O movemento europeísta 'Pulse of Europe' chega ás rúas de Galicia

Concentración a prol da UE nunha cidade de Alemaña © PulseofEurope

O pasado 26 de marzo, unhas 20.000 persoas en 58 cidades europeas manifestábanse a favor da UE e do proxecto comunitario. Veciños de diferentes urbes de Países Baixos, Francia, Portugal, Austria, Irlanda, Luxemburgo ou Suecia saían á rúa reclamando unha Unión Europea "forte e eficaz". Tan só uns días máis tarde, era Madrid e logo Barcelona quen se estreaban nestas concentracións polo de agora pouco concorridas pero que buscan sumar apoios e asentar aos poucos un movemento europeísta denominado Pulse of Europe. Definido como iniciativa "cidadá e apartidista" e sen filiación a formación política ningunha, no Día de Europa anuncia a súa chegada a Galicia na que será a súa primeira concentración no país. 

A Coruña acollerá a primeira mobilización de 'Pulse of Europe' en Galicia e será a terceira cidade do Estado en acollela

Será o vindeiro domingo 14 de maio ás 13 horas, ao pé da Torre de Hércules da Coruña, a terceira cidade do Estado que acollerá unha mobilización deste tipo. A ela están convidados "todos os cidadáns que desexen expresar o seu apoio ao proxecto da Unión desde un punto de vista social e achegad". E márcase como obxectivo "combater os retos aos que se enfrontan os Estados membros", como "a xenofobia e os nacionalismos e populismos extremistas que avivan as pantadas do pasado". 

Óscar Rodríguez, coruñés de tan só 29 anos, foi quen decidiu impulsar Pulse of Europe en Galicia logo de varios anos vivindo en Alemaña, xusto o país onde comezou o movemento. Unha parella de Fránkfurt, aló por novembro de 2016, reaccionou á elección de Trump como presidente dos EUA e ao Brexit xa consumado no Reino Unido. O que eran círculos de discusión pasou a mobilizacións con 200 persoas na cidade. "Logo pasou a Friburgo, unha cidade con moito movemento estudantil, e de aí foise espallando por outros Estados como Países Baixos, onde ameazaba a ultradereita nas eleccións, ou Francia, co pulo que estaba a coller a Fronte Nacional", explica o organizador da marcha na Coruña. 

"É un europeísmo crítico; non é todo perfecto na UE e hai moito que mellorar, pero debemos valorar os seus logros", di Óscar Rodríguez, impulsor da concentración

"Vin que Pulse of Europe xa organizara algo en Madrid e logo en Barcelona e decidinme a facer algo aquí porque creo que é por unha boa causa", explica Rodríguez, que entende que o Brexit foi algo así como o punto de inflexión para o xurdimento da iniciativa, impulsada logo "pola elección de Trump pero tamén polo racismo que se estende en moitas propostas políticas ou pola crise dos refuxiados". "É un europeísmo crítico; non penso que todo sexa perfecto na UE, no funcionamento das súas institucións, e estou seguro de que hai moito que mellorar, pero iso non quere dicir que non teñamos que visibilizar os seus logros e poñelos en valor", engade este mozo, que lembra que nin el nin a xente da súa xeración "coñeceron xa as fronteiras en Europa". 

Rodríguez é consciente tamén de que o debate sobre Europa ten moitos matices e que a crise económica deitou moitas críticas sobre as institucións comunitarias e a súa reacción ante a perda de dereitos sociais. "É complicado porque tanto pola esquerda como pola dereita hai movementos que cuestionan a Unión Europea ou a moeda única", explica, pero advirte tamén de onde se sitúan as posicións máis perigosas. "Na dereita hai formacións extremistas con moito apoio que directamente son racistas ou mesmo negacionistas do holocausto nazi, como a Fronte Nacional de Le Pen; en Alemaña, o partido AfD aposta por poñer policías nas fronteiras e disparar os refuxiados e en Hungría, só hai que ver a política que leva a cabo o primeiro ministro Víktor Orban", engade.

"Na dereita hai formacións extremistas que son directamente racistas ou negacionistas"

Agora, o obxectivo do encontro na Coruña será, como noutras cidades, o de darlle "un novo impulso ao proxecto europeo por parte da cidadanía, establecendo lazos entre os asistentes e proporcionando a información que requiran sobre a Unión e as asociacións organizadoras". Rodríguez sabe das dificultades por mobilizar a xente, pero entende que o importante é poñer a semente. "Veñan os que veñan, será unha maneira de chamar a atención e concienciar a cidadanía", explica quen lembra que A Coruña converterase na terceira cidade en España que acolla un evento deste tipo, mentres se preparan noutras como Sevilla e logo de que Pulse of Europe se espallase xa a 16 Estados. 

"Contemplar un retroceso no proceso de integración resulta impensable; a Unión trouxo o maior período de pazo ao continente, exportou valores de respecto e solidariedade e debe arontar os cambios que implica o avance das socidades, débese construír unha Europa dos cidadáns", reza a convocatoria. "Alza a túa voz pola Unión e reclama unha Europa cidadá. Que o pulso europeo lata forte", remata. 

Manifestación europeísta en Alemaña © PulseofEurope
Concentración a prol da UE en Madrid © PulseofEuropeSpain

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.