0 Gardados para despois

Anova pide un "novo ciclo de rebeldía" fronte ao "réxime que nos nega como nación"

Redacción | @prazapublica

Por segundo ano consecutivo Anova elixiu o parque compostelán de Galeras como punto de celebración dos seus actos lúdicos e políticos do 25 de xullo, celebrados desta volta baixo o lema República e ruptura. Ao contrario que no pasado 2016 desta volta o programa reivindicativo e lúdico de Anova cadrou no tempo e case no espazo -estaban separados por apenas 400 metros- co evento organizado polo Día da Patria dende En Marea. Así, o novo portavoz nacional de Anova e vicevoceiro parlamentario de En Marea, Antón Sánchez, acudiu previamente ao recinto onde o partido instrumental centralizou os seus actos da xornada, no parque de Vista Alegre, antes de acudiu a Galeras e pronunciar un discurso no que apostou por un "novo ciclo de rebeldía".

Coa presenza de Xosé Manuel Beiras e de membros de varias mareas municipais Sánchez considerou a necesidade de "reactivar" esa rebeldía porque "as condicións da xente deste país" seguen a "xustificar" que cómpre ir alén da aspiración da derrota electoral do PP. A aposta estratéxica, sinalou, segue a ser "derrocar un réxime" que "traballa para saquear a xente do común" e que "non o fai con pasamontañas, senón a través do DOG e do BOE" mentres "nos nega como nación".

Tras uns meses caracterizados polas tensións internas no seo de En Marea Antón Sánchez lanzou no seu discurso mensaxes políticas en clave de política xeral, pero tamén interna. "Anova -afirma- non naceu para acomodarse ou crer no discurso da normalidade". "Levamos cinco anos demostrando xenerosidade, acumulando poder popular no camiño da ruptura democrática" e, afirma, tentarán seguir facéndoo no futuro. O ciclo que bosquexa Sánchez ten "dous anos" nos que cre necesario "ampliar e estender as mareas a todo o país", "coordinarnos par sermos quen de facer tambalear un réxime que está podre, coo se demostra un día tras outro".

Sánchez: "Anova non naceu para acomodarse ou crer no discurso da normalidade"

Neste sentido, o parlamentario fai un chamado a "non acomodarse" ou "pecharse nas institucións", senón "utilizalas como ferramenta de rebelión cívica". A presenza institucional de En Marea, coida, debe ser compatible con "loitar nas rúas para cambiar un réxime feito á medida duns poucos" e, en última instancia, non optar por "pactar coa infamia", senón "camiñar cara á república e o socialismo".

O chamado a "dotar o pobo galego de todo o poder para autogobernarnos" e "darlle unha patada aos que nos espolian" culminou un discurso de Sánchez que foi tamén remate para a parte política dos actos organizados por Anova polo Día da Patria, iniciados na xornada do 24 cunha xornada coa participación de membros de organizacións soberanistas vascas e catalás. A formación continuou a xornada do 25 de xullo cun xantar festivo.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.