Enfermeiras da UCI de neonatos do Cunqueiro claman contra a falta de persoal

Unidade de neonatoloxía nun hospital CC-BY Melimama

"Unha enfermeira soa para atender ata cinco pequenos con doenzas graves". Esta é a situación extrema que denuncian enfermeiras da Unidade de Neonatoloxía do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. Desde hai xa case un ano, traballadoras desta área do centro vigués quéixanse da falta de persoal na UCI de neonatos para atender con garantías os pequenos, "bebés moi delicados que requiren un coidado especial e que están a recibir unha atención mermada por ter un cadro de persoal demasiado curto". 

As traballadoras da UCI de neonatos levan meses denunciando a falta de persoal e recursos suficientes para atender os bebés

Así o denunciaron esta mesma semana representantes do Sindicato de Enfermaría, SATSE, xunto a pais de bebés ingresados nesta unidade. Advirten dun servizo "desbordado" por mor da reestruturación no persoal que se fixo hai uns meses e aseguran que enfermeiras desta UCI, que deben atender un ou dous neonatos en situación grave, están a atender tres, catro ou mesmo cinco á vez. Pais dos cativos -"que pasan 24 horas alí e saben perfectamente como funciona todo", lembran desde a central- únense ás queixas e denuncian o desamparo. Na área de berces e incubadoras, a situación é semellante. "Hai momentos nos que unha soa enfermeira viuse soa para atender 19 neonatos", din. 

"Hai momentos nos que unha soa enfermeira vese soa para atender 19 neonatos na área de incubadoras e berces"

Aínda que as denuncias veñen de lonxe, a clave do empeoramento está, segundo as enfermeiras e tamén neste caso, no traslado desde o Hospital Xeral ao Álvaro Cunqueiro. "Aumentouse a capacidade da unidade respecto a do outro o hospital ao pasar de 8 a 16 incubadoras na UCI neonatal, pero sen aumentar nin os recursos humanos nin os materiais que, pola contra, diminuíron en dúas persoas", asegura a Praza.gal Malules Carbajo, do SATSE. 

As enfermeiras denuncian que co traslado ao Cunqueiro aumentouse ao dobre a capacidade da UCI pero sen aumentar o persoal

As enfermeiras levan meses denunciando a situación ante a xerencia, ao igual que varios familiares dos ingresados, que xa recolleron sinaturas. A resposta é que se cumpre co ratio de profesional por enfermo malia as continuas queixas que advirten de que o persoal está "deseñado para unha UCI coa metade de capacidade". As traballadoras piden "estabilidade", pero tamén persoal "experto". "De nada vale que a falta de persoal se cubra con profesionais sen experiencia nunha área tan específica", engaden. 

As familias dos nenos ingresados corroboran as denuncias e queixas das traballadoras. Aseguran que os seus fillos non reciben a atención necesaria por falta de persoal, advirten de consecuencias máis graves e gaban o labor das enfermeiras por faceren todo o posible. Algún dos proxenitores, que tivo que trasladar o seu bebé á mesma unidade no CHUAC da Coruña, afirmaba que os medios e recursos no outro grande hospital galego eran moito mellores que os de Vigo.  

O caso agrávase ao ser o Álvaro Cunqueiro un hospital de nivel 3, polo que poden recibir neonatos con complicacións doutros centros hospitalarios de Galicia. As enfermeiras piden unha solución e o Sindicato de Enfermaría censura que a Xunta "teña os seus profesionais traballando por riba dos ratios establecidos por aforrar uns contratos", unha crítica na que coinciden os sindicatos e as comisións de centro doutros complexos ao censurar o peche de camas durante o verán. "Supón un risco para os pacientes e provócase unha merma na calidade dos coidados", insiste o SATSE. 

O SATSE censura que a Xunta "teña os seus profesionais traballando por riba dos ratios establecidos por aforrar uns contratos" 

Desde a xerencia da Estrutura Organizativa de Xestión Integrada (EOXI) de Vigo asegúrase que a Unidade de Neonatoloxía cumpre cos ratios que se establecen segundo o número de pequenos ingresados e que este é semellante ao doutras UCI de neonatos do Estado, algo que negan rotundamente as enfermeiras. "É indignante que aseguren iso", rematan. 

Enfermeiras denuncian a situación da UCI de neonatos no Álvaro Cunqueiro © SATSE Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.