Os medios públicos cataláns advirten de que non acatarán a intervención

Asemblea de traballadores de TV3 para abordar o 155 © Comité de empresa ACN

Os comités de empresa, os consellos profesionais e directores de TV3, Catalunya Ràdio e a Agència Catalana de Notícies (ACN) compareceron en rolda de prensa este mércores para denunciar a ameaza de intervención dos medios públicos mediante o artigo 155. Os tres directores advertiron de que os comités de traballadores xa celebraron asembleas para anunciar de que se oporán á "inxerencia nos medios".

Os profesionais consideran falsa a argumentación de falta de neutralidade e pluralidade dos medios

Os directores lembraron que o comité de empresa emitiu este sábado un comunicado "onde os traballadores din que non obedecerían aos novos xestores impostos polo goberno español". Os profesionais consideran falsa a argumentación de falta de neutralidade e pluralidade dos medios.

Do mesmo xeito, o director da ACN, Marc Colomer, o de Catalunya Ràdio, Saül Gordillo, e o de TV3, Vicent Sanchis, advertiron de que non van tomar "ningunha medida no sentido que nos indiquen" os xestores que se poidan nomear para dirixir os medios públicos cataláns.

Marc Colomer, da ACN, avisou que non haberá instrucións por parte da dirección dos medios para que os traballadores se opoñan aos criterios dos novos xestores. Segundo Colomer, "a simple xustificación" do acordo do Consello de Ministros para intervir os medios de comunicación "foi recibido como unha ofensa ao rigor e ao compromiso dos traballadores".

"A simple xustificación do acordo do Consello de Ministros foi recibido como unha ofensa ao rigor e ao compromiso dos traballadores"

Representantes dos medios leron en diferentes idiomas un manifesto conxunto para lembrar de que os medios naceron en 1983 "por unanimidade de todas as forzas políticas do Parlament", nunha das primeira iniciativas lexislativas.

"Todo control gobernamental secuestra a liberdade de prensa" denunciaron ante a ameaza de intervención. Denuncian tamén que se pon en risco o dereito da cidadanía a unha información "veraz, obxectiva, plural e equilibrada". Os directivos lembraron que os medios públicos cataláns non dependen do Govern, senón do Parlament.

 

Puigdemont non irá ao Senado

Por outra banda, o president da Generalitat, Carles Puigdemont, declinou acudir ao Senado para presentar as súas alegacións contra a aplicación do artigo 155, tal e como lle ofreceu a Cámara alta, segundo informaron fontes do Govern.

As mesmas fontes explicaron que Puigdemont renunciou a ir ao Senado porque, valoraron, o Goberno central e a Cámara alta xa teñen decidida a aplicación do 155, polo que a comparecencia non cambiaría nada. Ademais, esgrimiron como motivo as palabras que unha cámara de TV3 captou este martes no mesmo Senado ao líder do PP catalán e senador por designación do Parlament, Xavier García Albiol. "Ímonos rir", dixo a outro senador antes de constituírse a comisión ara tramitar as medidas respecto de Catalunya aprobadas polo Executivo central.

Puigdemont renunciou a ir ao Senado porque, valoraron, o Goberno central e a Cámara alta xa teñen decidida a aplicación do 155

O Senado ofrecera a Puigdemont acudir á Cámara alta para presentar as súas alegacións ao 155 ben este xoves en comisión ou este venres durante o pleno que autorizará ao Goberno, grazas á maioría do PP, PSOE e Ciudadanos, aplicar o artigo 155 da Constitución. Puigdemont declinou ambas as dúas ofertas.

A resposta do Goberno central non se fixo esperar. O portavoz do Goberno e ministro de Educación, Cultura e Deporte, Iñigo Méndez de Vigo, considerou que a decisión de Puigdemont de non acudir ao Senado para expor a súa posición contraria á aplicación do artigo 155 da Constitución evidencia que "non quere falar". "Está claro que o señor Puigdemont non quere dialogar", salientou.

O ministro subliñou que "cando uno non vén aos sitios é porque non quere falar", "non quere dialogar" e "non quere atender aos requirimentos". De feito, subliñou que esa é a actitude que levan vendo "desde o principio" porque xa en xaneiro foi convidado a acudir á Conferencia de Presidentes pero deixou "a cadeira de Catalunya baleira".

Da mesma maneira, lembrou que antes do verán tamén fora convidado a acudir ao Congreso dos Deputados para expor o seu proxecto e buscar apoios se o que quería era "modificar o artigo 2 da Constitución" e "facer un pretendido referendo de autodeterminación". Segundo engadiu, daquela tampouco acudiu á Cámara Baixa.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.