Denuncian que Agolada non publicou actas dos plenos en toda a lexislatura

Concello de Agolada Dominio Público Xas

A Lei de Transparencia, acceso á información pública e bo goberno de 2013 fixa que “a información suxeita ás obrigas de transparencia será publicada nas correspondentes sedes electrónicas ou páxinas web e de unha maneira clara, estruturada e entendible para os interesados e, preferiblemente, en formatos reutilizables” (5.4). Porén, o Concello de Agolada leva toda a presente lexislatura (máis de dous anos) sen publicar as actas dos plenos e, cando menos dende o mes de abril, sen facer tamén pública a información das Xuntas de Goberno. Así o sinala unha denuncia presentada ante a Valedora do Pobo por un veciño da localidade, Xosé Ramón Blanco, que explica que esta actuación vén derivada "da falta de resposta por parte do goberno aqualatense ás reiteradas demandas de publicación das actas dos plenos e Xunta de Goberno local, presentadas electrónicamente vía e-mail".

A denuncia afirma que o Goberno local incumpre outros aspectos da transparencia da administración municipal. Por exemplo, indica que nesta lexislatura non se lle deu publicidade vía web aos sucesivos contratos públicos realizados polo concello (non figura ningún na web de transparencia), "tal como ordena a lei preceptivamente". E que tampouco se publicou orzamento, describindo as principais partidas nin as contas anuais e informes de auditoría e fiscalización. Nin a relación de convenios suscritos, indicando tamén seu obxectivo, duración, obrigas, etc. Ou as subvenciones e axudas públicas concedidas. O veciño da localidade que denuncia ante a Valedora esta situación engade finalmente que o Concello non publicou o organigrama da entidade local, nin o perfil e currículo dos altos cargos, nin tampouco as retribucións e declaracións anuais de bens e actividades de representantes.

Blanco afirma que “non sabemos as dicisións que toman nos órganos do concello que nos acaban afectando, nin como gastan os cartos públicos que son de a todos e todas. Tampouco temos información dos contratos que se fan nin o importe destes ou a quen foron adxudicados, agás algunha información que publican os medios de comunicación". "E o Concello somos todos, non a finca privada do alcalde e dos seus amigos do PP.  Tampouco a oposición fai nada neste senso, o que nos deixa totalmente desamparados ante estes incumprimentos do goberno aqualatense. Están como se non estivesen”, di.

 

Concello de Agolada Dominio Público Xas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.