Rajoy e Sánchez pactan eleccións en Cataluña en xaneiro ao abeiro do artigo 155

Os líderes de PP e PSOE nun encontro en Moncloa © El Diario

Mariano Rajoy e Pedro Sánchez xa teñen pechado o acordo para a posta en marcha do artigo 155 da Constitución co que pretenden frear as aspiracións independentistas do goberno catalán. PP e PSOE buscarían que a intervención sexa “a mínima posible” co obxectivo principal de convocar unhas eleccións en Cataluña no mes de xaneiro.

O Consello de Ministros dará o visto e prace este sábado. O Senado ratificará as medidas do 155 nun Pleno que se celebrará previsiblemente a vindeira semana ou, como moi tarde, o luns da seguinte

O acordo foise perfilando nas últimas semanas con conversas entre os propios Rajoy e Sánchez, ademais de xuntanzas técnicas nas que participaron a vicepresidenta Soraya Sáenz de Santamaría, o secretario de Estado para as Relacións coas Cortes, José Luís Ayllón, e por parte do PSOE a exministra Carmen Calvo e José Enrique Serrano. Socialistas e conservadores defenden que o obxectivo deste precepto constitucional é “recuperar a normalidade, a legalidade e o autogoberno” en Cataluña.

O Consello de Ministros dará o visto e prace ao paquete de medidas este sábado, argumentando que non se produciu unha marcha atrás por parte de Puigdemont e socialistas e populares consideran que o presidente catalán foi un paso máis aló ao “ameazar” con declarar a independencia se seguen adiante co 155. O Senado ratificará as medidas do 155 nun Pleno que se celebrará previsiblemente a vindeira semana ou, como moi tarde, o luns da seguinte. A Mesa da Cámara Alta reunirase o sábado tralo Consello de Ministros extraordinario para coñecer as medidas e ordenar os traballos de debate e votación.

O acordo foise perfilando nas últimas semanas con conversas entre os propios Rajoy e Sánchez

Goberno e PSOE afirman que Puigdemont “aínda ten marxe para dar marcha atrás”. E defenden que a intervención, que cualifican de “cirúrxica”, das competencias da Generalitat será “a mínima posible para garantir o proceso electoral” que fixaron para xaneiro. O Goberno quería alongar máis ese prazo para arrefriar un escenario político moi caldeado desde o 1 de outubro. O PSOE tamén consideraba que era necesario unha marxe maior que os 54 días que fixa a lei en situacións normais para a celebración de comicios desde a súa convocatoria, aínda que os seus dirixentes non querían que se impuxese a imaxe de que desde Madrid se alongaba innecesariamente o control sobre o Govern.

Fontes de Moncloa apuntaron que as competencias que asumiría o Goberno central van desde a convocatoria de eleccións autonómicas -que corresponde ao presidente Puigdemont- a aumentar o control financeiro da Generalitat e pór baixo a tutela do Ministerio de Facenda a recadación dos impostos autonómicos. Tamén incluiría asumir certas competencias do departamento de Educación co fin de garantir a apertura de colexios electorais nas eleccións autonómicas e pór baixo o control do Ministerio do Interior os Mossos d'Esquadra para garantir a orde pública. O PSOE tería rexeitado a posibilidade de articular unha forma de Goberno alternativo para Catalunya -ou ben formado por tecnócratas ou ben por personalidades cun perfil máis político- e avogou por que fose o Executivo de Rajoy o que asumise a xestión das competencias intervidas.

O independentismo quere esperar a coñecer os efectos concretos da intervención da autonomía para planificar o calendario da súa resposta, que tería a forma dunha declaración formal de independencia

Pola súa banda, o independentismo quere esperar a coñecer os efectos concretos da intervención da autonomía para planificar o calendario da súa resposta, que tería a forma dunha declaración formal de independencia. Unha vez que estas cuestións se despexen, JxSí e a CUP compasarán os pasos do Parlament, xogando coa marxe legal entre o momento da intervención oficial da Generalitat e o do seu cumprimento efectivo. O obxectivo final é basear a declaración de independencia non só no resultado do referendo do 1 de outubro senón tamén no rexeitamento da negociación por parte de Rajoy.

Discusión aparte é que instrumento utilizar para a declaración. A idea de utilizar unha asemblea de electos para facelo quedou descartada na reunión dos grupos deste xoves, pero a maioría independentista atópase no mesmo calexón que na semana posterior ao 1-O, cando ningunha fórmula parlamentaria -moción, proposta de resolución, declaración só lida- parecía a adecuada para revestir de solemnidade o momento.

Agora, ademais, hai un problema asociado á mala planificación do último pleno, xa que segundo o relato que se acepte respecto de se se declarou ou non a independencia, no próximo deberase votar levantar a suspensión ou proclamar a República. Sexa como sexa, do que están convencidos é de que esta vez debe haber unha votación. "Non volveremos ao Parlament a facer algo que non sexa suficientemente claro", asegura unha fonte do Govern.

Ademais, a aplicación do artigo 155 e o seu apoio por parte dos socialistas, podería ter efectos colaterais no Goberno municipal de Barcelona. BComú estaría barallando o acordo que mantén co PSC por mor “do posicionamento do PSOE" ante a situación en Cataluña.

 

Os líderes de PP e PSOE nun encontro en Moncloa © El Diario
Puigdemont fala con Junqueras no pleno do Parlamento catalán do pasado 10 de outubro © El Diario

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.