0 Gardados para despois

Facenda lanza unha web que detalla como impide que a Generalitat financie o 1-O

Catalunya PluralCatalunya Plural | @Catalunyaplural


Praza PúblicaPraza Pública | @prazapublica


O Estado procura que non haxa dúbida nin escusa ningunha para que se cumpran todas as medidas de control sobre as finanzas catalás que entraron en vigor a pasada semana e que teñen como obxectivo que a Generalitat non financie de xeito ningún a celebración do referendo do próximo domingo. Así, o Ministerio de Facenda vén de lanzar unha páxina web con toda a documentación sobre ese control financeiro de Catalunya. 

O Ministerio de Facenda vén de lanzar unha páxina web con toda a documentación sobre o control financeiro de Catalunya

Esta web inclúe "as medidas adoptadas de control das finanzas da Generalitat de Catalunya" e nela pódense descargar e consultar os "modelos de declaracións responsables para provedores e órganos de contratación". Deste xeito, o Goberno central fai públicos os mecanismos de control que puxo en marcha para impedir que se destinen fondos públicos á organización do 1-O. E iso é o que deben certificar provedores e órganos de contratación. 

En ambos os dous casos deben declarar responsablemente "que o contrato" con determinado obxecto "non está destinado á realización de actividades vinculadas co financiamento de actividades ilegais nin contrarias ás decisións dos tribunais". Son estes modelos, que se poden descargar na devandita web, os que serven para que provedores e persoas físicas ou xurídicas que presten servizos ou entreguen bens á Administracións catalá e os que se deben adxuntar coa correspondente factura. É a forma de certificar que non colaboran coa organización da consulta. 

Provedores e órganos de contratación deben certificar que os contratos coa Generalitat non financian "actividades ilegais ou contrarias ás decisións dos tribunais"

O departamento que dirixe Cristóbal Montoro tamén difundiu a listaxe completa das entidades afectadas polas medidas adoptadas o pasado 15 de setembro, onde hai ducias de organismos e institucións, así como universidades, fundacións destas, consorcios, sociedades como as dos aeroportos ou consellos culturais e deportivos. Son, en total, uns 350 organismos. 

Alén disto, a páxina web tamén inclúe un enderezo electrónico para resolver calquera dúbida aos afectados Na pasada semana, o ministro de Facenda xa advertira que a intervención das contas catalás podería durar meses. 

Detención de Puigdemont: "Polo momento, non"

Por outra banda, o fiscal xeral do Estado, José Manuel Maza, asegurou este luns nunha entrevista en Onda Cero que, "polo momento" non lle parece "oportuno" pedir a detención do president da Generalitat, Carles Puigdemont, malia que se abriron dilixencias pola comisión de delitos de desobediencia, prevaricación e malversación. 

O fiscal xeral do Estado asegura que "polo momento" non é "oportuno" pedir a detención e Puigdemont pero cre que está cometendo un delito de desobediencia

Maza considera que Puigdemont está cometendo un delito de desobediencia, no que estaría perseverando dado que continúa promovendo unha consulta que a Xustiza declarou inconstitucional.

En canto ás reaccións ao conflito catalán no Estado, Unidos Podemos solicitou de urxencia a comparecencia no Congreso dos Deputados do ministro do Interior, Juan Ignacio Zoido, para que explique o dispositivo policial que este domingo despregou o Goberno central no polideportivo que acolleu a asemblea de cargos e partidos por un referendo pactado. Durante o acto, centos de manifestantes ultras mantiveron cercado o recinto e a presidenta das Cortes de Aragón, Violenta Barba, recibiu o impacto dunha botella. Os alí asistentes aseguraron que o dispositivo policial non foi suficiente ao estar moitos dos efectivos destinados en Catalunya. 

Ademais, a primeira xuntanza de Mossos d'Esquadra, Garda Civil e Policía co mando único de Interior arrincou este luns sen a presenza do major do corpo catalán, Josep Lluís Trapero. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.