A Coruña remunicipaliza as súas bibliotecas a pesar dos atrancos do Goberno central

Biblioteca infantil e xuvenil da Coruña © Concello da Coruña

A Lei de Orzamentos Xerais do Estado para 2017 incluiu nas súas disposicións adicionais 26 e 34 importantes limitacións á contratación de persoal por parte dos concellos, dificultando en gran medida os procesos de remunicipalización, así coma a prestación de novos servizos á cidadanía. Estes obstáculos víñanse a unir a outros, coma a taxa de reposición e a Lei Montoro, cos que o Goberno central viña dificultando a acción das administracións locais. O intento por parte do Concello da Coruña de recuperar a xestión directa das bibliotecas da cidade, iniciado o pasado ano, chocou contra as citadas disposicións e contra un informe negativo do secretario municipal, que dificultaba a subrogación dos contratos do persoal xa existente.

Porén, o Goberno municipal vén de iniciar o proceso de asunción da xestión do servizo de bibliotecas de proximidade, a través dunha empresa pública xa existente, a Empresa Municipal de Vivenda, Servizos e Actividades (Emvsa). 3 das 8 bibliotecas municipais xa eran xestionadas de forma pública e agora uniranse as outras 5, cun total de 64 empregados e empregadas.

Así, apóstase por un modelo de xestión directa, a través de persoal funcionario, dos servizos centrais, que son os que na actualidade se concentran no edificio municipal de Durán Loriga, e que inclúen tamén a Biblioteca de Estudos Locais e a biblioteca infantil e xuvenil. Tamén será ocupada por persoal funcionario a totalidade das direccións das bibliotecas de proximidade (centro Ágora, Fórum Metropolitano, O Castrillón, Monte Alto, Rosales e a Sagrada Familia). E, finalmente, a xestión dos servizos bibliotecarios (técnicos e auxiliares) das bibliotecas de proximidade realizarase a través dunha sociedade mercantil local pública, Emvsa, que irá incorporando progresivamente os e as traballadoras que neste momento están contratadas a través de Eulen.

O Concello da Coruña fai uso dunha excepción prevista na propia disposición adicional 26ª que permite non contabilizar "como persoal de novo ingreso do cómputo da taxa de reposición de efectivos" o incorporado "en cumprimento dunha sentenza xudicial, ou previa tramitación dun procedemento que garanta os principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade". En paralelo, e mentres Emvsa completa o proceso, o Concello licitará un contrato ponte de servizos complementarios das bibliotecas, cunha duración dun ano e un importe anual de 2,4 millóns de euros.

O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, destacou que a decisión do Goberno municipal consegue vencer os "atrancos do Goberno central a todos estes procesos de municipalización en marcha en todo o Estado" e responde "á aposta polas municipalizacións e á nosa vontade de buscar opcións e seguir adiante con elas, pese aos bloqueos do Executivo". Sande subliñou que, ademais, "garante os postos de traballo, unha cuestión que foi en todo momento e segue a ser unha premisa central no noso proceso de remunicipalización".

A concellería destaca que "a internalización de todas as bibliotecas permitiría reordenar o servizo, contribuíndo á mellora da súa eficiencia e incrementando as prestacións ofrecidas á cidadanía". Ademais, sinala que "a aposta pola remunicipalización do servizo de bibliotecas busca acabar cunha dobre xestión derivada dun modelo público-privado que provoca distorsións na xestión interna".

 

José Manuel Sande, concelleiro de Culturas © Concello da Coruña
Biblioteca de Monte Alto © Concello da Coruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.