Rajoy e Feijoo fan a foto co Códice e limítanse a pedirlle á Catedral "un esforzo maior" para protexelo

Julián Barrio, Rajoy e Feijoo, ante o xuíz Vázquez Taín © CRTVG

Xa temos a foto. O Goberno quixo converter a recuperación do Códice nun acto publicitario e así o executou, coa presenza das autoridades correspondentes, comezando por Pilar Rojo, presidenta do Parlamento, Jesús Vázquez, conselleiro de Cultura, ou Juan Casares, reitor da USC, que acompañaron a Mariano Rajoy e Alberto Núñez Feijoo na entrega do libro a Julián Barrio, Arcebispo de Santiago. Houbo agradecementos, principalmente aos axentes de policía que participaron na investigación, e cando menos desta vez o mérito non o levou o noso señor Santiago, como adoito. 

O que non houbo foi crítica ou autocrítica sobre as circunstancias na que a obra de valor incalculable desaparecera, a deficiente seguridade ou a propia opacidade de todo o proceso. Non se pasou dunha amoestación de Rajoy ao Arcebispado, cando lle pediu "un esforzo maior" na súa seguridade. E as medidas propostas polos dous gobernos, o central e o galego, non foron máis aló, tampouco, do ofrecemento dun convenio de colaboración coa Catedral para "protexer o patrimonio histórico-artístico" e evitar que casos coma este volvan ocorrer.

Mariano Rajoy ofreceu tamén "un chequeo e avaliación" do estado da obra, que realizaría o Instituto de Patrimonio Histórico Español. Ante iso, Julián Barrio non puido máis de dicir "moitas grazas" e prometer que non "aforrarán esforzos" no coidados dos bens patrimonio de todos.

Un cento de peregrinos apuparon e berraron "fóra, fóra" contra os representantes políticos, especialmente contra Rajoy

O resto do acto camiñou entre os agradecementos: de Feijoo a Rajoy e de Rajoy ás forzas de seguridade e dos outros actores que participaran na investigación, da que dixo que fora "un exemplo para todo o mundo". Rajoy, así mesmo, fixo referencia a que o acto se realizaba no mesmo lugar, a sala Sinodal do Pazo de Xelmírez, que acollera o primeiro Parlamento galego, do que el formou parte. O presidente do Goberno central manifestou sentirse "moi feliz como santiagués" e asegurou que "a inmensa maioría dos cidadáns están hoxe un pouco máis contentos", despois da devolución do Códice á Igrexa.

Na entrada e na saída das autoridades da Catedral un cento de peregrinos apuparon e berraron "fóra, fóra" contra os representantes políticos, especialmente contra Rajoy.

 

Críticas ao acto

O acto recibiu numerosas críticas nos últimos días, cualificándoo de "publicitario", "oportunista" e sobre todo acusando as distintas administracións de non entrar no fondo da cuestión: as condicións de conservación e protección do patrimonio

O acto recibiu numerosas críticas nos últimos días, cualificándoo de "publicitario", "oportunista" e sobre todo acusando as distintas administracións de non entrar no fondo da cuestión: as condicións de conservación e protección deste e doutros bens patrimonio de todos. Para Esquerda Unida, por exemplo, o acto de hoxe supón que "a política do absurdo" se apodera "do escenario político galego e español". Para a coalición de esquerdas, "en tempos en que Rajoy nos ameaza cos venres de paixón, anunciando novas, duras e inxustas medidas de recortes en materia de dereitos, en tempos en que nin se digna en saír de forma directa a explicarlle ao seu pobo as condicións da entrega do futuro do país aos intereses financeiros, a súa señoría converte en esperpento o que debera ser integridade política e coherencia ética".

De igual xeito o PSdeG-PSOE, a través de Pablo García, criticou que Rajoy "veña a Galicia a poñer a medalla que lles corresponde aos investigadores" no canto de explicar "as duras repercusións da súa política de recortes". O mesmo afirmou o BNG, a través de Francisco Jorquera, que cualificou de "esperpéntico" e "electoralista" que Rajoy faga entrega do Códice e "se apropie dunha actuación policial". Jorquera lembrou, así mesmo, que a Xunta ten competencias en materia de patrimonio, pero que quedou demostrado "que non as exerceu", xa que "non existían as máis mínimas e elementais medidas de seguridade para protexer esta obra".

Julián Barrio, Rajoy e Feijoo, ante o xuíz Vázquez Taín © CRTVG
Núñez Feijoo intervén no acto de entrega do Códice © CRTVG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.