0 Gardados para despois

O peche de camas provoca xa as queixas nos hospitais polo "colapso"

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


"O problema repítese cada verán desde hai anos pero nunca hai solución". Coa chegada do mes de xullo, o peche de camas hospitalarias provoca as queixas de traballadores e pacientes das áreas sanitarias en Galicia, que denuncian colapso e falta de medios e persoal. A Consellería de Sanidade oculta o número de cuartos inhabilitados durante a etapa estival e limítase a falar de reorganización ou diminución nos "recursos operativos". No entanto, o Executivo recoñece que cando menos algo máis do 11% do total das camas dispoñibles quedan inhabilitadas, mentres que o conselleiro Vázquez Almuíña elevaba esta previsión até un máximo do 20%. Sexa como for, o número de camas inhabilitadas situaríase entre as 730 no mellor dos casos e as máis de 1.000 nas suposicións menos optimistas e cuxa cifra sinalan os sindicatos. Desde o Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) e o Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI) explican a situación.

Entre 730 e máis de 1.000 camas péchanse durante o verán na sanidade pública galega

Desde a Comisión de Centro do CHUAC, a súa presidenta, María Seijo advirte de que na área sanitaria coruñesa pecháronse "arredor de 140 camas" de cara ao verán, o que está a provocar xa desde hai días "colapsos" en Urxencias, onde advirte dunha "media de entre 20 e 40 persoas agardando". Volve haber doentes "amoreados nos corredores" e pacientes "pendientes de ingresos sen cama". "Nada que non ocorra noutras zonas de Galicia", asegura sobre unha situación que afecta especialmente á área de atención a doentes críticos e á de medicina interna.

A Comisión de Centro do CHUAC calcula que hai 140 camas pechadas e que algunhas reabríronse ante as necesidades con persoal "non experto"

As necesidades asistenciais, segundo a comisión de centro, obrigaron á xerencia do CHUAC a abrir camas que xa estaban pechadas "de xeito precipitado e sen persoal experto". "Reducen o plantel experto na área de críticos e teñen que cubrilo de maneira rápida con xente sen a mesma experiencia", lembra, ademais de recordar tamén que cando a Xunta "insiste en que as camas pechadas se poden poñer en funcionamento en calquera momento, esquece que para facelo necesítanse profesionais que atendan os doentes".

Ao tempo, segundo Seijo, "culmínase tamén o peche de camas no hospital Abente y Lago sen importar que houbese pacientes en espera" e confírmase o peche "de todos os hospittais de día cirúrxicos". "Que sexan intervencións sen ingreso non quere dicir que non se faga cirurxía maior", advirte quen repite as queixas chegadas desde outras áreas sanitarias: "Así é como se van incrementar de maneira importante as listas de espera".

En Vigo, pola súa banda, a situación é moi semellante. "Xa non agardamos que o Sergas modifique as súas intencións, pero é que á marxe disto xa anunciaron que van incrementar o uso da privada e a achega económica que se lles fai a estes centros para intervencións que poderían facer na pública se non pechasen áreas enteiras ou contratasen persoal", explica Manuel Moreira, de CIG-Saúde e membro da xunta de persoal do CHUVI.

Na área sanitaria de Vigo, a Comisión de Centro do CHUVI xa promoveu unha protesta polas camas que se pechan durante o verán, ao que nesta comarca hai que sumar as que permanecen inhabilitadas no Meixoeiro ao longo de todo o ano. Segundo os cálculos realizados, neste centro hai xa 60 camas pechadas desde que se fixo o traslado ao Cunqueiro. En total, sumándolle as que se cerran no verán, haberá 180 camas inhabilitadas dun total de 343 dispoñibles, máis da metade. No Cunqueiro, hai máis de 40 cuartos de hospitalización pechados durante o verán.

No Meixoeiro, máis da metade das camas están pechadas durante o verán, mentres que no Cunqueiro hai 40 cuartos inhabilitados

"Na área de Vigo estamos dobremente afectados", explica Moreira, que asegura que nos últimos anos "a Xunta está a intensificar esta política de peches de camas" e que se basea nunha táctica: "o persoal que non colle vacacións está a ser empregado para cubrir as vacacións do resto, sen contratar ninguén das listas de contratación". "É certo que hai dificultades para contratar nalgunhas categorías, pero noutras non hai xustificación ningunha para non facelo", explica quen cre, como no resto das queixas, que o Sergas "desaproveita unha tremenda oportunidade no período estival para reducir as listas de espera".

"Aprovéitanse do verán, das vacacións e da diminución na atención a determinadas patoloxías para pechar unidades e aforrar gasto en persoal"

No fondo, segundo denuncian os traballadores, a intención é "aproveitarse do verán, das vacacións e da diminución na atención a determinadas patoloxías para pechar unidades e aforrar gasto en persoal". "Deberían cubrir todo o posible e empregar os recursos para acurtar as listas de espera pero non o fan", insiste Moreira.

Desde o Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) de Lugo, responsable de CIG-Saúde, debuxa un panorama semellante, ao advertir a semana pasada que aos tres días do programado peche da planta de Cirurxía, o hospital estaba xa "completamente ocupado" e con saturación nas Urxencias.

A xustificación da Xunta

A ausencia de números concretos sobre os peches contrasta coa ampla xustificación que Sanidade inclúe nunha recente resposta parlamentaria ao BNG, de case tres páxinas. Así, o departamento autonómico comeza por "puntualizar que as camas hospitalarias non se pechan", senón que "están todas dispoñibles en función das necesidades" e que a "planificación sanitaria" implica "a xestión e adecuación dos recursos ás necesidades asistenciais" tamén no verán, atendendo "ao decrecemento da demanda, motivado pola diminución da morbilidade estacional de determinadas patoloxías" e tamén á "programación das vacación dos profesionais, así como á realización de obras nos centros hospitalarios.

A Xunta insiste en que "as camas non se pechan", senón que "están todas dispoñibles en función das necesidades"

Neste escenario, o Executivo insta a "entender que a sanidade e, polo tanto, as necesidades asistenciais son procesos dinámicos" e que "sempre que existe unha necesidade", as áreas sanitarias botan man das "listas de contratación para formalizar todos os nomeamentos que sexan necesarios" porque, reitera, "as camas non se pechan".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.