Quen fala cos irmandiños?

Beiras, Concha Trigo e Martiño Noriega, na asemblea do EI CC-BY-SA EI

Despois da escisión, que? Apenas dous días despois de que o Encontro Irmandiño decidise marchar do BNG e aínda en plena treboada política, mediática e ata internáutica o partido que lidera Xosé Manuel Beiras comeza a marcarse un roteiro a seguir nos seus primeiros días de vida allea á formación frontista. A Coordinadora Nacional do EI reunirase este mércores para marcar prioridades e entre elas figura o establecemento de pautas para iniciar "contactos para a converxencia" con "todas aquelas persoas e grupos que estean polo novo referente político do nacionalismo". Pero, quen falará cos irmandiños? É unha interrogante que, a priori, busca respostas tanto fóra como dentro do propio Bloque.

No exterior do Bloque os contactos comezarán case inmediatamente e estarán protagonizados, en boa medida, por pequenas formacións de nova creación e tamén por outras xa existentes, como a plataforma Causa Galiza. Constituída como unha "iniciativa popular pola autodeterminación", Causa Galiza vén funcionando dende 2008 coa vontade de aglutinar colectivos e persoas do ámbito do soberanismo. Tras a asemblea dos irmandiños, esta formación "aplaudiu" a decisión da formación que encabeza Beiras e a súa vontade de "constituír unha nova fronte ampla" no ámbito do nacionalismo e da esquerda. "Á vista das resolucións, Causa Galiza abre conversas formais con esta formación para explorar o proceso de definición do novo referente político da esquerda soberanista", anunciaban.

No que atinxe a formacións de nova creación os primeiros en pronunciarse foron os compoñentes do Espazo Ecogaleguista, impulsado por "medio cento" de persoas que, din, apostan pola creación dun "referente da esquerda renovadora e ecosocialista para traballar a prol da unidade dunha esquerda nacional ampla". Un dos seus impulsores, Xoán Hermida, acolle de xeito "moi positivo" a "resolución do Encontro Irmandiño" por ir "na liña de construír algo novo" e por iso, afirma, abre a porta a contactar co partido unha vez que marchou do BNG.

En opinión de Hermida falar de "que o sistema político galego é pechado" ás tres actuais forzas parlamentarias constitúe "unha herdanza do fraguismo, un modelo que tiña como unha das súas características a anorexia política", para que Galicia "se identificase cunha comunidade como Murcia" e non "con Euskadi e Catalunya, onde hai seis partidos e non pasa nada". Desde o seu punto de vista, "os dous partidos que concentraron toda a esquerda en Galicia "a mosan "carencias e faltas de alternativas" que "levan a unha situación moi cómoda para o PP, salvo en casos de emerxencia nacional, como o Prestige". "O PP -conclúe- faise o dono dunha autonomía na que non cre".

Á espera de Máis Galiza

Se ben estes contactos con forzas e persoas alleas ao BNG se poden iniciar de maneira máis ou menos inmediata, a dimensión desa eventual "novo referente" poderá ser calibrada con máis exactitude despois do 11 de marzo, xornada na que Máis Galiza celebrará a súa asemblea nacional para, oficialmente, aborar "un debate de fondo e sereno" e avanzar "no reforzamento organizativo". Oficiosamente estará sobre a mesa a permanencia ou non no Bloque. Non en van, o propio líder da corrente, Carlos Aymerich, ten asegurado nos últimos días que, na súa opinión, "temos que pensar moito no nacionalismo galego, como nos organizamos, e seguramente as fórmulas actuais e o modelo do BNG estea xa en vías de superación".

Unha eventual marcha de Máis Galiza, xa sexa ao xeito do EI ou ben a través da petición de baixas no Bloque por parte dun continxente importante da súa militancia abriría un novo escenario para a "converxencia" que propugna o partido de Beiras. A dirección da corrente que lidera o ex portavoz parlamentario, quen vén de asumir a secretaría de economía e emprego da Executiva do Bloque, terá que ponderar as opinións da súa base, proclives á marcha especialmente entre a mocidade, e tamén se é posible conciliar o seu ideario co dos outros colectivos que apostan por confluír cos irmandiños, os cales, sobre o papel, se atopan en latitudes ideolóxicas sensiblemente afastadas.

Beiras, Concha Trigo e Martiño Noriega, na asemblea do EI CC-BY-SA EI

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.