Vázquez nega "rebelións" no PSdeG: "se facemos primarias é para que se presente a xente"

José Blanco e Pachi Vázquez, nun acto de partido CC-BY-NC-SA PSdeG

"Cando facemos unhas primarias é para que se presente a xente, senón faríamolas para un só candidato e sería un pouco raro". O vindeiro día 21 o Comité Nacional do PSdeG elaborará o calendario para elixir a persoa que encabezará a candidatura socialista á Presidencia da Xunta. Previstos para setembro -sempre e cando un adianto electoral non altere os plans internos do partido-, eses comicios internos están xa a provocar o movemento da maquinaria interna dos socialistas mentres diversos dirixentes toman posicións de maneira máis ou menos aberta. Dada a situación xeral do país, capitalizada pola nova vaga de recortes do Goberno central, dende a dirección do PSdeG insístese na necesidade de centrar a acción política "nos problemas da xente" e na resposta ás medidas gobernamentais. Así e todo, o propio secretario xeral da formación, Pachi Vázquez, accedía este mércores a pronunciarse sobre o proceso mentres notables dirixentes socialistas o facían tamén, pero en sentido oposto.

Como xa acontecera en días pasados, os pronunciamentos públicos de cargos do PSdeG prodúcense para achegar de novo á primeira liña política o nome do ex ministro de Fomento e antigo vicesecretario xeral do PSOE, José Blanco. Aínda pendente dun eventual arquivo da súa imputación no marco do caso Campeón, dende hai semanas os seus partidarios avogan, máis ou menos abertamente, por que Blanco concorra ás primarias. Así, despois de que hai escasos días o presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, considerase ao ex ministro como un "magnífico candidato", o alcalde lugués, Xosé López Orozco -quen vén de ser desligado oficialmente do proceso Campeón- vén de sinalar que, ao seu xuízo, reúne "condicións excepcionais" para optar á Xunta. Malia á evidente separación política que entre ambos produciu o pasado Congreso Nacional do partido, o tamén presidente dos socialistas galegos coida que "soa moi ben" que o candidato poida proceder de Lugo. "A min gustaríame que dixese: 'compañeiros, eu voume presentar, quero que me apoiedes, que a sociedade galega me apoie", explicou nos micrófonos da Radio Galega, ante os que matizou, non obstante, que "de momento, hai un candidato", o propio Pachi Vázquez. "Como presidente do partido, debo manter a máxima discreción, porque intento ser primus inter pares", di,

Pachi Vázquez: "Neste partido as primarias quen as resolve son os militantes, tema que tampouco é menor"

Máis explícito foi aínda sobre a mesma cuestión o ex alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, que nunha entrevista na Cadena SER animou directamente a Blanco a que "dea o paso" por ser "un activo moi importante para o PSOE". "Eu creo que o necesitamos neste momento e que prescindir del sería unha tolería", tanto como que a selección española de fútbol non saltase ao campo con Andrés Iniesta, ilustrou. Non obstante, o compostelán fai especial fincapé en sinalar que ve tamén como un "activo fundamental" ao secretario xeral dos socialistas coruñeses e ex ministro de Xustiza, Francisco Caamaño.

Así e todo, estas e outras declaracións non son sinónimo de "rebelión" ningunha para Pachi Vázquez. "Cando hai primarias non se pode considerar nunha unha rebelión", afirma, nun contexto no que, cando menos polo momento, só "vou falar de min". "Teño un proxecto para este país, teño ilusión e teño ganas e vou traballar unha vez máis, percorrendo Galicia da cima ao fondo" para abordar "os problemas que vexo e que están enriba da mesa". "Eu respecto a todo o mundo, todas as opinións as analizo con respecto e dende un punto de vista democrático". El, di, ten "forza e ganas" e ademais "neste partido quen resolve as primarias son os militantes, tema que tampouco é menor", advirte.

José Blanco e Pachi Vázquez, nun acto de partido CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.