0 Gardados para despois

A Xunta inaugura o parque de Bombeiros do Carballiño cinco anos despois de inicialo

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


O 28 de maio de 2012 o conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda, asistía ao inicio das obras do futuro parque de Bombeiros do Carballiño e o Ribeiro. “Estará finalizado este ano e operativo ao longo de 2013”, anunciaba daquela, malia que dous anos antes, en marzo de 2010, o propio Rueda xa prometera na vila que esta mesma dotación estaría rematada en 2011. Este xoves, sete anos despois de anuncialo e cinco despois do inicio das obras, o mesmo Rueda inaugurou o edificio á fin con bombeiros no seu interior.

Rueda anunciou en 2010 que estaría rematado en 2011, pero as obras non comezaron ata 2012

O parque, varias naves levantadas no polígono empresarial da Uceira, dará servizo a 23 concellos con 48.000 habitantes. A súa construción custou dous millóns de euros, dos que a metade foron achegados pola Xunta e a outra metade pola Deputación de Ourense e os concellos, e será o consorcio provincial de bombeiros o que o administrará a través dunha concesión á empresa privada Veicar, a mesma que xestiona outra ducia de parques en toda Galicia e, en Ourense, os de Verín, Xinzo e Valdeorras. Precisamente neses tres parques Veicar remitiu aos seus traballadores un protocolo que limita a información sobre as súas actuacións públicas a só catro medios de comunicación elixidos pola propia empresa. O Colexio de Xornalistas considera “inadmisible” esa limitación.

Xestiónao Veicar, a empresa que limita a información das súas actuacións a só catro medios de comunicación.

Segundo fontes sindicais, o obxectivo da empresa sería evitar que os bombeiros transmitan información que critique ou poña en dúbida a efectividade da privatización do servizo. No caso do parque do Carballiño, durante o proceso de selección do persoal, que realizou a propia empresa, os sindicatos tamén alertaron de irregularidades, como xa veñen advertindo noutros procesos similares.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.