O exame de auxiliares da policía de Porto do Son destapa denuncias de "enchufismo" contra o alcalde do PP

Casa do Concello en Porto do Son CC-BY-SA Luis Miguel Bugallo Sánchez

Irregularidades nos exames e catro das cinco prazas en xogo que acabaron en familiares do alcalde ou persoas vinculadas ao PP local. Esa é a denuncia que se fai sobre dous procesos de selección de persoal municipal levadas a cabo polo Concello de Porto do Son no pasado mes de maio. Foi o grupo municipal de Portodos, formación política local, quen desvelou as presuntas "anomalías" nas probas, que foron denunciadas tamén por algúns dos aspirantes que realizaron os exames e que nega rotundamente o alcalde. 

Portodos, formación política local en Porto do Son, denuncia graves irregularidades en recentes procesos de selección para persoal municipal

Portodos denunciou as sospeitas que arrodearon estes dous procesos de selección (para catro prazas de auxiliares de policía local e para tractorista) e fíxose eco das denuncias que varios dos participantes nas probas transmitiron sobre o discorrer delas. Segundo asegura, na que ofertaba postos para o corpo da policía municipal, un dos funcionarios responsable dos exames e membro do tribunal "mostroulles as respostas ás persoas elixidas", ademais de "murmurar" durante a proba con dúas das mulleres que acabaron obtendo a praza. 

Varios das persoas que participaron nos exames coincidiron nas queixas. Polo menos tres testemuños ratificaron que "se lles ensinaron as respostas" a varios dos aspirantes e que "foi un escándalo". "Houbo quen protestou en pleno exame e quen puxo unha reclamación nada máis saír del, pero os responsables negárono todo", explicaron, tanto publicamente nas redes sociais como por privado a membros da corporación municipal. 

Asistentes ás probas para auxiliar de policía local denuncian que un membro do tribunal "ensinoulles as respostas a varios aspirantes"

"Que raro que as dúas mulleres que aparecen nas listas teñan a mesmiña puntuación", engaden algúns dos examinados. Ao comprobar os datos públicos difundidos polo Concello sobre o resultado das probas, as dúas mulleres con maior puntuación no proceso obtiveron ambas un 7,868 na "proba de coñecementos", que consistía en 50 preguntas tipo test (con catro respostas posibles) propostas polo tribunal. Sobre este exame, afectados denuncian que había preguntas repetidas, unha "duplicidade" nas cuestións da que tamén advertiu o grupo municipal de Portodos, que se pregunta se esa repetición nas cuestións se debía a que eran xa sabidas por algúns dos aspirantes aos postos de traballo.

Outro exame sobre "coñecemento do termo municipal e toponimia", cun 3 como máxima puntuación posible, completaba as probas escritas dun proceso que incluía dúas asequibles probas físicas e outra sobre galego coa que abondaba posuír o certificado Celga 3. Finalmente, as catro persoas con maior nota no proceso accederon á praza de auxiliar de policía, polas que se lles fará un contrato de catro meses para este verán. 

Portodos denuncia que tres das catro persoas que accederon á policía local "teñen relación familiar co alcalde ou forman parte do seu círculo de amizades"

Segundo denuncia Portodos, tres das catro que accederon a eses postos na policía local "teñen relación familiar co alcalde Luís Oujo ou forman parte do seu círculo de amizades". "Simple casualidade? Cadaquén que saque a súa conclusión", pregúntase o partido, que advirte de "enchufismo" e duns procesos de selección postos en cuestión xa desde hai anos. 

O rexedor popular, Luís Oujo, pola súa banda, nega calquera tipo de irregularidade e recoñece que un dos participantes no proceso selectivo acudiu ao Concello a denunciar a forma na que se levaron a cabo as probas. "En canto o souben, reunín o tribunal para saber se ocorrera algo e negáronme rotundamente que houbese algo irregular", di o alcalde, que asegura que non houbo "ningunha reclamación máis" pero que di estar disposto "a volver reunirse" co devandito tribunal "se houbese calquera dúbida".

O alcalde Luís Oujo (PP) nega calquera irregularidade, denuncia que "se acuse sen probas" e ve nas críticas unha "falta de respecto" ao tribunal 

Segundo o rexedor, o grupo Portodos está a "politizar" un tema que, advirte, non vai máis aló. Ademais, acusa de "falta de respecto" ao tribunal das probas e lembra que os seus compoñentes cumpren con todos os requisitos legais malia que desde a formación local denúnciase que "un fontaneiro municipal e un conserxe dun colexio avalíen a preparación ou non dos aspirantes a auxiliares de policía". "Non se pode acusar sen probas; se as teñen de algo, que reclamen no Concello", responde Oujo sobre todas as acusacións.  

En canto á proba para a contratación dun tractorista, Portodos e varias persoas afectadas denuncian que non se tivo en conta a experiencia laboral de varias persoas no proceso de selección, o que lles rebaixou significativamente a nota final, ademais de "falta de transparencia" á hora de realizar as probas ao impedírselles aos participantes estar presentes mentres se levaban a cabo. Segundo a formación política, a persoa seleccionada ten relación familiar con persoas que concorreron co PP aos últimos comicios locais. 

"Foi moi descarado o que fixeron", denuncia un dos aspirantes; varios deles presentarán unha reclamación conxunta no Concello

A formación local asegura que presentará, xunto con varios dos participantes nas probas, unha reclamación conxunta no Concello para que se "repitan os exames, pero cun tribunal que inclúa funcionarios da policía". Ademais, piden ao alcalde Luís Oujo que "dea explicacións", así como "saber quen foi a persoa ou persoas que elaboraron os exames tipo test e saber quen custodiou as probas antes de que se celebrasen". De non haber resposta, Portodos non descarta acudir aos tribunais ante un "proceso contaminado, cargado de graves irregularidades e con relacións de parentesco e amiguismos polo medio". Ademais, aseguran ter probas das relacións persoais "evidentes" entre catro dos cinco seleccionados. 

"Foi moi descarado o que fixeron", denunciou un dos participantes no proceso. "Xa está ben, percorro Galicia para conseguir un posto e logo pasan estas cousas", dixo outro ao advertir da denuncia. "Non me sorprendo, por desgraza é así en case todos os concellos [...]. Algúns procesos nin os remato porque, basicamente, está todo vendido", remata outro. 

Axentes da policía local dun concello galego © Xunta
Feijoo, xunto ao alcalde de Porto do Son, Luís Oujo © PPdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.