O BNG lanza a súa proposta para "superar o Estatuto" e "finiquitar o réxime do 78"

Acto do BNG para presentar as 'Bases Democráticas' CC-BY-SA BNG

En plena crise catalá, co referendo do 1-O ás portas, co Goberno vasco instando a un Estado confederal e o debate sobre o modelo territorial e as voces a prol do dereito a decidir asentadas na esquerda alternativa, o nacionalismo galego busca o seu espazo. Así, o BNG presentou este sábado as Bases Democráticas, unha proposta política para "superar o actual corsé da Constitución e do Estatuto, finiquitar o réxime do 78", esgotado e fracasado”, e "dotarse das ferramentas necesarias para darlle aos galegos e as galegas unha vida mellor".

O BNG presenta unha proposta política para "superar o actual corsé da Constitución e do Estatuto e finiquitar o réxime do 78"

O Bloque xa advirte de que pretende que "Galiza sexa protagonista e non mera espectadora" nun momento político que cualifica de "excepcional". “Máis aló da política do medo e da represión, é evidente que, si ou si, algo se vai mover no Estado español”, salienta a portavoz nacional, Ana Pontón, que fala dunha “proposta política de calado” para "superar o actual marco institucional e iniciar un novo proceso constituínte" que lle permita ao país “camiñar sen lastres”.

Á tarde, na presentación pública ante medio milleiro de militantes e simpatizantes en Compostela, Ana Pontón foi clara: "Ninguén noas vai regalar nada; temos que ser os galegos e galegas os que conquistemos máis poder político para vivir mellor e evitar unha aldraxe bis". 

“A opción non é quedarse mirando vendo que pasa porque se quedamos quietos retrocederemos como país e o BNG non vai permitir que pase. Por iso presentamos as Bases Democráticas, para superar o corsé da Constitución e do Estatuto,  -que non serviron para solucionar os problemas de Galiza-, e dotarnos de novas ferramentas para conseguir un país con máis oportunidades e mellorar a vida da xente”, avanzaba antes do acto Pontón.

O Bloque pretende que "Galiza sexa protagonista e non mera espectadora" nun momento político "excepcional"

O documento (Bases Democráticas) presentouse na tarde deste sábado nun acto en Compostela. Con elas, di o BNG, pretenden arrincar un debate "sereno" con toda a sociedade galega, “co resto das forzas políticas, cos colectivos económicos, sindicais, sociais e culturais para sacar adiante unha proposta que beneficie a Galiza”. "Estas Bases son unha proposta aberta para debatelas con todo o mundo. Entre todos e todas construiremos unha Galiza mellor", dixo a portavoz nacional, que lanzou unha mensaxe ao pobo catalán: "Hai un problema político e non se soluciona requisando papeletas; Catalunya está facendo unha revolución pacífica e democrática, respondendo cada provocación cun sorriso"

"Catalunya está facendo unha revolución pacífica e democrática, respondendo cada provocación cun sorriso"

“Galiza non pode baixarse do tren das nacións, non podemos permitir un escenario no que os demais avanzan mentres este país retrocede, porque iso significa perder oportunidades nunha especie de aldraxe bis que só agudizará os nosos problemas”, como "a precariedade, paro, emigración, envellecemento e despoboación ou desmantelamento dos sectores produtivos". "Para que Galiza sexa unha terra das oportunidades na que ninguén quede atrás e, neste momento decisivo, este é o debate imprescindible”, engadiu. 

As Bases Democráticas pretenden arrincar un debate "sereno" coa sociedade galega, forzas políticas e colectivos económicos, sindicais, sociais e culturais

O Bloque equipara o documento coas Bases Constitucionais Galegas de 1977, que establecían xa que Galicia era unha nación onde a soberanía residía no pobo galego. O obxectivo, segundo a formación nacionalista, é "sentar as bases para conseguir o progreso e benestar do pobo galego, nunha democracia participativa e avanzada e con máis dereitos individuais e colectivos".

 

Un completo documento

Entre as propostas das Bases Democráticas, destacan: establecer a idade de voto nos 16 anos, a posibilidade de realizar referendos vinculantes se o solicita o 3% do censo electoral e, tamén, de revocar cargos públicos electos implicados en situacións de corrupción. Igualmente, por lei participación e representación paritaria, garantías constitucionais ao exercido dos dereitos sexuais e reprodutivos, singularmente o da muller a decidir libremente sobre o seu corpo. Queda recoñecido por lei o dereito das mulleres a unha vida sen violencia de xénero.

O documento propón dereito a voto aos 16 anos, referendos se o pide o 3% do censo ou renda social básica

No ámbito dos dereitos laborais e sociais, recollen a implantación dunha renda social básica que garanta unhas condicións de vida dignas, unha carta de dereitos sociais avanzada para o conxunto da cidadanía, en particular para os colectivos máis vulnerables, xestión directa da Seguridade Social e garantía das pensións de xubilación por parte dos poderes públicos. Blindaxe dos servizos públicos, en particular, saúde, educación e servizos sociais.

En canto a economía e emprego: Facenda galega e política fiscal e financeira propia, decisión plena para desenvolver os sectores produtivos e xestionar os recursos do país, banca pública galega con plena capacidade normativa sobre o sector financeiro que actúe en Galicia, tarifa eléctrica galega e capacidade para emitir débeda pública. Finalmente, clave o recoñecemento da lingua e outros sinais de identidade. "O galego será o idioma vehicular no ensino e o país terá plena capacidade para lexislar e desenvolver o sistema educativo en todos os niveis en aras dun ensino público de calidade, laico e en galego", asegúrase. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.