0 Gardados para despois

Cando un conselleiro de Feijóo municipalizou, con beneficios, un aparcamento en concesión

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


O Concello de Baiona recuperou hai agora dous anos a xestión pública dun aparcamento subterráneo que entregara en concesión nove anos antes. A empresa privada dicía que só lle daba perdas e renunciou a el sen pagar nunca o canon municipal ao que se comprometera. Así que o Goberno local, á espera de volver a sacalo a concurso, decidiu asumir a xestión directa do aparcamento de xeito provisional. Dous anos despois, a súa xestión pública reporta ás arcas municipais ganancias superiores ao canon que tería que pagar a adxudicataria e o Concello xa non ten ningunha présa por volver entregar o aparcamento en concesión. O responsable daquela municipalización con éxito e beneficios non foi un dos alcaldes de esquerdas que se enfrontan ás críticas e obstáculos do PP e do Goberno central por recuperar a xestión pública de servizos máis esenciais que un aparcamento senón un rexedor popular, o agora conselleiro de Sanidade Jesús Vázquez Almuiña.

Baiona xa non ten présa por volver adxudicar un estacionamento cuxa xestión pública recuperou en 2015, co titular de Sanidade Jesús Vázquez Almuiña como alcalde, e do que agora obtén beneficios

O centro da vila de Baiona, condicionada pola orografía, dispón de poucas prazas de aparcamento en superficie, situación que se agrava en verán coa elevada afluencia turística que rexistra. En 2006 o Concello, con Almuiña xa como alcalde desde dous anos antes, sacou a concurso a construción e xestión posterior dun aparcamento subterráneo de 711 prazas. Adxudicoullo á empresa portuguesa Sofranda que asumiu o custo da súa construción a cambio do negocio que lle reportaría a xestión do aparcamento e do pagamento ao Concello dun canon anual de 6.720 euros. Porén, a empresa nunca pagou alegando que non obtiña beneficios, en 2015 renunciou a seguir xestionando o aparcamento e demandou xudicialmente ao Concello 6,7 millóns de euros polas perdas que asegura que lle supuxo o negocio. Ademais, estaba pendente de pagamento parte do crédito hipotecario subscrito pola empresa para a construción do aparcamento.

Nesa situación, e á espera do que poidan determinar os tribunais sobre a demanda da empresa, o Goberno local asumiu a xestión municipal do aparcamento e o pagamento da hipoteca. Estes días, dous anos despois, o Concello fixo públicos os resultados da súa xestión, que realiza de xeito directo, non a través de ningunha empresa de servizos interposta. O aparcamento supón uns gastos anuais duns 140.000 euros (90.000 en persoal, contratado directamente polo Concello, e o resto en mantemento).  Pero mentres a empresa privada dicía non ser quen de chegar cos ingresos a esa cantidade, o que fixo que nunca lle pagase ao Concello o canon anual de 6.720 euros, en 2016, o primeiro ano íntegro de xestión municipal (o verán eleva considerablemente os ingresos), esta obtivo unha diferenza entre ingresos e gastos favorable en preto de 50.000 euros. E a tendencia é crecente.

Feijóo chegou a cualificar de "frivolidade" e "non cribles" as promesas dos gobernos locais de esquerda de remunicipalizar servizos

Fontes do Concello, a cuxa fronte desde finais de 2015 xa non está Jesús Almuiña, agora conselleiro de Sanidade, senón Ángel Rodal Almuiña, primo seu, sinalan que xa non corre ningunha présa decidir sobre a posible convocatoria dun novo concurso para a xestión privada do aparcamento. A súa política pasa pola posible concesión a longo prazo a particulares dunha porcentaxe das prazas de estacionamento ao tempo que sigue introducindo ofertas que favorezan a rotación dos vehículos e que nestes dous anos de xestión pública posibilitaron o incremento dos ingresos. De momento, eses ingresos permitiríanlle ao Concello saldar facilmente a indemnización á que considera que ten dereito a empresa que renunciou á concesión, que rebaixa dos 6,7 millóns de euros que esta reclama a tan só 30.000 euros.

Fronte a este caso de éxito dun goberno popular (en Baiona, de feito, a recollida do lixo e os seus traballadores sempre foron públicos), o propio PP vén obstaculizando e criticando os diversos intentos dos gobernos municipais de esquerdas de remunicipalizar concesións de servizos públicos. O presidente Feijóo mesmo chegou a cualificar de “frivolidade” e “non cribles” algunhas desas promesas.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.