0 Gardados para despois

Diversos concellos galegos animan a celebrar o Día Nacional con bandos e actos culturais

Redacción | @prazapublica

Ante a ausencia de celebracións do Día Nacional de Galicia co impulso do Goberno galego, que reduce as accións ligadas á xornada a unha campaña publicitaria tras o desprazamento ao día 24 da entrega das Medallas de Galicia, son diversos os concellos que na contorna do 25 de xullo animan a unirse á celebración con bandos das súas alcaldías e mais con actividades de tipo cultural e festivo. Consistorios gobernados polo BNG, as Mareas ou o PSdeG convidan durante esta semana as súas respectivas veciñanzas a unírense á celebración.

Na capital galega o bando publicado este 25 de xullo polo seu alcalde, Martiño Noriega, dedica o día á lembranza de Xoán Xesús González, o canteiro, artista e xornalista que tras desenvolver unha intensa actividade política e cultural o primeiro terzo do século pasado foi asasinado polos franquistas en 1936. "Lembrando a súa memoria queremos celebrar este 25 de xullo de 2017, dedicándollo a un veciño de Santiago construtor da nación galega", sinala o bando do consistorio compostelán, que nos últimos anos dedicou a xornada a figuras como Isaac Díaz Pardo ou María Miramontes. En clave de lembranza foi igualmente o acto celebrado este 24 de xullo polo Concello de Ferrol, na súa tradicional homenaxe a Xosé Fontenla Leal no marco dos actos do Día Nacional.

O bando foi tamén o formato elixido por varios concellos gobernados polo Bloque para chamar á celebración do Día Nacional ou Día da Patria. Así, por exemplo, o alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, anima a dar á xornada "ambiente de festa grande" e convida a pendurar dos balcóns "bandeiras galegas" como "expresión de azos para a nosa terra, un país que desexamos próspero e dono dun futuro mellor". A difusión da bandeira galega foi tamén parte central dos actos programados en Poio cuxo rexedor, Luciano Sobral, apelou nun bando a "saírmos á rúa a expresar a ledicia de sermos galegos" e lembrou que o consistorio distribuíu enseñas de balde nos actos que desenvolveu durante esta semana. A distribución de bandeiras realizárona tamén outros concellos como Viana do Bolo.

O Alba de Groria de Castelao inspira outro dos bandos municipais deste 25 de xullo, o do Concello de Ribadeo, cuxo alcalde, Fernando Suárez (BNG), lembra as orixes da festa impulsada polas Irmandades da Fala e convida a veciñanza "a amosar o orgullo de pertencer a un país que busca con decisión o seu futuro". "Galiza é unha fermosa obra colectiva que precisa do esforzo de todas e todos nós", sinala.

Os actos ligados ao Día Nacional continúan o día 26 en concellos como Vigo ou Ames

Outros catro concellos, neste caso da provincia de Pontevedra, apostaron por un manifesto conxunto no canto dun bando. Os alcaldes das Neves, Xosé Manuel Rodríguez; de Mondariz, Xoán Carlos Montes; de Ponteareas, Xosé Represas; e de Salceda de Caselas, Marcos Besada; subscriben un documento conxunto de "alcaldías nacionalistas do Condado e da Louriña" na que sinalan que o seu cometido "non remata nos límites dos nosos respectivos concellos, pois só será completamente útil cando, sumados, os proxectos permitan termos un país que gobernemos, unha nación". 

Os actos do Día Nacional, que outros concellos como o de Lugo organizan en clave cultural -cun concerto da Banda Municipal- continuarán na xornada do 26 de xullo noutros municipios. É o caso de Vigo, onde o Bando do Día de Galicia será lido nesta ocasión polo presidente da RAG, Víctor Freixanes, nun acto programado para este mércores no Pazo de Castrelos. O 26 é o día elixido tamén por Ames para a conmemoración do Día Nacional de Galicia; será no Pazo da Peregrina ás oito do serán con lecturas de textos literarios, intervencións de membros da corporación, un manifesto institucional lido polo alcalde, José Miñones (PSdeG) e unha actuación musical de Suso Vaamonde.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.