Guillerme Vázquez ve o BNG "igual de fortalecido" que antes da marcha do EI

Guillerme Vázquez, portavoz nacional do BNG CC-BY-NC-SA BNG

"Non lle quito importancia nin lla dou, non forma parte xa das miñas preocupacións, para ben ou para mal, é pasado". O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, era agardado hoxe por máis xornalistas que habitualmente na sala de prensa da sede nacional da formación. Agardábase o primeiro pronunciamento público do líder nacionalista desde que o Encontro Irmandiño anunciase a súa marcha da fronte e tamén as primeiras decisións sobre unha das cuestións máis espiñentas que deixa a fractura: o futuro dos cargos institucionais, esencialmente nos concellos, ocupados por membros do EI que no seu momento foron escollidos en listas do Bloque. Houbo pronunciamento con parte de recomendación ou advertencia, pero non anuncio de decisións ao respecto, cando menos claramente.

"Cando alguén abandona a militancia, por coherencia debe formalizar a súa baixa como cargo público"

Visiblemente remiso a respostar ás preguntas dos informadores sobre se, ao seu xuízo, os 'irmandiños' deberían abandonar os cargos institucionais, Vázquez reitera que el é "portavoz nacional do BNG", polo que "a súa preocupación non vai ser, non pode ser e non é lóxico que sexan as decisións que tomen" as persoas "que deciden non militar" no Bloque. Non obstante, e ante as reiteradas interrogantes lanzadas, o reelixido portavoz nacional accedeu a sinalar que non ten "dúbidas" de que "cando unha persoa abandona a militancia, por coherencia política" debe tamén "formalizar a súa baixa como cargo público". Horas antes, nunha entrevista na Cadena SER, o candidato frontista á Xunta, Francisco Jorquera, apuntaba que os militantes que abandonen a formación deben "abandonar os grupos municipais do BNG", pasando a "formar parte dos grupos mixtos dos concellos, é a consecuencia lóxica".

Á marxe da cuestión dos cargos públicos, Guillerme Vázquez pide que "non lle insistan", dado que non ten "ningunha valoración especial" a respecto da ruptura propiciada polo partido de Xosé Manuel Beiras nun exercicio de "decisión libre". Tampouco cre o nacionalista que este movemento lle reste forza ningunha ao Bloque. "Eu síntome igual de fortalecido que estaba onte", afirma, nun contexto no que "non teño nada que temer" a respecto de posibles marchas futuras, nomeadamente, de Máis Galiza. "Eu traballarei como sempre fixen para que no BNG estea todo o mundo que queira estar e poida traballar libremente", di. Nesta liña, non concorda co EI en que no BNG houbese momentos nos que se dese un ambiente "irrespirable". "A pesar de que teño algunha dificultade derivada do catarro, no BNG respírase bastante ben", ironiza. "Comprendo o seu interese, pero é a última resposta que vou dar, porque tampouco estou para que me sometan vostedes a un terceiro grao", subliñou.

Nova Executiva Nacional

A por veces tensa comparecencia de Guillerme Vázquez ante os medios tiña como obxectivo inicial dar conta dos acordos da segunda xuntanza da Executiva Nacional tras a Asemblea do pasado xaneiro. Xa sen os tres membros do EI, Vázquez realizou a súa proposta de reparto de secretarías que, finalmente, foi aprobado "por unanimidade" cunha distribución "algo diferente" da inicialmente proposta. Na nova cúpula directiva sentan catro membros de Máis Galiza aos que, a priori, terán que unirse tres integrantes máis da Candidatura para un novo proxecto común, refundación e rexeneración do BNG. Dada a baixa dos 'irmandiños', os tres relevos serán tamén da corrente que encabeza Carlos Aymerich, novo secretario de política económica e emprego.

Nova Executiva Nacional do BNG
Portavoz nacional Guillerme Vázquez
Política económica e emprego Carlos Aymerich
Imaxe e Publicacións Xoán Bascuas
Acción Feminista Ana Luisa Bouza
Relacións Exteriores Sandra González
Acción Institucional no Congreso Francisco Jorquera
Acción Institucional no Parlamento Ana Pontón
Secretaria de Organización Montse Prado
Comunicación Carme Adán
Finanzas Francisco García
Alternativas Programáticas Rafael Vilar
Política Municipal Miguel Anxo Fdez. Lores

Ademais, nese mesmo encontro a Executiva resolveu convocar a constitución formal do novo Consello Nacional para o vindeiro 25 de febreiro e o inicio  "dunha campaña de explicación" en torno á reforma laboral que vén de aprobar o Goberno central. Os nacionalistas tentarán transmitir que "esta contrarreforma desequilibra definitivamente as relacións entre capital e traballo" e para iso "tamén estableceremos contactos con organizacións sociais e sindicais, no camiño de poder confluír en mobilización social", detalla Guillerme Vázquez.

Guillerme Vázquez, portavoz nacional do BNG CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.