0 Gardados para despois

As incorporacións galegas á dirección do PSOE anticipan os protagonistas do congreso do PSdeG

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Mudanza de nomes na recta final cara á fin da interinidade. A xestora que rexe o PSdeG dende marzo de 2016 saíu reforzada coa esmagadora vitoria de Pedro Sánchez nas primarias do mes de maio e volve facer o mesmo despois do congreso federal do PSOE, que o partido pechou este domingo en Madrid cun acto masivo fóra do tradicional plenario congresual no que o secretario xeral foi aclamado, pero no que tamén se palpou a ausencia de parte do sector derrotado. Boa mostra desta correlación de forzas é o resultado das votacións da nova dirección, cun 70% de apoios. E, igualmente tamén o son as incorporacións galegas a estes órganos, asi como as persoas ás que substitúen.

A principal representante do PSdeG no novo equipo de Sánchez é a presidenta da xestora galega, Pilar Cancela, nova reponsable da área de migracións da Executiva federal e mais da actividade internacional do PSOE. Este domingo certificáronse tamén quen representarán a Galicia no comité federal, o máximo órgano entre congresos no que os asentos do PSdeG pasan de 11 a 13. Deste comité saen como membros electos algúns dos apoios galegos máis destacados de Susana Díaz, como a ata agora edil coruñesa Mar Barcón, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, ou o alcalde de Vigo, Abel Caballero, quen non obstante continuará como membro nato mentres sexa presidente da Federación Española de Municipios e Provincias.

Entre as incorporacións figuran dirixentes que, a priori, están xunto á propia Cancela chamados a seren protagonistas do congreso nacional galego. Así, no novo comité federal está o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso e tamén Gonzalo Caballero, un dos principais valedores do sanchismo na provincia de Pontevedra, ademais de antagonista ao alcalde vigués, o seu tío. Incorpórase tamén a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez e o coruñés Diego Taibo, moi próximo ao secretario provincial Julio Sacristán. A representación galega complétase con Maica Larriba, de Pontevedra e Bibiana Iglesias, de Ourense.

O presidente da Deputación da Coruña, a alcaldesa de Lugo e o vigués Gonzalo Caballero incorpóranse ao comité federal

Restan aínda outros sete nomes que non se coñecerán, precisamente, ata que os elixa o congreso nacional, cuxa convocatoria Cancela considera necesario axilizar o máximo posible. Así, en declaracións á Cadena SER a presidenta da xestora admitiu contactos "informais" coa dirección federal para tentar "chegar a un acordo" que permita "acurtar" os prazos regulamentarios segundo os cales o conclave galego non podería ser convocado antes de 60 días despois do remate do federal. "Gustaríame que fose o antes posible", di.

Pilar Cancela admite contactos "informais" para "axilizar" a convocatoria do congreso nacional galego

Neste sentido, Cancela coida que agora o escenario permite que a xestora galega recupere "a competencia máxima que nunca debemos perder, a de convocar primarias e congreso", que lle fora retirada por parte da xestora federal tras o golpe contra Sánchez. A socialista evita, cando menos polo momento, aclarar se valorará a posibilidade de concorrer á secretaría xeral galega, cargo que a obrigaría a abandonar a Executiva federal do PSOE.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.