O SUP ve "obsceno" organizar un acto oficial para entregarlle o Códice á Catedral

Feijóo, Rajoy e a dona deste, na Catedral de Santiago © Xunta

En tempos de recortes, as celebracións protagonizadas por cargos institucionais non sentan especialmente ben entre o persoal público, máis aínda se os fastos teñen como obxectivo conmemorar un éxito dese mesmo persoal. Esa é a sensación que semella existir entre os funcionarios policiais ou, cando menos, nun dous grupos máis representativos dos mesmos, o Sindicato Unificado de Policía, ante o xeito de proceder amosado polos gobernos tras o achado do Códice Calixtino. Mesmo antes de coñecerse en que consistiría exactamente, o SUP deu por suposto que se produciría un acto oficial de entrega do valioso volume á Igrexa que, de confirmarse, suporía unha decisión "obscena", sinalaron nun comunicado remitido aos medios.

E non erraron no seu vaticinio. Efectivamente, existirá acto de devolución oficial e, atendendo á confirmación realizada pola vicepresidenta do Goberno central, Soraya Sáenz de Santa María, será o propio Mariano Rajoy quen "entregue" o vindeiro domingo o Códice aos representantes do Cabido da Catedral compostelá. Para o SUP esta caste de "actos solemnes" supoñen "un desembarco de autoridades policiais e políticas" especialmente pouco axeitados "en época de crise" que son tamén épocas "de recortes, entre outros, aos propios funcionarios policiais". En opinión do sindicato policial "perfectamente poderíase seguir o método que se emprega habitualmente" cando se recupera un obxecto roubado: "que o propietario comparecese na comisaría e se redactase unha acta de entrega". "Algo tan sinxelo coma iso, pero coa Igrexa topamos", engaden.

Sospeitas do electricista dende o inicio

Mariano Rajoy protagonizará o acto de "entrega" do Códice na Catedral

Á marxe da censura ao acato de entrega, os representantes en Galicia do SUP, á marxe de "congratularse" da recuperación "dun patrimonio tan valioso" e de darlle os parabéns "aos funcionarios da comisaría de Santiago e aos membros da Unidade de Patrimonio que levaron a investigación", estenden a felicitación a un "un funcionario da Brigada de Seguridade Cidadá" de Compostela, que o 8 de xullo de 2011, isto é, tres días despois do roubo, "sinalaba ao agora detido como presunto autor da substración" mediante "un escrito interno dirixido á Xefatura da comisaría". Nese escrito, din, "fundamentaba as súas sospeitas con datos concretos". "Ignoramos se esta información se tivo en conta á hora de abrir a liña de investigación que conduciu ao esclarecemento do feito".

En caso de que esa advertencia se tivese en conta ao SUP "custalle traballo entender o porqué da tardanza na súa solución" e, "se non foi así", "alguén deberá dar explicacións"."En todo caso, ao igual que os funcionarios que interviñeron na investigación, este policía debe ser acredor das honras e parabéns que no seu momento se determinen" pola resolución dun caso no que, ao seu xuízo, "quedan algunhas cuestiósn colaterais por aclarar", sobre todo "no ámbito das relacións laborais e humanas entre o detido e os responsables da Igrexa compostelá". "Transcorrido un ano aínda nos teñen desconcertadas as insinuacións do deán e responsable da custodia do Códice que, debido ao segredo de confesión, posiblemente nunca cheguemos a coñecer". "Cousas da miseria humana", reflexionan.

Feijóo, Rajoy e a dona deste, na Catedral de Santiago © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.