Fomento programa ao mesmo tempo varios desvíos de tráfico por obras na A-6 e a A-52

Mapa facilitado por Fomento co desvío de tráfico da A-52 á N-525 na Gudiña Dominio Público Ministerio de Fomento

A circulación sufrirá restricións ata o venres en treitos de Becerreá e As Nogais na Autovía do Noroeste e de Salvaterra e A Gudiña na Autovía das Rías Baixas

O Ministerio de Fomento vén de pór en marcha obras de diverso tipo de xeito simultáneo que condicionarán a circulación ao mesmo tempo, ata o próximo venres día 15, en varios treitos das dúas autovías que comunican Galicia coa Meseta, a Autovía do Noroeste (A-6) que chega á Coruña e a Autovía das Rías Baixas (A-52) que chega a Vigo.

No caso da A-52 a principal afección rexistrarase nun treito duns sete quilómetros á altura da Gudiña nos que a calzada en dirección Madrid estará cortada por completo para o seu asfaltado e todo o tráfico será desviado pola N-525 desde este martes e ata o venres día 15.

Na mesma A-52, á altura de Salvaterra de Miño, a construción dun viaduto cortará alternativamente unha das dúas calzadas e o tráfico será desviado pola calzada contraria pero reducido a un carril de circulación por sentido. Estes cortes produciranse das 17.00 horas deste mércores ás 10.00 do xoves e novamente das 17.00 horas do xoves ás 10.00 horas do venres día 15.

Na A-6 as obras afectan a instalacións dos túneles de Doncos, nas Nogais, e de Cereixal, en Becerreá. Tamén ata o mesmo venres día 15, e en horario nocturno desde as 23.00 ata as 6.00 horas, cortarase alternativamente unha das dúas calzadas ao longo duns 5 quilómetros e o tráfico será desviado pola calzada contraria pero reducido a un carril de circulación por sentido.

Mapa facilitado por Fomento co desvío de tráfico da A-52 á N-525 na Gudiña Dominio Público Ministerio de Fomento

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.