0 Gardados para despois

BNG | Pontón censura que a "única novidade" do "modelo Feijóo" sexa sumarse á "caverna" contra Catalunya

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


David ReineroDavid Reinero | @DReinero


O presidente da Xunta orientou o primeiro debate de política xeral da lexislatura cara a Catalunya. Anunciou que forzará unha votación para que o Parlamento galego apoie "todas" as medidas que o Goberno de España poida decidir aplicar para frear o proceso soberanista promovido polo Govern, pero tamén alentou reformas para "blindar as administracións" do que definiu como "chantaxe dos nacionalistas". Con este pano de fondo comezou a segunda parte do debate, a das intervencións da oposición, en cuxo o inicio a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, censurou que tras nove anos de Goberno a "única novidade" do "modelo Feijóo" sexa, precisamente, a dureza contra os soberanistas cataláns.

A xuízo da líder do Bloque o presidente empregou o debate para constatar a súa anexión á "dereita extrema" e ás teses da "caverna madrileña" segundo as cales non hai lugar para o "diálogo". "Este é un momento para ter altura de miras, para practicar política con maiúsculas" e non para "sumarse" a un "irresponsábel" Mariano Rajoy que, di, xa constatou que "non está á altura" da situación.

A líder do BNG lamenta que Feijóo se adhira á "dereita extrema" contra o soberanismo mentres "pasa olimpicamente" dos problemas de Galicia

Se alguén "rompeu a convivencia" no Estado foi o PP, mantén Pontón, xa fose cos recortes ou coas "cloacas do Estado" contra partidos rivais. E neste panorama, critica, o presidente presenta como "problema" que "o pobo de Catalunya queira decidir o seu futuro" cando "o noso problema é a dependencia de Galiza", da que o seu presidente leva "oito anos pasando olimpicamente", unha "deixación de funcións" que, ao seu xuízo, se traduce en realidades como os sucesivos atrasos do AVE ou os dous vetos consecutivos ao traspaso da AP-9.

"O problema non é que Catalunya queira decidir, senón a dependencia de Galiza", di Pontón, que propón n relatorio para dotar o país de "estatus de nación"

Nove anos despois, resalta a nacionalista, o catálogo de "incumprimentos" do presidente é amplo. Dende os contratos de Pemex que nunca chegaron ata o o AVE a Lugo que "prometeu que a Xunta ía financiar" ou a construción e apertura dun "centro de dái en cada concello, que aínda estamos agardando". O mesmo sucede, mantén, co estado xeral dos servizos públicos, ámbito no que para Pontón un bo resumo é a xuntanza de Feijóo patronal que a Xunta non incluíu na axenda pública do presidente, reproche que foi respondido con apupos e protestas da bancada do PP.

"Constatamos, en definitiva, o fracaso do modelo Feijóo", se ben é certo, admite, que "o mundo non xira sobre a súa cabeza". O "debate de fondo" non é outro que o propio "réxime, coa arquitectura institucional". "A Constitución e o Estatuto  non conseguiron arranxar os nosos problemas estruturais", por iso o Bloque promove neste debate que o Parlamento cree "un relatorio para superar o actual marco e dotar a Galiza dun novo estatus de nación". Neste eido, censura, a "proposta" de Feijóo é, sinxelamente, descoñecida.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.