Feijóo prega ao Apóstolo pola unidade de España no nome do rei

Feijóo, durante a ofrenda ao Apóstolo na Catedral de Santiago © Arcebispado de Santiago

A axenda pública do presidente da Xunta neste Día Nacional de Galicia ten este 2017 dúas citas. A que ocupa maior número de horas é o exercicio como delegado do rei na ofrenda ao Apóstolo Santiago na catedral compostelá, á que chegou tras representar o xefe do Estado nun acto militar na Praza do Obradoiro. Xa no templo, onde foi recibido polo arcebispo, Julián Barrio, Alberto Núñez Feijóo pronunciou unha "invocación" na que pregou ante o altar maior da basílica pola "unidade" de España.

Dende un chamado a resaltar a importancia de que un presidente de comunidade autónoma sexa o elixido por Filipe VI para este labor, Feijóo sinalou que neste evento relixioso non expresa só o sentimento do rei, senón que tamén "se trata de traer ante o patrón de España innumerables ofrendas anónimas" que parten do "respecto" á "tradición" do Apóstolo, en torno ao que "medra a conciencia europea" e o Camiño de Santiago como "primeiro parlamento que tivo Europa", dixo.

Con este pano de fondo o discurso do xefe do Goberno galego elevou pregarias ligadas a asuntos políticos como a "política prudente e eficaz de acollida" dos "refuxiados que fuxen de diferentes infernos terreais e han de ser tratados con xenerosidade" ou o terrorismo, que "aínda que se enmascare de forma falaz en ideas relixiosas ou na defensa de teses nacionalistas", ten o "odio ao diálogo" como "única base". Feijóo contrapón este escenario co da España que "foi medrando" en torno "ao padroado de Santiago" como "sinónimo de liberdade, paz e convivencia". "Son innumerables os motivos para sentir o lexítimo orgullo de pertencer a unha nación sen cuxo concurso a historia estaría incompleta".

O presidente dixo "seguir contando coa intercesión do Apóstolo" para abordar asuntos políticos como a crise, a violencia machista ou a estrutura territorial do Estado

Como na entrega das Medallas de Galicia, na xornada do 24 de xullo, o discurso do presidente estivo inzado de mencións implícitas ao soberanismo catalán. Así, Feijóo pediu ao santo "vontade e decisión" para que a "obra" de España "non se malogre por culpa de egoísmos, insolidariedades ou fivolidades" e para isto, "a razón ha de estar apoiada pola lei e a lei, pola razón".

A crise económica ou a violencia machista foron outros dos "problemas, conflitos e desesperanzas" para os que Feijóo dixo "seguir contando coa intercesión do Apóstolo". "O delegado rexio quere representar cidadáns libres que anhelan un futuro en liberdade para aqueles que virán despois de nós", concluíu unha intervención que foi respondida polo arcebispo de Santiago cunha homilía na que chamou a "non esquecer o legado da nosa historia", a "non construír o propio sen velar polo próximo" e instou a "recuperar a centralidade da dimensión relixiosa na vida".

Comitiva relixiosa, política e militar na Catedral de Santiago © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.