos da estafa legalizada das peaxes da AP9; ao contrario, anúncianse subidas”, denunciou a dirixente do Bloque, que contrastou o resultado de "ter un Goberno que exerce para defender os seus intereses, -Euskadi-, e un Feijóo marioneta de Rajoy". “Cinco deputados do PNV valen o seu peso en ouro, doce deputados do PPdeG non lle valen a Galiza para nada, agás para restar”, rematou. 

Sexa como for, a tarifa eléctrica galega foi rexeitada en diversas ocasións polo PP, tamén no Parlamento, cando botou abaixo unha iniciativa do BNG apoiada por toda a posición na que se reclama a devandita tarifa como medida de apoio ás factorías de Alcoa no país. No entanto, os conservadores déranlle na Deputación de Lugo o seu voto favorable a unha proposta practicamente idéntica tan só unhas semanas despois

Desde o Bloque, Pontón pregúntase “que máis ten que pasar para que Feijóo saia do seu ensemismamento e deixe de defender o indefendible, que ten que pasar para que se poña as pilas en defensa do interese xeral deste país?".  "Euskadi gaña nesta negociación, Madrid gaña o rescate das radiais socializando as perdas das empresas, pero aquí somos as últimas da fila”, rematou. 

Feijóo, na rolda de prensa do Consello © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.