A Xunta privatizou a limpeza dos hospitais sen "estudar" se era máis barato facela con persoal público

Persoal de limpeza dun hospital © Grupo Norte

A privatización ou externalización de servizos públicos, isto é, a contratación con empresas privadas de prestacións antes ofrecidas directamente pola Administración, ten xustificacións diversas. Entre elas adoitan destacar a eficiencia, o aforro ou a maior flexibilidade. Moitas delas sucedéronse nas últimas décadas para pasar a mans privadas servizos non estritamente médicos pero esenciais para o bo funcionamento da sanidade pública. Un deles é a limpeza, que no caso galego foi privatizado practicamente ao 100% -só quedan 20 persoas con postos públicos- sen que existise estudo ningún para xustificar tal decisión por cuestións económicas, técnicas ou sanitarias. Así o vén de concluír o Consello de Contas nun informe no que dubida ademais de que se lograse unha das metas máis frecuentemente aludidas, o aforro económico.

O organismo que fiscaliza as finanzas públicas galegas vén de achegar ao Parlamento un informe sobre os servizos de limpeza na sanidade pública galega correspondente ao ano 2015, cando estaban vixentes no conxunto do Servizo Galego de Saúde un total de 42 contratos cun peso para as arcas públicas duns 130 millóns de euros. Case o 70% dos fondos públicos dedicados a estas adxudicacións estaban nas mans de tres empresas: Clece, ligada ao grupo ACS (56,7 millóns), Limpisa (16,1 millóns) e Ingesan, do grupo OHL (13 millóns). Cada ano, destaca contas, Clece "absorbe o 30,6%" dos fondos que o Sergas dedica a sufragar a limpeza dos seus hospitais e centros de saúde.

Tres empresas concentran case o 70% dos fondos que a Xunta dedica a estes contratos, que suman uns 130 millóns de euros

Este volume de orzamento público é dedicado a contratos con empresas privadas sen que en ningún dos seus expedientes "se constatasen estudos que avalen a conveniencia de recorrer ao modelo de xestión adoptado de externalización do servizo", subliña o informe. Así, aínda que Contas non se pronuncia sobre cal é a fórmula "idónea" ou "máis eficaz" para a "prestación do servizo de limpeza nos centros hospitalarios", si deixa varias dúbidas sobre a mesa.

Contas destaca que o custo do servizo con empresas privadas é "comparable" ao que implicaría facelo con persoal público, pero engadíndolle "o beneficio industrial e o IVE"

"A prestación do servizo de limpeza efectuouse no seu día con persoal propio" do Sergas, lembra Contas, e tras as sucesivas "externalizacións" -dende tempos de Fraga ata a actualidade- "optouse pola amortización xeralizada" das prazas de persoal limpador, isto é, pola súa eliminación.  No entanto, cando foron asinados os sucesivos contratos o persoal foi subrogado -pasou de traballar para o Sergas a facelo para os contratistas privados- e "en xeral", existiu "unha equiparación retributiva e de xornada" con "categorías similares do Sergas". Deste xeito, "o custo que se deriva da prestación do servizo podería ser comparable ao que se desprendería de ser persoal propio" nun contexto no que "ademais, deben engadirse como custos o beneficio industrial e o IVE que o adxudicatario traslada", así como o gasto en "mecanismos de control", en persoal "asignado" por Sanidade para velar polo cumprimento dos contratos coas empresas privadas.

Contratos pouco "realistas" e ofertas "dificilmente viables"

A Xunta suma "aleatoriamente" e con criterios "imprecisos" outro tipo de servizos aos contratos de limpeza

Con este pano de fondo o Consello de Contas describe un amplo mosaico de contratos nos que, nalgúns hospitais, os servizos privatizados se estenden "aleatoriamente" a outros aspectos, nalgúns casos con "escasa relación" coa limpeza. Retirada de materiais de refugallo, xardinaría, distribución de roupa, lavado de louzas, acondicionamento de camas para o persoal de garda, colocación de cortinas ou mesmo un xenérico "o que a dirección encomende" mestúranse en contratos con memorias económicas imprecisas que "non desagregan coa necesaria extensión os compoñentes de gasto" e nas que, nalgún caso, "o custo global estimado da prestación do servizo é superior" ao propio orzamento total.

Todo isto sucede nun contexto no que Contas observa "criterios xenéricos e imprecisos" para optar por unha ou otra empresa en procesos de contratación nos que Sanidade formula orzamentos de licitación -a cantidade máxima que a Administración está disposta a abonar- que "non sempre son realistas" nin "obxectivamente ponderados para facer fronte a unha idónea cobertura do servizo". "A pesar de ser idéntica a natureza do servizo, os criterios de adxudicación e a súa ponderación (...) son heteroxéneos, non constando a oportuna motivación en canto á súa elección", resume Contas. 

O Consello de Contas ve "inevitables" os "incumprimentos" nos contratos de limpeza do Sergas e insta a Xunta a "revisar" o sistema

A estas axustadas ofertas as compañías adoitan responder con "ofertas dificilmente viables e cun custo dificilmente asumible" que mesmo están "por baixo dos teóricos custos de persoal previsibles". Se as empresas cumprisen estas regras de xogo non só non gañarían nada con estes contratos, senón que "en determinados supostos", perderían cartos. O resultado non é outro que un panorama de "inevitables incumprimentos", os cales tampouco son tratados e sancionados de igual xeito en todo o Sergas, senón con procedementos "diferentes" en cada centro.

Por estas e outras deficiencias o Consello de Contas considera que "procede revisar as condicións nas que se vén desenvolvendo o servizo de limpeza nos centros sanitarios da rede do Sergas", comezando por "avaliar a mellor fórmula de xestión", pública ou privada. Trátase, resalta, de "garantir a maior eficiencia ao menor custo", pero tamén "unha maior calidade na prestación do servizo, aplicando no seu caso as penalizacións que procedan".

Instalacións do hospital de Vigo, onde empresas privadas prestan os servizos non médicos © Sergas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.