A presión da cúpula de Ferroglobe non dobrega o rexeitamento de alcaldes e comité á venda das centrais

A manifestación do persoal de Ferroatlántica ao seu inicio, na Alameda de Santiago Dominio Público Praza Pública

Ferroglobe aumenta a presión para conseguir por parte de traballadores e alcaldes da comarca un impensable apoio á venda das centrais hidroeléctricas da Costa da Morte no caso de que a Xunta aceptase a solicitude da compañía para segregar as súas actividades de ferroaliaxe e xeración eléctrica. Nunha reunión convocada pola matriz de Ferroatlántica, e á que acudiu o director das factorías costeiras e membros da dirección en Madrid, a compañía recibiu un non rotundo e unánime de empregados e rexedores ás súas intencións de venda das centrais. Foi nunha xuntanza que algúns dos presentes cualificou como "un último intento á desesperada por provocar un punto de inflexión na comarca". Non o conseguiron.

"Foi un último intento á desesperada da empresa por provocar un punto de inflexión na comarca"

Á reunión do pasado luns asistiron, entre outros, Javier López Madrid, presidente de Ferroglobe, implicado en varios casos de corrupción e coñecido na Casa Real como o seu "compi-yogui". Marchou sen a resposta desexada por parte dos representantes do comité de empresa e dos alcaldes. "A reunión acabou en táboas. A intención da empresa era que negociáramos un si á venda das centrais porque iso significaría unha serie de investimentos na Costa da Morte que non se concretaron, pero alcaldes e traballadores mantivémonos firmes", di Manuel Antelo, rexedor de Vimianzo e un dos presentes na xuntanza.

Desde o comité de empresa insisten no intento á "desesperada" da empresa por acadar o visto e prace de alcaldes e traballadores aos seus plans, así como para pedir "diálogo", mesmo no caso de que finalmente poida vender as centrais. O cadro de persoal, pola súa banda, volveu reiterar a súa postura contraria a esta posible venda, pediu a Ferroglobe que retire a solicitude de segregación e insistiu en que ese diálogo debe respectar o "marco legal", ese que impide a segregación das actividades da compañía na Costa da Morte e, xa que logo, a venda das centrais.

Alcaldes e comité insistiron en rexeitar rachar co "marco legal" que impide a segregación das actividades de Ferroatlántica

Desde o comité sospeitan que Ferroglobe sabe da máis que posible resposta negativa da Xunta á súa petición de segregación e que iso é o que a leva a actuar á "desesperada" para intentar conseguir o apoio de alcaldes e/ou traballadores.

Pola banda dos alcaldes, no entanto, as previsións sobre o futuro informe da Xunta non son tan positivas. Con todo, Antelo pregúntase se, "tal e como asegurou o presidente Feijóo, todo depende única e exclusivamente do principio de legalidade e dun informe xurídico, como vén a empresa intentar convencernos sobre unha venda que depende dunha resolución?". "No que ten que ver coa seguridade xurídica, é todo un engano", insiste quen advirte que, aínda no caso imposible de que os alcaldes ou os traballadores acordasen coa compañía, "unha decisión contraria estaría indo contra argumentos xurídicos moi sólidos e en contra dos intereses dos galegos".

Os implicados temen unha resolución "ambigua" por parte dos servizos xurídicos da Xunta

Ademais, e segundo outras fontes presentes na xuntanza, Ferroatlántica xa advertiu que recorrerá a resolución da Xunta no caso de non lle ser favorable e mesmo hai quen adianta xa un informe final "ambiguo" que deixe "marxe" a futuras negociacións e a que o Goberno lave as mans neste conflito. Ao tempo, integrantes da xuntanza coinciden en destacar as semellanzas entre as palabras que Feijóo pronunciara ante os rexedores sobre este tema e as da propia multinacional.

"O desleixo da Xunta non pode ser; deixa todo pendente dunha negociación entre empresa, alcalde e traballadores, o que nos dá unha idea de como funciona e como entende o PP o Estado de Dereito", asegura Antelo. "Dá impresión de que queren que se xogue a partida para logo decidir dar as cartas que máis lle conveñan", engade.

Por último, tanto traballadores como boa parte dos alcaldes destacan a "demora" por parte da Administración á hora de emitir o pronunciamento sobre a petición de Ferroatlántica, e que depende de Augas de Galicia. Ao tempo, a empresa lembra que a venda das centrais insírese nun plan a futuro apoiado polos sindicatos nas negociacións a nivel estatal e que prevé un investimento en Galicia duns 100 millóns de euros e a xeración de ata 500 empregos entre postos directos e indirectos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.