Feijoo di que "fronte aos nacionalismos exclusivos" Galicia elixiu "outro camiño"

Alberto Núñez Feijoo e Xerardo Fernández Albor © Xunta

Alberto Núñez Feijoo participou este sábado no acto de clausura do simposio Xerardo Fernández Albor e o seu tempo, no que o ex-presidente da Xunta, que o pasado 7 de setembro fixo 100 anos, recibiu a Medalla ao Traballo. Núñez Feijoo utilizou a súa intervención na conferencia Galicia e os desafíos do Estado das Autonomías para achegar a súa visión sobre a cuestión territorial e sobre o referendo de autodeterminación convocado pola Generalitat de Cataluña.

O presidente da Xunta afirmou que "fronte aos nacionalismos exclusivos Galicia elixiu outro camiño, o seu camiño. Un galeguismo inclusivo, plural e adaptado ao século XXI". E fixo unha gabanza do "galeguismo" desenvolvido por Albor, sinalando que "a breve pero intensa historia do autogoberno de Galicia é a historia dun grande éxito colectivo xeral no que desaparecen muros e se tenden pontes". 

"Conceptos como independencia, desconexión ou autodeterminación son perigosos anacronismos nun mundo interdependente", dixo Feijoo

“Galeguismo inclusivo e nacionalismos exclusivos parten de visións antagónicas da pluralidade social. Alí onde uns ven enriquecemento, vitalidade e liberdade, outros perciben unha ameaza contra a súa idea de país homoxéneo, pétreo, hermético e pechado”, dixo Feijoo, que fixo fincapé no "sentidiño" do ex-presidente Albor, como xa fixera hai meses no 35 aniversario da toma de posesión do homenaxeado. “Se España atopa en Adolfo Suárez o líder idóneo para capitanear a Transición, o noso país ten a fortuna de partir cara á democracia con Xerardo Fernández Albor á fronte”, engadiu.

O presidente da Xunta subliñou que "o galeguismo do século XXI non está afectado pola hispanofobia obsesiva e a eurofobia pugnaz que afectan a algúns nacionalistas que non admiten nin entenden o rico acopio de identidades", engadindo que "conceptos como independencia, desconexión ou autodeterminación son perigosos anacronismos nun mundo interdependente, conectado e con actores mutuamente determinados". “Nin Galicia nin Cataluña, nin ningún outro país dotado de personalidade, pode aspirar a defendela retrocedendo no tempo, senón incorporándose ao tempo presente e compartindo o seu ritmo”, sentenciou, ao tempo que alertaba de que “pretender reformar a Constitución cos que simplemente non queren ningunha Constitución española é un camiño estéril que conduce á frustración”.

Feijoo afirmou que en Cataluña "a democracia prevalecerá como prevaleceu fronte ao golpismo e o terrorismo"

En referencia ao conflito político aberto en Cataluña, Feijoo criticou o que cualificou de "ataque á legalidade". E afirmou que "a democracia prevalecerá como prevaleceu fronte ao golpismo e o terrorismo", elevando o referendo catalán ao mesmo nivel.

 

Chegada de Fernández Albor ao acto que celebrou o 35º aniversario da súa investidura © Xunta
Rajoy entrégalle a Fernández Albor a Medalla ao Traballo © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.