Morre Bautista Álvarez, histórico líder da UPG

Bautista Álvarez nunha intervención no Museo de Pontevedra CC-BY-SA Estevoaei

Este sábado ao mediodía comunicouse a nova do falecemento en Beariz (Ourense) de Bautista Álvarez, líder histórico da Unión do Povo Galego (UPG), organización da foi un dos fundadores e que presidiu entre 1977 e 2008. Foi deputado no Parlamento galego entre 1989 e 2005 polo BNG. Álvarez, nacido en San Amaro en 1933, contaba 84 anos de idade

En 2004, na celebración do 40 aniversario da constitución da UPG, o partido promoveu a constitución da Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas, que pasou a presidir desde o primeiro momento. En 2013, unha grupo de dirixentes nacionalistas organizou un homenaxe para conmemorar os seus 50 anos de militancia nacionalistas, coa finalidade de ″facermos pública a necesidade de coñecermos e recoñecérmonos na figura de Bautista Álvarez″. Nese mesmo ano obtivo o Premio Brais Pinto.

A nova foi comunicada pola UPG na súa conta de twitter pouco despois das dúas da tarde. A formación política publicou pouco despois unha mensaxe máis extensa: "Lamentamos comunicar o falecemento do camarada Bautista Álvarez, grande patriota galego, fundador da UPG e histórico dirixente nacionalista. A loita pola independencia nacional da Galiza e o socialismo perde unha figura referencial. Bautista Álvarez estará sempre connosco".

Pouco despois de coñecerse o pasamento de Bautista Álvarez agromaron nas redes sociais as mensaxes de homenaxe e condolencias: "Faleceu un dos imprescindíbeis, Bautista Álvarez, referencia do nacionalismo galego e dirixinte histórico do BNG" (BNG). "Foise un amigo, un galego ilustre e referente imprescindíbel, Bautista Álvarez. Grazas por unha vida de compromiso coa liberdade de Galiza" (Ana Pontón). "Bautista Álvarez, unha vida de entrega á causa liberación nacional e social da Galiza. Comunista e patriota galego exemplar. Sempre connosco" (Néstor Rego). "Apágase unha voz pero queda a súa contribución para un mundo mellor. Que a terra lle sexa leve" (Noa Présas).

Nunha nota de prensa, a UPG destaca "a coherencia política que marcou toda a súa vida en defensa da causa da independencia nacional da Galiza e o socialismo". "Temos a certeza de que as persoas como Bautista nunca morren, pois permanecen na memoria e no corazón do povo, no corazón da nosa Patria", engade.

Bautista Álvarez será velado e enterrado na súa parroquia de San Cibrao de Las, concello de San Amaro (Ourense) na tarde do domingo.

Bautista Álvarez nunha intervención no Museo de Pontevedra CC-BY-SA Estevoaei

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.