As vítimas de Angrois advirten a Feijóo de que o PP apoiou a investigación en 39 concellos

Vítimas de Angrois, no lugar do accidente o pasado xullo CC-BY-SA Praza Pública

O pasado mércores, o PP ficou só no seu veto a investigar o accidente de Angrois. Ata daquela, todas as negativas dos populares á apertura dunha comisión de investigación sobre o accidente, no que morreron 80 persoas e outras 144 resultaron feridas, foran amortecidas tanto no Parlamento de Galicia como no Congreso pola abstención e, mesmo nalgún caso, tamén pola negativa dos socialistas. Pero a votación desta vez mudou o escenario. O PSdeG, como anunciara, sumouse -previa aceptación dunha emenda- á proposta de En Marea para reclamar unha investigación técnica, pero tamén unha pescuda política nas Cortes sobre o sinistro. 

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reaccionou con ataques a toda a oposición e, en especial, aos socialistas. Atribuíu o seu apoio a un "axuste de contas" interno logo da celebración das primarias e acusounos a eles, a En Marea e ao BNG de "xogar coas vítimas". De feito, gabouse da "coherencia" do seu partido. Ante estas palabras, as vítimas non tardaron en reaccionar. Nunha carta aberta en resposta ao xefe do Executivo galego, decláranse "perplexos" ante as súas declaracións. Así, lémbranlle que o PP "en 39 concellos de Galicia abstívose ou votou a favor para que se cree esa comisión de investigación no Congreso" e que estes municipios "representan máis de un millón de galegos".

As vítimas lembran que o PP "abstívose ou votou a favor" de crear unha comisión de investigación no Congreso en 39 concellos galegos

"Alcaldes e concelleiros do seu partivo votaron a favor ou abstivéronse para que se cree xa esta comisión no Congreso e instaron o Goberno a facelo, o cal non parece estar moi de acordo coas súas palabras, que en nada teñen que ver co que pasa en moitos concellos de Galicia nos que o PP ten representación", asegura a Plataforma de Vítimas Alvia 04155 na carta á que tivo acceso Praza.gal. "Están usando os seus compañeiros do Partido Popular a nosa dor? É esa a clase de coherencia que hai no seu partido?", pregúntanlle a Feijóo logo de que este mércores no Parlamento presumise de que el "non usará a dor das vítimas para facer un axuste de contas co PSOE". 

"Están usando os seus compañeiros do PP a nosa dor? É esa a clase de coherencia que hai no seu partido?", pregúntanlle ao presidente

Precisamente, e sobre este ataque aos socialistas, as vítimas chaman a atención de que así fale Feijóo "coma se este tema nada tivese que ver co seu partido nin co seu Goberno". A plataforma lémbralle que, segundo eles denuncian, "o PSOE rebaixou a seguridade do proxecto orixinal e enganou os cidadáns dicindo que a liña de alta velocidade de Santiago contaba co sistema Ertms, que tería evitado 81 mortos e máis de 140 feridos". "Pero vostedes, desde que comezaron a gobernar, non só non fixeron nada por solucionalo, senón que baixo o seu mandato produciuse a desconexión do sistema de seguridade do tren, negaron que fora un accidente da alta velocidade antepoñendo outros intereses á verdade e fixeron  unha investigación técnica que Europa sentenciou que nin era independente nin analizaba as causas principais do accidente". 

As vítimas advirten que "o colmo" do razonamento de Feijóo é cando di que "se abre a apoiar unha investigación política sobre o accidente do Alvia despois de haxa sentenza" e que "o que máis urxe é a decisión xudicial". "Parece non saber cal é a esencia dunha democracia, que é a separación de poderes", lémbranlle, insistindo en que "nada ten que ver o lexislativo co executivo e, moito menos, co poder xudicial"

"Se fose un verdadeiro demócrata, debería olvidarse do poder xudicial e, como político, impulsar unha comisión de investigación", dinlle a Feijóo

"Vostede, por se non o sabe, pertence ao poder executivo e se fose un verdadeiro demócrata debería olvidarse do poder xudicial e, como político, impulsar unha comisión de investigación onde se depuren as responsabilidades políticas que son as única da súa competencia", insístenlle as vítimas a Feijóo, ao que poñen un "exemplo": "Enganar os cidadáns dicindo que contan con todos os sistemas de seguridade ou presentar unha investigación como independente cando non é certo e a realiza persoal de Renfe e Adif, nada ten que ver co penal, pero si co político". 

"Hai xente boa e honesta que nos apoia e xente que o único que defende son os seus intereses. Onde se sitúa vostede, señor Feijóo?"

Por último, a carta remata cunha serie de peticións das vítimas, que insisten en que queren "saber a verdade e que paguen politicamente os posibles responsables". "Non queremos que vostede nin ninguén vele por nós agora se non o fixeron antes para evitar o accidente", rematan, antes de facer unha última pregunta ao presidente da Xunta. "Ninguén nos manipula nin utiliza a nosa dor porque non o permitimos; o que si é verdade é que hai xente boa e honesa que nos apoia e xente que o único que defende son os seus intereses. Onde se sitúa vostede, señor Feijóo?"

Feijóo, na rolda de prensa do Consello © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.