"Falta vontade política; cunha maioría no Congreso podemos recuperar o Pazo de Meirás"

Benito Portela, alcalde de Sada © Concello de Sada

O anuncio de que a Fundación Francisco Franco xestiona o Pazo de Meirás, a confirmación por parte da entidade de que empregará este labor para facer apoloxía da ditadura e a posición morna adoptada pola Xunta mobilizou entidades civís e pola memoria e varias administracións públicas, que se uniron para activar a maquinaria política e legal que permita recuperar para o público o Ben de Interese Cultural (BIC), así como ilegalizar a institución franquista que agora se ocupa do inmoble ubicado nunha parroquia do Concello de Sada. O seu alcalde, Benito Portela, convocou un pleno extraordinario para o vindeiro sábado no que insistirá, entre outras cousas, en reclamar a xestión das visitas para a administración local. É só unha das demandas e propostas coas que intentará que o simbólico edificio acabe devolto ao patrimonio público. 

Ademais, Portela fixo un chamamento público a administracións, entidades civís e sociedade para que o pleno do sábado "sexa un acto cidadá e político-institucional para rematar coa vergoña dun Pazo de Meirás detentado polos Franco". “Xunta e Estado, asi como os poderes lexislativos de ambos ámbitos,  teñen competencias e atribucións para rematar coa vergoña de que sexa unha fundación laudatoria do réxime de aterror da represión franquista a que xestione as visitas", dix. "Nin un minuto máis de pasividade cómplice", expresou nun comunicado. Antes, atendeu a Praza.gal para esta entrevista. 

Semella que a xestión por parte da Fundación Francisco Franco das visitas ao Pazo esgotou a paciencia de administracións e entidades pola memoria histórica.

Foi unha provocación que fixo reaccionar a moita xente e que espero que faga reaccionar aínda a máis persoas que até o de agora non lle daban importancia ao feito de que a día de hoxe a familia Franco siga detentando a propiedade do Pazo de Meirás. 

"O da Fundación Franco foi unha provocación que fixo reaccionar a moita xente e que espero que faga reaccionar a moita máis"

Sabía que levaban meses xestionando as visitas?

Non, non o sabía, entereime pola prensa. 

O alcalde de Sada non é informado de quen xestiona as visitas dun Ben de Interese Cultural (BIC) que está dentro do seu municpio?

Non, non. Eles fixeron o cambio na xestión das visitas, pero o certo é que tampouco teñen a obriga de comunicarme nada e a min ninguén mo comunicou. Eu entereime en canto empezou a saír a información nos medios. 

"Ninguén me comunicou que a Fundación xestionaba as visitas ao Pazo; entereime pola prensa"

Malia ser legal, non me parece moi moral nin lóxico que unha fundación así xestione un BIC...

Exacto. É por iso polo que levaremos ao pleno extraordinario do vindeiro sábado varias iniciativas, desde a que reitera a solicitude de toda a corporación para xestionar directamente as visitas desde o Concello de Sada ata a que insta a proceder a cambios lexislativos que vaian encamiñados a ilegalizar fundacións como a Francisco Franco. 

O cambio lexislativo é a única opción, pero aquela iniciativa de En Marea foi rexeitada polo PP xa no Parlamento galego.

Esa proposta ía pensada claramente á devolución do Pazo de Meirás a través dunha disposición adicional á Lei de Memoria Histórica para que pasasen ao público todos os bens que fosen usurpados ou conseguidos dunha forma ilícita. No seu día a proposta non recibiu o apoio necesario, pero se cadra agora os que daquela non a apoiaron decátanse de que consecuencias ten que a familia Franco siga a ter a propiedade deste Pazo. 

"Se cadra agora, os que non apoiaron a iniciativa para recuperar o Pazo decátanse das consecuencias de ter os Franco como propietarios"

Como alcalde de Sada, ten algún tipo de contacto coa familia Franco, ten noticia do que acontece no Pazo?

Agás que eu me interese polo que pasa e pregunte, non teño información ningunha do que está a acontecer no BIC, un inmoble que está dentro do noso termo municipal. Se non nos molestamos por saber, poderían estar facendo apoloxía do fascismo, como di que fai a Fundación Francisco Franco, e eu non tiña por que terme enterado de nada. Iso é o fundamental do asunto. O grave é que non haxa un mecanismo de control xa establecido e que teñamos que actuar a maiores vixiando para que non se produza esa exaltación dunha ditadora ou dun ditador. 

"Se non nos molestamos, a Fundación pode facer apoloxía do fascismo e eu non tiña por que terme enterado de nada"

Fala coa Xunta desta problemática?

Cando fixemos a primeira solicitude para xestionar as visitas avisamos á Xunta e respondéronnos dicíndonos que non era posible, alegando diferentes disposicións legais. É certo que a declaración BIC non é moi explícita a respecto de quen debe xestionar as visitas. Logo, ao abrirse un primeiro expediente aos Franco por incumprimento do réxime de visitas, si tivemos unha xuntanza na Dirección Xeral de Patrimonio, pero non houbo avance ningún. Non era unha reunión exclusiva sobre o Pazo de Meirás e non tratamos a fondo o tema porque xa tiñamos a resposta negativa. 

Falta vontade política?

Claro. Con vontade política, cunha maioría no Congreso dos Deputados, pódese modificar a Lei de Memoria Histórica. A proposición presentada por En Marea suporía unha modificación substancial na lexislación que, no noso caso, serviría para recuperar o Pazo para o público. Poder claro que se pode. 

"Con vontade política, cunha maioría no Congreso, pódese recuperar o Pazo de Meirás para o público"

Que se podería facer no Pazo no caso de que recuperase para o patrimonio público?

Hai moitas opcións. Creo que o primeiro sería dar un paso para dignificar todas as vítimas do franquismo e facer un sitio onde se conte a memoria histórica desde o punto de vista destas vítimas e non do ditador ou da Fundación que o defende. Desde logo, esta só é unha posibilidade das moitas que hai, mesmo un día houbera un interese da Unesco para facer un Observatorio pola Paz. 

Utopías mentres non se arranxe o fundamental...

Claro, o primeiro de todo e inmediato é evitar que a Fundación Franco xestione as visitas. Logo, na folla de ruta, o seguinte paso sería establecer os mecanismos para que o Pazo acabe sendo patrimonio público. Unha vez que consigamos iso, hai milleiros de opcións porque é un edificio moi importante e con moito simbolismo que o fai atractivo para calquera iniciativa que se propoña. 

"O primeiro e inmediato é evitar que a Fundación Franco xestione as visitas; logo, establecer os mecanismos para que o Pazo sexa público"

Confía en que o PP mude a súa postura sobre o tema?

Eu só podo falar a nivel local, de Sada, aínda que sabemos que o tema do Pazo de Meirás transcende o ámbito galego e mesmo o do Estado. É un símbolo dunha das maiores ditaduras represivas que se viviu en Europa e o sábado intentaremos acordar entre todas as forzas da corporación un documento unánime e integrador que conteste dunha forma contundente á provocación da Fundación Francisco Franco. Non descarto para nada que o PP se sume á iniciativa. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.