A Deputación de Ourense faise cun novo coche oficial por 900 euros ao mes

Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense © Deputación de Ourense

A medio camiño entre a xestión habitual da propia institución e as xestión do parque móbil que, cando menos sobre o papel, aposta por inculcar a Xunta. Esta a dirección que está disposta a tomar a Deputación de Ourense no que se refire aos seus gastos en vehículos en xeral e en coches oficiais en particular. O gabinete dirixido por Manuel Baltar semella decidido a dotar a institución dun relativo cambio de aires ou, cando menos, de apariencia a respecto das dúas décadas de goberno do pai do actual presidente, José Luis Baltar. Dentro do seu Plan Estratéxico 2012-2015 o ente provincial asegurou que apostaría pola "renovación" pero tamén pola "racionalización" da súa flota e, nesta política, vén de iniciar unha operación para arrendar once vehículos que implica achegar automóbiles usados a cambio, pero tamén renovar un coche oficial de alta gama.

O novo coche oficial terá "tapizado e insercións decorativas a configurar pola Deputación" e implica achegar a cambio tres Audi e un Citroën

Xunto a dúas furgonetas, dous turismos pequenos e outros dous turismos "medios" o goberno de Baltar procura facerse cunha "berlina grande", con carrocería tipo sedán e de cor azul escura metalizada, nunha operación de renting que durará corenta e oito meses ou 160.000 quilómetros e que inclúe a subministración de doce rodas. O novo coche terá que ter combustible diésel e un mínimo de 170 cabalos, ademais de prestacións como antibloqueo de freos, control automático de tracción, airbag frontal e lateral, detector de fatiga e cambio automático. Ademais, no ámbito de "condución e confort" o prego de condicións esixe incluír no automóbil extras como regulador de velocidade, sistema de aparcamento asistido, cortiniñas nos cristais das parte traseira e "tapizado e insercións decorativas a configurar pola Deputación". Para facerse co contrato, a empresa interesada terá que estar disposta a quedar con dous Audi A4, dos anos 2001 e 1996, un Audi 80, de 1992, e un Citroën Xantia, de 1993. O custo total do contrato será de ata 920,40 euros mensuais, cun importe total de algo máis de 44.000 euros.

Aínda que de menor entidade, tamén é amplo o abano de prestacións solicitado para o segundo lote do contrato, que inclúe dous turismos "medios", de cinco portas, cunha lonxitude mínima entre eixos de 2,55 metros e que, a priori, non realizarán funcións estritas de coche oficial, dado que a súa cor será branca e contarán "co anagrama da Deputación Provincial de Ourense rotulado nas portas dianteiras". Neste caso, o arrendamento é de 48 meses ou 180.000 quilómetros e inclúe dezaoito rodas. Tamén con combustible diésel, para os dous turismos o prego reclama unha potencia "igual ou superior" a 100 cabalos, equipamentos de seguridade como regulador e limitador de velocidade e extras como retrovisores eléctricos ou mans libres con bluetooth. O custe para a institución será de ata 554,60 euros ao mes e o contratista terá que asumir seis coches: dous Citroën ZX de 1996, un Fiat Marea de 2002 e dous Renault Megane de 1998.

Poxa de cabalos

Os seis turismos e dúas furgonetas restantes son os dous lotes adicionais que inclúe este contrato, cuxo coste total se situa nun máximo de 276.400 euros, nun contexto no que a Deputación ourensá non só semella disposta a realizar cambios no seu parque móbil, senón tamén a desfacerse dalgúns dos bens que máis críticas teñen recibido, caso por exemplo do gasto que implican as seis granxas que mantén e cuxo uso e funcións Baltar prometeu reformular. Lonxe, cando menos polo momento, de desfacerse destas infraestruturas agrarias, vén de comezar por organizar unha poxa de cabalos.

Nomeadamente, o goberno provincial de Ourense desfarase dun conxunto de doce equinos, compostos por seis eguas de cría, unha poldra domada, tres sementais e unha egua domada. Considerados ata o momento como bens patrimoniais da Deputación, os seus prezos de saída van dende os 300 euros dun semental do ano 1991 ata os 1.500 dunha egua de cría do ano 2002 pasando, por exemplo, polos 900 nos que comezará a poxa doutras dúas eguas, dos anos 1996 e 2006.

Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense © Deputación de Ourense

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.