0 Gardados para despois

“Delinquir non sae barato”, di Feijóo tras reducir a Xunta as penas dos condenados polo caso Retablo

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


O pasado martes, no que foi a resolución final do caso Retablo de corrupción con arte sacra, a Xunta e a Fiscalía asinaron nos xulgados de Santiago un acordo que evitou unha posible condena de cárcere para dúas persoas que traballaron como técnicos autonómicos e que admitiron recibir subornos valéndose dos seus postos. A cambio, terán que pagar multas de só 720 e 2.200 euros e un deles é inhabilitado para cargo ou emprego público durante seis anos. Malia o reducido da sanción económica fronte ás penas de cárcere que se lles pedía inicialmente, este xoves o presidente, Alberto Núñez Feijóo, asegurou que “delinquir na Xunta non sae barato” e asegurou que a perda do posto de traballo “é o máximo que se lle pode pedir a un empregado público”.

No caso Retablo, o Goberno galego evitara acusar a un dos dous técnicos autonómicos condenados por suborno, mentres que aceptou rebaixar notablemente a pena que pedía inicialmente para o outro

Dúas das persoas que o pasado martes admitiron ser autoras de delito de suborno sen chegar a xuízo para librarse do cárcere interviron na trama valéndose do seu traballo para a Xunta, no que decidiron sobre obras que moveron uns 700.000 euros de fondos públicos. Un deles, Carlos Gómez-Gil de Aizpurúa, foi técnico de rehabilitación da Consellería de Cultura, e o outro, José Manuel Pichel, prestou servizos como arquitecto autónomo á sociedade pública de xestión do Xacobeo. A Xunta chegaba ao xuízo sen acusar de nada a Pichel, mentres que para Gómez-Gil pedía sete anos de cárcere e 17 de inhabilitación. Pola súa banda, a Fiscalía pedía para Gómez-Gil tres anos de cárcere e cinco de inhabilitación e para Pichel dous de cárcere e tres de inhabilitación. Porén, o acordo final aceptado pola Xunta deixa a Pichel, que xa non era funcionario, sen ningunha pena de inhabilitación nin de cárcere e tendo que aboar só unha multa de 720 euros, mentres que Gómez-Gil asume dous anos de cárcere que non terá que cumprir, seis anos de inhabilitación (once menos do que comezara pedindo a Xunta) e unha multa duns 2.200 euros.

Preguntado este xoves polo motivo polo que a Xunta aceptou o acordo e se non supón enviar unha mensaxe aos traballadores públicos de que delinquir sae barato, o presidente Feijóo negou a maior. Por unha banda, o presidente dixo descoñecer o acordo, do que responsabilizou á Asesoría Xurídica da Xunta. E logo asegurou que “delinquir na Xunta non sae barato”. Feijóo salientou que os condenados con este acordo “o primeiro que perderon foi o seu posto de traballo” e engadiu que “é o máximo que se lle pode pedir a un empregado público”.

O presidente xa avalara non actuar contra funcionarios e cargos do PP nos casos Cela e Campeón

O acordo aceptado pola Xunta o pasado martes para reducir as penas dos acusados no caso Retablo chega logo de que nos últimos meses o Goberno galego evitase actuar na vía xudicial contra ex-cargos do PP e funcionarios ou ex-traballadores da Xunta por outros dous casos que inclúen malversación e delitos contra a Facenda Pública, entre outros: o caso Campeón e o da Fundación Cela. No Campeón, o primeiro gran caso de corrupción na Xunta desde a chegada de Feijóo, o Goberno galego só actúa como acusación contra 9 dos 13 implicados, os empresarios da trama, pero non o fai contra os outros catro cargos públicos, que son o ex-director do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), Joaquín Varela, o ex-subdirector de Información dese mesmo ente, Carlos Silva, a súa responsable de Financiamento, Cristina Quintela, e o ex-deputado autonómico do PP Pablo Cobián. Sobre os tres primeiros traballadores autonómicos pesan delitos contra a Facenda Pública mentres que o político popular afronta tamén o de tráfico de influencias. No caso Cela, no que hai catro acusados, os catro logo de actuar como funcionarios públicos e un deles mesmo foi conselleiro de Fraga, Dositeo Rodríguez, a Xunta non está nin sequera persoada na causa.

Igual que agora co caso Retablo, en xuño do pasado ano Feijóo xa deitara na Asesoría Xurídica da Xunta a responsabilidade de contra quen actuar ou non na vía xudicial en defensa dos intereses públicos.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.