0 Gardados para despois

O edil do BNG en Cabanas denuncia ameazas por oporse ao plan de urbanismo

Redacción | @prazapublica

Iago Varela, concelleiro do BNG en Cabanas, vén de denunciar nas redes sociais a aparición este xoves no parabrisas do seu vehículo dun papel cunha diana debuxada. “Supoño que, quen o fai, faino para tentar meter medo. Ao fin e ao cabo unha diana non ten moitas máis interpretacións posíbeis”, di, sobre unha ameaza que vincula co seu rexeitamento ao novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) que está a impulsar o goberno municipal encabezado polo PP.

Iago Varela di que leva meses sufrindo “ataques de baixa intensidade” pero que non ten medo e manterá a súa postura

Varela comeza a súa denuncia nas redes sociais salientando que en 2015 aceptou presentarse como candidato á alcaldía da vila para “cambiar o noso concello para facelo mellor, para que todo o mundo viva mellor”. “A nosa postura sobre o PXOM é ben coñecida”, di, e engade que “non nos serve porque crea un modelo de concello cuxas prioridades e liñas mestras fan que ese obxectivo de ter un concello moito mellor vaia ser moito máis complicado”. Nesta situación, o concelleiro nacionalista di que “hai quen ten medo do que poida pasar”.

Segundo Varela, a diana que “apareceu” no seu coche este xoves non é a única ameaza que recibe: “Desde hai uns meses vimos sufrindo ataques de baixa intensidade como estes. O meu coche foi raiado, o da miña parella apareceu raiado e tamén cuspido en máis dunha ocasión.” O nacionalista asegura que vai seguir defendendo a súa postura, “e se iso supón aguantar os insultos dun alcalde prepotente por unha banda, as mentiras dun autoproclamado Mesías pola outra, e agora as ameazas dos grupos de interese, pois así será (... o que non saca que non vaia ir denuncialo, como denunciadas estaban xa as raiaduras)”.

"Quero demasiado isto, e teño demasiadas ganas de melloralo para que unha ameaza vaia cambiar a miña forma de actuar”, di o edil

Varela remata reafirmándose nas súas conviccións: “Eu non teño medo, non me van meter medo. Xa non porque, como diría Yoda, o medo sexa o camiño ao lado escuro (o medo leva á ira, a ira ao odio, o odio ao sufrimento e o sufrimento ao lado escuro). É máis fácil. Quero demasiado isto, e teño demasiadas ganas de melloralo para que unha ameaza vaia cambiar a miña forma de actuar”.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.