BNG, ERC, EH-Bildu e Sinn Féin rexeitan na Coruña o TTIP e o CETA

Intervención de Ana Pontón trala sinatura da declaración © BNG

BNG, ERC, EH-Bildu, Sinn Feín, a bretona UDB e a formación valona Ecolo asinaron este sábado na Coruña o manifesto Os Pobos de Europa ante os Tratados de Libre Comercio, unha declaración conxunta en contra dos acordos "que priorizan os intereses das grandes corporacións empresariais e financeiras mundiais en detrimento dos dereitos dos pobos e das maiorías sociais". Ademais, comprométense a actuar como "contrapoder" ao "modelo globalizado que impoñen as transnacionais". O encontro estivo organizado pola Fundación Galiza Sempre (FGS) coa colaboración da Universidade da Coruña.

BNG, ERC, EH-Bildu, Sinn Feín, a bretona UDB e a formación valona Ecolo asinaron o manifesto

Con esta declaración, o BNG e o resto das formacións participantes “queren alzar a súa voz” para denunciar que os tratados de libre comercio danlles ás corporacións transnacionais e aos conglomerados financeiros “un control que perpetúa legalmente o seu poder e os seus privilexios en detrimento da protección e da promoción dos intereses dos nosos pobos”. O “dogma” do libre comercio, -di a declaración-, deixa como realidade incuestionable “o enriquecemento dos máis ricos e o correlativo empobrecemento de todos os demais que conformamos a humanidade, desde a realidade plural e diversa dos nosos pobos”. “Supeditar a democracia e a soberanía a un fanatismo economicista só conduce a un retroceso inédito nos dereitos laborais, sociais, alimentarios, ambientais e culturais así como a privatización e deterioro sistemático do público”, denuncia o manifesto.

O texto proclama, así mesmo, “o dereito como nacións a decidir libre e democraticamente por nós todo o relativo a calquera proposta de inclusión ou relación dos nosos pobos en calquera tratado multinacional de libre comercio, que pretenda ser subscrito por parte dos Estados dos que hoxe formamos parte”.

“Máis que de libre comercio, son tratados de barra libre para as grandes multinacionais e as corporacións bancarias, e de mans atadas para os pobos, para as pequenas e medianas empresas, para a clase traballadora e para a maioría da sociedade”

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, afirmou que “máis que de libre comercio, son tratados de barra libre para as grandes multinacionais e as corporacións bancarias, e de mans atadas para os pobos, para as pequenas e medianas empresas, para a clase traballadora e para a maioría da sociedade”. Para a dirixente do Bloque, “é unha irresponsabilidade que desde o Goberno do PP se aposte por estes tratados que nos recortan dereitos, que empeoran a vida das persoas e que son un mazazo para a conservación do medio ambiente". "Non sei se somos David contra Goliat, pero temos a obriga de traballar por un mundo mellor e máis xusto e para ratificar ese compromiso estamos aquí partidos políticos representantes dos nosos respectivos pobos”, concluíu Pontón.

 

Intervención de Ana Pontón trala sinatura da declaración © BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.