0 Gardados para despois

O PP endurece aínda máis coas súas emendas a Lei de Iniciativas Empresariais

Redacción | @prazapublica

Os tres grupos da oposición no Parlamento galego presentaron nas últimas semanas un bo número de emendas á Proposición de Lei de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galiciaimpulsada pola Xunta a través do PP. Algo lóxico, tendo en conta a rotunda crítica realizada por En Marea, PSdeG-PSOE e BNG á norma. Porén, tamén o Grupo Popular presentou un gran número de emendas -un total de 30- á súa propia proposición, modificacións que afectan de forma importante a algúns aspectos da lei proposta e que mudan outras normas, coma a Lei de Augas, a Lei de Montes, a Lei de Minas, a Lei de Aproveitamento Eólico, a Lei de Defensa da calidade alimentaria ou a propia Lei de Orzamentos para 2017.

As emendas dos populares endurecen algúns dos aspectos da Lei de Fomento de Iniciativas Empresariais máis criticados pola oposición, "rebaixando aínda máis a protección dos espazos naturais e facilitando sen control a explotación mineira e industrial dos recursos naturais de Galicia", denuncia En Marea.

"Rebaixa aínda máis a protección dos espazos naturais e facilita a explotación mineira e industrial sen control dos recursos naturais de Galicia", denuncia En Marea

Unha das emendas, por exemplo, pon aínda máis facilidades para os proxectos mineiros que queiran obter beneficio do subsolo galego. A modificación permite que "o depósito de garantía" que as empresas debían facer no momento de outorgamento da concesión concesión mineira, agora non ten que facerse ata o inicio dos traballos. De igual xeito, outra das novas emendas propón que as empresas poidan presentar como garantías financeiras dun dereito mineiro as pólizas de seguros de responsabilidade civil derivada do incumprimento do plan de restauración. É dicir, admítese como garantía o seguro por incumprimento das obrigas do concesionario.

Outro dos cambios favorece a implantación de grandes proxectos eólicos, considerando "proxectos de interese especial" tamén as "infraestruturas de evacuación asociadas" aos proxectos de produción de enerxía eléctrica a partir de fontes renovables, é dicir, que agora gazarían das moitas vantaxes normativas asociadas a esta figura as liñas que transportan a electricidade desde os parques.

Outra das emendas modifica a Lei de promoción e defensa da calidade alimentaria galega de 2005, flexibilizando e ampliando o concepto de "empresas artesanais alimentarias", que pasan a ser definidas como "aquelas que realizan unha actividade artesanal alimentaria, a través de procesos de elaboración que dean lugar a un produto final individualizado, respectuoso co medio ambiente e con características diferenciais, nas que a intervención persoal do artesán constitúe un factor predominante". Unha delimitación moito máis laxa que a actualmente existente.

As emendas, que afectan a un gran número de leis autonómicas confirman o carácter de lei-autobús desta proposición presentada polo PP e rexeitada por toda a oposición e ducias de colectivos sociais, que alertan da súa gravidade. A petición en change.org contra a chamada Lei de Depredación suma máis de 10 mil apoios.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.