Leiceaga: "Debemos traer ao noso territorio, o da socialdemocracia, a enerxía que hoxe está fóra del"

Xoaquín Fernández Leiceaga © PSdeG

Figura veterana da política galega, último candidato do PSdeG ás eleccións autonómicas e voceiro parlamentario, Xoaquín Fernández Leiceaga insta a "unir o partido" e cre que a alternativa ao PP en Galicia pasa por que os socialistas "sexan o referente da esquerda". 

Como se compaxina o cargo de voceiro coa carreira das primarias?

Con dúas cousas: máis dedicación, destinando o tempo libre que me deixa o Parlamento a explicar o meu proxecto aos militantes, e intentando separar até onde sexa posible unha cousa e outra para non xerar confusión. 

A xestora falou de "exceso de paixón" nesta precampaña...

Eu estou facendo unha campaña próxima aos militantes, moi explicativa, didáctica... Non trato tanto de apelar aos sentimentos, senón á razón. Supoño que se referirá a outros candidatos. 

"A situación vivida no PSOE no último foi única e non se debe volver repetir; a vitoria de Sánchez creou un marco de ilusión"

Nota na militancia a ilusión ou activación que se deu nas primarias a nivel federal?

A situación vivida no último ano no PSOE, desde finais de setembro do ano pasado ata o congreso federal, foi única, non se debe volver repetir e a intensidade dos sentimentos que xeraba non deberían volver. Sen dúbida, a vitoria de Pedro Sánchez crea un marco de ilusión no que operamos todos. 

"Hai que facer algo máis que acabar coa división, hai que unir o partido e que todos nos poidamos sentir ben representados"

Parece claro que un obxectivo común é acabar con esa apariencia de división interna.

Hai que facer algo máis que acabar con ela, hai que unir o partido. Non só xerar unha falsa paz, senón unir o partido e que nos organismos de dirección nos poidamos sentir todos ben representados. Ese é un traballo de tempo, pero esixe que, sobre todo os que teñen as máximas responsabilidades, actúen para acougar, pacificar e non para alimentar os conflitos. 

Como resumiría o que suporía a súa achega como líder do PSdeG?

Busco un partido forte e isto esixe que o partido estea unido e reconstitúa todos os elementos de formulación interna de políticas e un partido aberto á sociedade. Eu creo que podo achegar liderado social ao liderado orgánico. 

"É preciso que o PSdeG sexa o referente da esquerda para poder constituír unha alternativa ao PP"

A alternativa ao PP en Galicia debe se mixta ou non será. Cal é a clave para fortalecer a esquerda?

É preciso que o PSdeG sexa o referente da esquerda para que se poida constituír unha alternativa ao PP que sexa apoiada pola maioría dos cidadáns. Para iso temos que facer un esforzo de traer ao noso territorio, o da socialdemocracia, a enerxía que hoxe está fóra del. Este é un traballo cultural e político moi importante. 

Cre que o conxunto de partidos da esquerda deben afianzar as súas relacións mesmo antes de acordos post-electorais para favorecer esa alternativa?

Creo que é ao revés. Debemos ser capaces de construír alianzas para o goberno de institucións, que funcionen ben, e isto transmitiralle á cidadanía que unha alternativa ao PP é posible. É tan importante que o PSdeG teña un bo resultado nas vindeiras eleccións municipais como, sobre todo, xestionar eses resultados para non defraudar a cidadanía. 

"É tan importante que o PSdeG teña un bo resultado nas municipais como, sobre todo, xestionar eses resultados para non defraudar a cidadanía"

Como cualificaría a saúde desas relacións coas mareas e o BNG?

Na Deputación da Coruña e na de Pontevedra os acordos funcionan ben. No caso de Lugo, o BNG marchou e, no que ten que ver coas mareas, na Coruña e Santiago nunca tiveron interese en que houbese participación doutros grupos, nin do BNG nin do PSdeG. Creo que ten que haber un proceso de maduración, fundamentalmente das mareas, para facilitar que os acordos despois das próximas municipais sexan posibles e estables. 

"Nas mareas debe haber un proceso de maduración para facilitar que os acordos tras as municipais sexan posibles e estables"

Que opinión lle merece todo o que acontece en Catalunya?

Vexo a situación con preocupación. Cando un goberno di descoñecer a legalidade da que emana a súa lexitimidade, temos un problema serio. Agardo que non se crucen máis fronteiras e que o resultado final disto sexan unhas novas eleccións autonómicas que reestablezan a capacidade de diálogo en Catalunya entre as institucións da comunidade e as centrais. 

Debe o PSdeG definir Galicia como nación sen complexos?

É pouco relevante o que eu diga porque está na Constitución e no Estatuto de Autonomía, onde se fala de Galicia como nacionalidade histórica e a isto moitas veces chamámoslle nación, por exemplo no himno. Non é unha novidade para nós e no PSdeG o comité nacional é así, 'nacional'. O máis importante é saber como defendemos os intereses de Galicia e como articulamos o Estado. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.