O Sergas, condenado por non pagar as gardas a un médico durante o permiso de paternidade

Sede da Consellería de Sanidade e do Sergas CC-BY-NC-SA CIG

O xulgado contencioso-administrativo número 1 de Lugo vén de estimar a demanda interposta por un médico do Sergas e recoñécelle o seu dereito a percibir o rateo das gardas correspondente ao período de paternidade e de permiso compartido coa nai tras o nacemento do seu fillo. Faino en contra da postura da Xunta, que se negou repetidamente a abonarlle os cartos correspondentes, indo en contra da súa propia normativa e aludindo aos límites que ao cobro de retribucións por gardas establecía unha lei de Orzamentos que non era aplicable nos casos de conciliación.

A Xustiza recoñécelle a un médico o pagamento do rateo das gardas durante o permiso de paternidade tras a negativa do Sergas a abonarlle os cartos

"A finalidade [do permiso de maternidade e paternidade] concrétase na conciliación da vida familiar coa laboral e a atención ao fillo neonato, sen que por esta causa -que non se trata dunha incapacidade laboral- se deba sufrir un prexuízo laboral", advírtelle a maxistrada ao Sergas na sentenza á que tivo acceso Praza.gal. 

A xuíza lémbralle á Xunta que a finalidade do permiso de paternidade é a conciliación "sen que se deba sufrir" por iso "un prexuízo laboral"

O médico especialista gozou do permiso polo nacemento do seu fillo e do uso compartido da baixa maternal a principios de 2016 sen percibir a cantidade correspondente e acordada ao rateo das gardas. O afectado solicitou á xerencia da súa área sanitaria o abono das cantidades, sen obter resposta ningunha, para logo interpor un recurso de alzada ante a dirección de Recursos Humanos do Sergas, sen ser tampouco respondido en prazo. 

Ante a falta de resposta e o impago, foi a delegación galega da Confederación Estatal de Sindicatos Médicos (CESM) a que en nome do facultativo interpuxo a demanda ao Sergas para reclamar o pagamento. A xuíza deulle a razón ao afectado, recoñeceulle o seu dereito a percibir o rateo das pagas por gardas durante o seu permiso e condenou o Sergas a abonar as custas do proceso

O CESM cre que a sentenza demostra "a falacia da publicidade da Xunta cando proclama a súa protección á natalidade"

Desde o CESM cren que esta sentenza "demostra unha vez máis a falacia da publicidade da Xunta cando proclama aos catro ventos a súa protección á natalidade e a súa preocupación pola recuperación desta en Galicia". "Tivemos que recorrer de novo á Xustiza para que esa presumida protección fose efectiva", engade o sindicato médico, que lembra que os tribunais volveron darlle a razón "sen que o Sergas se inmute nin se ruborice cando a xuíza fundamenta o ditame na súa propia normativa". 

Refírese o CESM a unha sentenza na que a maxistrada lembra á Xunta que foi ela mesma a que, na Circular 18/2004 de 4 de xuño publicada no DOG, "regulamenta o procedemento de abono de gardas médicas deixadas de percibir polo persoal facultativo de atención especializada en consecuencia de, entre outras circunstancias, a maternidade". A devandita circular, froito dun acordo de negociación colectiva, establece que estes profesionais "devengarán o dereito a percibir os importes das gardas non realizadas por causa" de varios motivos, entre os que inclúe a ausencia por maternidade. 

O Sergas alegou que a circular que recoñece o pago do rateo das gardas fora derrogado pola lei de Orzamentos

A maxistrada advírtelle á Xunta que o acordo "si ten efectos vinculantes" e que non se atopa "derrogado", tal e como "argumentou" o letrado da Administración galega, que entendía que esa circular non era aplicable. Lémbralle, tamén, que os acordos froito da negociación colectiva "non teñen de seu a condición de norma" pero "si producen forza de Lei entre as partes que os confeccionasen e asinasen". E insístelle en que, aínda que o pactado en 1995 non recoñecía desde a súa sinatura os dereitos referidos, "si incluía o compromiso do Sergas de recoñecelos", algo que "se materializou coa devandita circular". 

A sentenza avisa de que actuar en sentido contrario "sería unha vulneración dos máis elementais principios de boa fe, confianza lexítima e, en especial, seguridade xurídica de acordo aos que debe actuar a Administración" e reitera que, "máis aínda", tendo en conta que foi a propia Xunta a que "durante nada máis e nada menos que cinco anos deu esperanzas aos afectados polo acordo de 1995" para publicar logo unha circular "na que recoñece as expectativas deses profesionais, regulando unha unificación de procedementos e criterios nos distintos centros". 

Ante esta argumentación, a Xunta alegou na súa defensa o artigo 24.3 da Lei de Orzamentos para 2016, na que se aclara que "en ningún caso" se poderán percibir percepcións retributivas ou asignacións económicas, incluíndo suplementos ou rateos derviadas de gardas, "cando non exista prestación efectiva dos servizos motivada por situacións de incapacidade termporal".  A xuíza responde lembrando que o acordo de negociación colectiva que deu lugar á devandita circular tiña como obxectivo, precisamente, "paliar a perda de ingresos" que as baixas de maternidade provocaban nos profesionais e que o permiso de paternidade busca "a conciliación da vida familiar coa laboral" para atender o fillo sen ter tampouco "prexuízo" económico. 

Vázquez Almuíña e cargos do Sergas no CHUS de Santiago © Conchi Paz

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.