0 Gardados para despois

VÍDEO | Cando o concello che paga o recibo da luz: o modelo de Muras traspasa fronteiras

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


Documentos relacionados

"Do que me decato é de que esta iniciativa interesa moito máis e ten mais impacto fóra de aquí que no propio país". Manuel Requeixo, alcalde de Muras, recibe chamadas "cada pouco" de medios de comunicación ou colectivos interesados na súa pioneira ordenanza, aquela coa que decidiu sufragar a factura eléctrica dos seus veciños e socializar así os beneficios da enerxía eólica nunha localidade pragada de aeroxeradores. Entrevistado por canles de televisión estatais, emisoras de radio e diarios, a última reportaxe foi a da produtora internacional Zoomin.tv, que traduciu a varios idiomas unha peza que acumula milleiros de visitas en diferentes webs de información.  

"A iniciativa interesa moito mais fóra que no propio país; Galicia é unha potencia enerxética, pero a nivel político o tema non se trata"

"Aquí parece que non se quere falar disto; Galicia é unha potencia en produción de enerxía e en cantos lugares non se podería facer algo parecido, pero a nivel político ou parlamentario este tema queda un pouco de lado e non se trata", insiste Requeixo, do BNG, que accedeu á alcaldía nas eleccións de 2015. Refírese á medida pola que o Concello financia as facturas eléctricas da veciñanza cos impostos que cobra de empresas como Iberdrola, Acciona ou Norvento, que explotan os 20 parques eólicos e 381 aeroxeradores que se espallan pola localidade. Cun importe subvencionable anual máximo de 500 euros e que ten en conta a renda per cápita de cada casa e o consumo, o 75% dos veciños de Muras accederon á axuda. Unhas 200 familias  que reciben -maioritariamente- uns 400 euros anuais que supón que non teñan que pagar a luz ou que apenas abonen un mínimo. 

O Concello financia o recibo da luz do 75% dos veciños de Muras, onde cada dúas persoas hai máis dun muíño de vento

Falamos dun concello onde por cada dúas persoas hai máis dun muíño de vento. Neste municipio da serra do Xistral localízanse o 13% das centrais eólicas que hai en Galicia: 20 dun total de 153. Perto de 400 aeroxeradores que enchen a paixase desta localidade de 164 quilómetros cadrados e menos de 700 habitantes. "É cuestión de vontade política que a xente non sufra pobreza ou vulnerabilidade enerxética e que poida ter unha vida digna", lembra o alcalde Requeixo, que advirte que "non se fai milagre ningunha máis que poñer os recursos naturais ao servizo das veciñas e dos veciños". 

"Sorpréndeme que noutros concellos con grande implantación de parques eólicos e onde se pode facer algo semellante non se faga nada, nin tan sequera unha medida que afecte a xente máis necesitada", di o rexedor nacionalista, que entende que o problema vén de lonxe. "Cando en Galicia se empezaron a instalar aeroxeradores, a Administración non buscou o desenvolvemento industrial que beneficiase a todo o mundo, incluídos propietarios e veciños, senón que en conivencia coas empresas buscouse o negocio rápido e tirar cara adiante; ninguén se preocupou da xente de abaixo", reflexiona, antes de alertar dos "intereses moi grandes que sempre houbo por detrás". "Había unha minoría moi consciente dos grandes beneficios e dividendos que este negocio daba, algo que a maioría descoñecíamos e que non se encargaron de explicarnos", quéixase. 

Na propia ordenanza, o goberno local explicaba que o obxectivo é "compensar a xeración de riqueza dos recursos naturais explotados por empresas con sedes fiscais fóra do territorio", "compensar o impacto medioambiental de forma directa nos veciños e veciñas", "fomentar o asentamento de veciños no noso municipio, evitando o éxodo rural á costa e ás cidades" e, por último, "erradicar do municipio a pobreza enerxética". Para levar a cabo a medida, o Concello destinou 150.000 euros no pasado ano e 130.000 neste. "Non é unha medida cara", insiste Requeixo, que asegura que a maioría dos veciños solicitaron a axuda "malia as mensaxes do PP advertindo que Facenda lles ía facer devolvela".

O alcalde pregúntase por que a Xunta, "que tanto fala de recuperar o rural", non pon en valor medidas como a do seu Concello 

Ademais, o alcalde pregúntas por que a Xunta, "que tanto fala de recuperar o rural", non pon en valor medidas como esta ou as impulsa noutras localidades. "O que non vale é vendernos iniciativas nos xornais que logo non supoñen nada a cambio para a veciñanza, a xente quere vivir no rural pero se ten as mesmas condicións de vida que noutros lugares", insiste. 

"Nótase", di un veciño no vídeo de Zoomin.tv. "Eu veño pagando entre 35 e 40 euros ao mes e ingrésanme 173 euros cada seis meses", di outro na peza que destaca no seu título que L'energia eolica sostiene un piccolo comune spagnolo.

© Zoomin.tv Italia

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.