0 Gardados para despois

Os cargos públicos 'irmandiños' só serían tránsfugas se deixan de apoiar o BNG

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Unha cuestión política ou mesmo ética, pero non legal. Unha das cuestións máis espiñentas que están sobre a mesa tras a marcha do Encontro Irmandiño das filas do BNG é o futuro dos cargos públicos ostentados por membros do partido que lidera Xosé Manuel Beiras, aos que accederon como candidatos do Bloque. O pasado luns, o propio Beiras, comezaba a abordar este asunto co portavoz nacional da formación frontista, Guillerme Vázquez, e co seu candidato á Xunta, Francisco Jorquera, e semella que haberá novas xuntanzas. En caso de non haber acordo, o futuro dos postos destes edís dependerá unicamente da vontade dos 'irmandiños' e, atendendo á lexislación vixente, o Bloque tería difícil a súa declaración como tránsfugas, mesmo se, como ten indicado Jorquera, abandonan o seus actuais grupos municipais para pasaren ao grupo mixto.

Son tránsfugas?

Un dos casos que, a priori, se presenta como máis problemático é o do Concello de Teo, gobernado con maioría absoluta polo irmandiño Martiño Noriega. Atendendo á doutrina da Comisión de Expertos do Pacto Antitransfuguismo, Noriega ou algún dos seus concelleiros se converterían en tránsfugas se deixan o grupo do BNG e, xa dende o mixto, apoian, por exemplo, a PP ou PSOE para que gobernen o municipio. Acontecería o mesmo se, con independencia da súa militancia, Noriega non renunciase á súa acta e algúns dos seus edís manobrasen para retirar o irmandiño da alcaldía, outorgándolle a un membro doutro partido.

Que acontece se renuncian?

Dado que a acta de concelleiro pertence a cada edil e non á formación pola que se presentou ás eleccións municipais -no caso do Bloque, ademais, engádese a circunstancia particular de que non é un partido, senón unha fronte deles-, a única vía para que o BNG poida dispoñer dos postos de membros do EI é que estes renuncien. Nese caso, segundo establece a Lei de Réxime Electoral Xeral (Lorex), cada escano "atribúese ao candidato ou, no seu caso, ao suplente da mesma lista a quen corresponda, atendendo á súa orde de colocación".

A Lorex tamén contempla o que cómpre facer no caso de que unha renuncia en masa de edís deixe a lista sen "candidatos ou suplentes a nomear". Se iso se produce, "as vacantes serán cubertas por calquera cidadán maior de idade que non estea incurso en causa de inelixibilidade". "Estes suplentes serán designados polo partido (...) cuxos concelleiros teñan que ser substituídos", explica o texto legal. Na práctica, suporía que o BNG elaboraría unha nova lista para cubrir as baixas ata o remate do mandato.

Hai lugar á moción de censura?

Outra vía para o relevo dos irmandiños, á máis improbable, sería a derivada dunha situación de absoluta hostilidade entre os partido de Beiras e o BNG. Neste caso quedaría a opción da moción de censura, aínda que coas limitacións que establece a recente reforma da lexislación electoral. Regresando ao caso de Teo -única alcaldía irmandiña-, esta moción tería que ser impulsada por edís do BNG aliados con outros grupos políticos do Concello, no que sentan seis concelleiros do PP, unha do PSdeG e un independente. Ao propoñer a moción edís que "forman parte do grupo político municipal ao que pertence ao alcalde", a maioría absoluta precisa para a moción "veríase incrementada no mesmo número de concelleiros" do Bloque que se propuxesen desaloxar a Noriega, un suposto que converte esta operación practicamente en política ficción.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Lapelas Versión despregada

Grupo mixto ou abandono dos cargos

Dende o BNG teñen xurdido dúas visións ata o momento. Segundo o candidato nacionalista á Xunta, Francisco Jorquera, os irmandiños deben "pasar aos grupos mixtos" dos concellos, o que na práctica supón que manteñan as súas actas de edís. Mentres, o portavoz nacional da fronte, Guillerme Vázquez, coida que, "por coherencia", deben abandonar os cargos e deixalos en mans do BNG, ao ter accedido a eles a través de candidaturas do Bloque.

"Unidade de acción" ata a fin do mandato

A proposta do Encontro Irmandiño é que os concelleiros que pertencen a este partido e foron elixidos en listas do BNG manteñan a "unidade de acción" co Bloque ata o final do mandato. Trataríase, segundo ten detallado o propio Noriega, de que se mantivese "a estrutura" de poder nas corporacións "con independencia do partido ao que pertenzan" os edís. Así as cousas, sobre a mesa estaría a proposta dunha caste de coalición  con apoio mútuo ata as vindeiras eleccións municipais, que sería legalmente posible mesmo co paso dos membros do EI ao grupo mixto.

A Coordinadora Nacional do EI reunirase este mércores "para decidir sobre a situación dos concellos nos que se comparte grupo municipal". Para o partido, deberíase "poder seguir cooperando e respectando a composición dos grupos municipais, nos que a partir de agora deberán convivir membros do EI e do BNG, co obxectivo fundamental de que sigan respondendo ás expectativas depositadas nelas pola cidadanía que optou por esas listas e por esas persoas", din.

A través dun comunicado remitidos aos medios, os irmandiños aseguran que a súa vontade é "deixar moi claro que deixar a militancia nunha forza política non implica a saída dun grupo municipal, nin legalmente nin aplicando o sentido común que demanda o EI ao BNG". "De feito -subliñan- hai moitos grupos nos que participan persoas independentes que non son militantes do mesmo".