0 Gardados para despois

En Marea e BNG reivindican o legado de Bóveda e a "vixencia" do seu pensamento

Redacción | @prazapublica

"Quixen facer ben, traballei por Pontevedra, por Galicia e pola República e o trabucado xuicio dos homes (que eu perdoo e todos debedes perdoar) condéname". Ás cinco e cuarto da madrugada do 17 de agosto de 1936 Alexandre Bóveda dirixíase así ao seu irmán a través dunha carta, a derradeira da súa vida. Poucas horas despois sería asasinado polos franquistas, que catro días antes escenificaran a súa disposición a fusilalo no que presentaron como un xuízo por traizón. A data do asasinato de Bóveda é conmemorada cada ano -aínda que sen o apoio do Goberno galego- como Día da Galiza Mártir e serve non só para lembrar a figura do político galeguista, senón a de todas as persoas que sufriron a represión franquista en Galicia.

Neste xoves, outra vez, houbo homenaxes a Bóveda e aos milleiros -unhas 5.000- asasinados pola represión franquista tan só nos anos nos que transcorreu a guerra civil. En Marea e BNG acudiron a Pontevedra e Caeira (Poio), onde foi fusilado, para uns actos nos que pediron "recuperar a memoria do sucedido" e "a vixencia do pensamento político e das propostas fiscais" do militante nacionalista. 

Villares pide "recuperar a memoria do sucedido" e dos "valores que defendían as persoas que se enfrontaron á morte"

O portavoz de En Marea, Luís Villares, o legado de Bóveda e subliñou que a súa formación busca coa homenaxe "recuperar a memoria do sucedido" e dos "valores que defendían as persoas que se enfrontaron á morte" pola súa defensa. Ademais, volveu pedir que "sexa anulada" a "farsa de xuízo" que sufriu o política galeguista para que "quede constancia na hisoria de que o que houbo non foi un xuízo, senón directamente un asasinato no medio dun réxime de terror imposto polos sublevados en contra da democracia". 

Pola súa banda, Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, logo da homenaxe en Poio anunciou no acto celebrado en Pontevedra que o BNG remitirá ao Parlamento galego unha Lei de Memoria Histórica para o recoñecemento e reparación de todas as vítimas do franquismo. “Queremos que Galiza conte cunha lei propia co máximo rango institucional”, dixo. 

O BNG ultima unha Lei de Memoria Histórica galega para anular os xuízos franquistas e devolver o Pazo de Meirás ao pobo 

Pontón avanzou que o texto lexislativo do BNG inclúe anular todos os xuízos e condenas ditadas polos tribunais do franquismo entre 1936 e 1978, a diferenza do que ocorre coa Lei estatal de 2007. Resulta “indecente”, afirmou que Amalia Bóveda, 81 anos despois continúe agardando a anulación do xuízo contra o seu pai e sexan desestimados todos “falsos cargos” contra el.

A lei que o BNG vai defender no  Parlamento galego tamén reclama a exhumación das vítimas soterradas en foxas comúns e a supresión de toda a simboloxía franquista, porque resulta  “inconcibible” que persistan estes símbolos, distinción e honores aprobados pola ditadura.  "No ano  2017 aínda temos  que asistir ao disparate de ver como o Goberno da Xunta de Feijóo delega na Fundación Francisco Franco a xestión das visitas ao Pazo de Meirás, unha entidade adicada a enaltecer a figura e valores  do ditador", aclarou. 

Pontón reivindica a vixencia do pensamento político e das propostas fiscais de Alexandre Bóveda

O BNG tamén inclúe na lei galega da Memoria declarar institucional o 17 de agosto,  Día da Galiza Mártir, como "data de homenaxe a todas as vítimas da represión",  elaborar un “mapa de lugares da memoria” preservando o simbolismo de espazos como o da Illa de San Simón declarándoa  “Illa da memoria” e crear o Consello Galego da Memoria para divulgar a historia das décadas escuras, porque ”nin podemos, nin queremos pasar páxina mentres non haxa xustiza e reparación con todas e cada unha das persoas ás que o fascismo deixou tiradas  nas cunetas”.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.