A Generalitat négase ao control dos Mossos por parte do Estado

Axentes dos Mossos d'Esquadra © Enric Catalá

O fiscal superior de Catalunya comunicou este sábado aos Mossos e aos responsables da Policía e a Garda Civil na comunidade autónoma que o control da seguridade sobre todo o relacionado co referendo pasa a mans do Ministerio de Interior.

A Fiscalía comunica que o control da seguridade sobre todo o relacionado co referendo pasa a mans do Ministerio de Interior

Será, xa que logo, a Secretaría de Estado de Seguridade a que tome o mando de todas as operacións policiais "ante a evidencia de que é preciso reforzar o dispositivo de prevención do delito e de mantemento da orde pública", segundo unha nota do Ministerio. Estas funcións de dirección serán asumidas por Diego Pérez de los Cobos, coronel da Garda Civil e director do Gabinete de Coordinación e Estudos da Secretaría de Estado de Seguridade. Foi cargo de confianza dos catro últimos ministros de Interior e é irmán do ex-presidente do Constitucional, Francisco Pérez de los Cobos, e fillo de Antonio Pérez de los Cobos, que formou parte da candidatura ultradereitista Fuerza Nueva nas eleccións de 1977 por Murcia. 

Aínda que o Ministerio argumenta que non se retiraron competencias aos Mossos e que se acordou só un "mecanismo de coordinación", as decisións dependerán en primeiro lugar do Ministerio de Interior, en especial en caso de discrepancias entre os mandos dos distintos corpos policiais. 

A Generalitat anuncia que rexeita a orde e que "non renuciará nunca a exercer as competencias que lle son propias"

A reacción do Govern non tardou. O conseller de Interior, Joaquim Forn, anunciou que a Generalitat rexeitou a orde e que o major así o comunicou xa que non acatarán. "O corpo dos Mossos non renunciará nunca a exercer as competencias que lle son propias", dixo, logo de anunciar que os servizos xurídicos do seu departamento xa estudan o requirimento por se poden respondela con argumentos xurídicos. "Denunciamos a vontade de intervir os Mossos, tal e como se ten feito coas finanzas", insistiu, e cualificou de "inxerencia" contra o autogoberno a decisión. 

Pero o major, Josep Lluís Trapero, enviou un comunicado aos axentes dos Mossos nos que informa da xuntanza co fiscal e corrixe a Forn, asegurando que seguirá "dando cumprimeno ás ordes" da Fiscalía, segundo avanza El Periódico, e nega que o corpo catalán fose "intervido" aínda que si amosa o seu "desacordo" coa decisión. 

O Goberno central intervén un dos resortes máis importantes do autogoberno catalán: o corpo policial dos Mossos d'Esquadra

Con esta decisión política, transmitida a través da Fiscalía, o Goberno intervén un dos resortes máis importantes do autogoberno catalán: o corpo policial dos Mossos d'Esquadra. Fíxoo sen nin tan sequera aplicar o artigo 155 da Constitución, que requiriría a formalidade de pedir autorización ao Senado, senón mediante o artigo 46 da lei orgánica dos corpos de seguridade do Estado.

Este artigo estipula as funcións das policías autonómicas, pero deixa aberta a posibilidade de que os Corpos e Forzas de Seguridade do Estado poidan intervir "ben a requirimento das autoridades da Comunidade Autónoma, ou ben por decisión propia" cando "o estimen necesario as autoridades estatais competentes".

A decisión foi comunicada este sábado polo fiscal Romeu de Tejada nunha reunión á que asistiron os máximos mandos do tres corpos, segundo avanzou El Periódico. O pasado xoves xa existira un encontro similar, no que o fiscal xa anunciara estes plans. O conseller do Interior, Joaquim Forn, alertou pouco despois das intencións do Estado.

Na reunión do xoves, segundo relatou La Vanguardia, o major dos Mossos, Josep Lluís Trapero, amosouse desconforme a que un tenente coronel da Garda Civil tomase o mando do corpo que dirixe. Ademais pediría que a orde de intervención da policía autonómica fose entregada por escrito.

Segundo informa TV3, Trapero opúxose á decisión argumentando extralimitación, xa que ao seu entender a orde pública en Catalunya está controlada. Ademais, segundo a televisión pública catalá, a Generalitat alega que a coordinación dos corpos policiais non é unha competencia da Fiscalía, senón que debería ser unha decisión da Xunta de Seguridade de Catalunya. A decisión de asumir o control da seguridade prodúcese unha semana despois de que o Ministerio de Facenda fixese o propio coas finanzas da Generalitat.

Trapero terá que confirmar que non acepta a orde do Ministerio, expoñéndose ser acusado dun delito de desobediencia

Agora, Trapero terá que confirmar este luns nunha nova xuntanza de coordinación convocada pola Fiscalía que non acepta a orde do Ministerio Público, expoñéndose a ser chamado a declarar en calidade de investigado por un delito de desobediencia, segundo informou Europa Press. 

Despois das palabras do conseller de Interior - nas que rexeitaba a "inxerencia do Estado"- os Mossos d'Esquadra publicaron unha mensaxe en Twitter no que expresan que continuarán traballando "como ata agora": "Exercendo as nosas competencias para garantir a seguridade e a orde pública, e estar ao carón do cidadán".

Feijóo defende a medida por ser "unha defensa do Estatut, do ordenamento xurídico catalán e do ordenamento xurídico global"

Ademais, desde a Assamblea Nacional Catalana (ANC), Jordi Sànchez, asegurou que "quitarlles o mando dps Mossos" non silenciará o independentismo. Desde Galicia, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, apoiou a medida da Fiscalía por ser "unha defensa do Estatuto de Catalunya, do ordenamento xurídico de Catalunya e do ordenamento xurídico global, unha defensa dos dereitos civís e de cumprir a lei". 

Trapero, entrando na sede da Fiscalía Superior en Barcelona CC-BY-SA Sandra Lázaro / Catalunya Plural

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.