0 Gardados para despois

As mareas galegas reivindican o dereito a votar dos cataláns o 1-O nun acto cercado por ultras

Irene CastroIrene Castro | @irecr


Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


Cargos electos de En Marea, así como os alcaldes das mareas da Coruña, Compostela e Ferrol defenderon este domingo en Zaragoza o dereito a decidir e o apoio á que a cidadanía catalá poida expresarse o vindeiro 1 de outubro. Nun acto convocado por Unidos Podemos e as súas confluencias acudiron uns 600 cargos de varias formacións de esquerda e nacionalistas do Estado para reclamar un referendo pactado e máis democracia ante a operación levada a cabo polo Estado os últimos días en Catalunya. Fixérono nun pavillón cercado por uns 300 ultras e que tivo que pecharse por motivos de seguridade e ante as queixas de varios intervintes que acusaron da escaseza de policías ao traslado masivo de efectivos a territorio catalán. 

Uns 300 ultras cercaron o pavillón e agrediron a presidenta das Cortes de Aragón, obrigando a pechar o recinto

Mesmo a presidenta das Cortes de Aragón, presente no acto, foi agredida polos ultras. Violeta Barba recibiu o impacto dunha botella aínda que non sufriu lesión ningunha. "Seguirei defendiendo a democracia e a liberdade cun sorriso", dixo con ese pano de fondo de ameaza co que se celebrou un cónclave que xuntou o espazo das mareas galegas, os comúns cataláns, Podemos, IU, Compromís, PDeCat, ERC ou PNV. A petición foi común e as alusións ao PSOE, constantes. 

"Compañero Pedro Sánchez, non caias na trampa dunha fronte co PP", asegurou o secretario xeral de Podemos, Pablo Iglesias, chamando ao líder dos socialistas a un acordo e reclamando unha consulta pactada. "Fai falta un novo Goberno de unidade plurinacional e democrático que organice un referendo en Catalunya", dixo. Pero foi máis aló, xa que reclamou tamén que "se permita ao pobo catalán pronunciarse o vindeiro 1-O". "Como demócratas apelamos ao Goberno; nunca escoitar o pobo debería ser un problema para un gobernante",  engadiu. 

Colau e Iglesias apelaron ao PSOE para que non se una nunha fronte co PP e aposte por un goberno de progreso "que organice un referendo"

Tamén a alcaldesa de Barcelona, Ada Colau, defendeu a consulta pero foi aínda máis crítica coa posición do PSOE no conflito catalán. "O partido e Pedro Sánchez apelaron á responsabilidade do Estado e esa responsabilidade hoxe é escoitar a Catalunya, non aliñarse co PP da escalada represiva sen precedentes e que suspendeu de facto o autogoberno de Catalunya", dixo, para engadir que o que se debe facer é escoitar "o sentimento maioritario dos cataláns, ese 80% que pide poder votar" e despois crear "un proxecto compartido". 

Desde Galicia, interviron os alcaldes da Coruña, Santiago e Ferrol, Xulio Ferreiro, Jorge Suárez e Martiño Noriega; o voceiro de En Marea e do seu grupo parlamentario, Luís Villares, e a voceira do grupo no Congreso dos Deputados, Yolanda Díaz. 

Díaz, Noriega e Villares mantiveron un encontro cos medios no que manifestaron o "carácter autoritario" das políticas que está desenvolvendo o PP e que estas actitudes explicaban a participación de En Marea nesta asamblea. "Estamos convencidas de que só se camiña dende o diálogo, a fraternidade e convivencia", dixo a deputada, que cre que "o pobo catalán leva xa demasiados anos reivindicando poder votar e sempre imos estar do lado da democracia e contra a barbarie".

"O pobo catalán leva xa demasiados anos reivindicando poder votar e sempre imos estar do lado da democracia e contra a barbarie", di Díaz

Para Díaz, o feito de que "haxa alcaldes e alcaldesas imputadas de todas a organizacións políticas" que cre que "é unha barbaridade en termos democráticos". Así, propuxo poñerse a "dialogar". "Poñamos o Goberno de Catalunya e o de España a negociar. As catalás poden votar a decidir o seu futuro", engadiu. 

Pola súa banda, o alcalde de Compostela, Martiño Noriega, destacou que "a pluralidade é unha suma que multiplica". "A defensa dos dereitos fundamentais como o de decidir e das ideas tan básicas como a democracia, xúntannos aquí", explicou o rexedor. Na súa intervención ante o público, o seu homólogo da Coruña, Xulio Ferreiro, asegurou estar "diante dun modelo esgotado, que non garante o dereito dos pobos nin das persoas a vivir con dignidade". "É necesario un novo pacto constituínte que respecto o dereito dos pobos e das persoas a decidir, a decidilo todo", manifestou. 

Ferreiro di estarmos "ante un modelo esgotado, que non garante o dereito dos pobos nin das persoas a vivir con dignidade"

Tamén desde o atril, o alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, denunciou o "momento de opresión" que ao seu parecer é provocado pola "asfixia" que o PP provoca "sobre os dereitos sociais e democráticos, cunha correa que cada vez aperta máis forte". Ademais, reivindicou "os valores republicanos de liberdade, igualdade e fraternidade". 

Por outra banda, o voceiro de En Marea, Luís Villares, apuntou que apoiar "o feito de que a xente decida é o que puxo en marcha En Marea". "Hoxe estamos aquí para axudar a quitar ese chapapote autoritario que está contaminando a democracia". O portavoz da formación tamén explicou nas súas declaracións que a fenda que o PP abriu "coas súas negativas a dialogar son un problema de democracia, un problema de non querer escoitar e de recorrer á forza como argumento".

Ultras a las puertas de la concentración. Foto: Eduardo Santos (Podemos)

Ultras cercan a asemblea de cargos electos celebrada en Zaragoza / Foto: Eduardo Santos (Podemos)

Respecto da manifestación de "neonazis" do exterior, En Marea advertiu de que se manifestaban "sen que a policía puidese intervir polo traslado de efectivos a Barcelona". "Temos aos corpos de seguridade buscando material inflamable en Catalunya, de urnas, de papeletas, e impedindo a libre reunión da xente. Estamos aquí representantes de todo o Estado, dun sector amplo da esquerda, rodeados por 500 neonazis e comentan que non hai suficientes recursos de seguridade para saír e marchar a casa. Isto demostra a quen lle está a dar a centralidade o PP. É un reflexo do retroceso dos dereitos fundamentais e na criminalización que o PP está a facer", engadiu Martiño Noriega. 

"Temos aos corpos de seguridade buscando material inflamable en Catalunya, de urnas, de papeletas, e impedindo a libre reunión da xente"

"É inadmisible que 600 cargos públicos queden pechados e sitiados máis de 4 horas só por un debate sobre democracia. Pediremos explicacións ao Goberno polo que sucedeu. Ante as ameazas e actitudes que lembran a tempos de ditadura, nós seguiremos apostando pola democracia e o dereito a decidir", dixo Yolanda Díaz, mentres que Villares cre que o vivido no exterior do pavillón era "outra demostración de como o Goberno do PP manexa as cousas para que a lei que tanto din que se debe cumprir só se cumpra nos casos que a eles lles cómpre". 

Manifesto

O manifesto acordado no cónclave empraza "ao Goberno do Estado a dialogar coa Generalitat e co conxunto de actores políticos para bucar solucións políticas ao conflito en Catalunya, que permitan á cidadanía catalá decidir o seu futuro nun referendo acordado co Estado". Ademais, rexeita a "represión" que está a levar a unha "excepcionalidade preocupante". 

Malia a participación no encontro de formacións afastadas de Podemos e os seus aliados, como PNV, PDeCat e ERC, o manifesto conseguiu o apoio de todos os participantes, aínda que Esquerra desmarcouse ao entender que acudira ao acto como "observador" e que a folla de ruta marcada polos poderes cataláns era outra. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Pegada masiva de carteis e un millón de papeletas repartidas

Sergi Franch

Golpe de efecto da Assemblea Nacional Catalá (ANC) e Òmnium Cultural este domingo ao repartir un millón de papeletas entre os miles de asistentes da "Marató per la Democràcia". Tras a operación protagonizada pola Garda Civil de incautación de 10 millóns de papeletas o mércores nun almacén de Bigues i Riells (Barcelona), este domingo repartíronse un millón de papeletas, tal e como confirmou Jordi Sànchez, o presidente da ANC.

A ANC e Òmnium repartiron un millón de papeletas no marco da 'Marató per la Democràcia'

A acción celebrouse no marco desta "Marató per la Democràcia", un acto que tiña o seu epicentro na praza Universitat de Barcelona e que se repetiu en 500 poboacións máis de Catalunya, segundo o presidente de Òmnium Cultural, Jordi Cuixart. No claustro da antiga Universitat de Barcelona procedeuse a repartir as papeletas que os organizadores precisaron que son as oficiais da convocatoria do referendo.

"Agora mesmo chegaron uns paquetiños con papeletas para que os repartades, son para o vindeiro domingo onde se poderá votar Si ou Non", asegurou Jordi Cuixart na súa intervención ante miles de persoas que se concentraban na praza. Tamén interveu Carme Forcadell para denunciar que a acusación de sedición que pesa sobre os organizadores das manifestacións busca imputar penas de prisión. "Queren encarcerarnos, pero non poderán", advertiu a presidenta do Parlament. En dez minutos foron repartidas todas as papeletas, mentres os concentrados empezaron a distribuírse para encher de carteis a cidade.

O acto tamén consistiu nunha pegada masiva de carteis

Despois das numerosas incautacións de carteis e material propagandístico do 1-O, identificacións das persoas que colgan carteis e as operacións da Garda Civil contra o referendo, esta "Marató per la Democràcia" pretendía desbordar a persecución cunha encartelada masiva.

Pero non só en Barcelona. Máis de 3.000 persoas desbordaron a plaça del Vi de Girona. En Vic contabilizáronse un milleiro de persoas na plaça Major, na Seu d'Urgell asistiron os alcaldes da comarca que esta semana foron chamados a declarar xunto cun milleiro de persoas. En Lleida os organizadores facilitaron a cifra de 5.000 asistentes na plaça Sant Joan, mentres que en Reus a convocatoria reuniu centos de persoas.