0 Gardados para despois

Puigdemont defenderá a independencia se Rajoy non retira o 155

Neus TomàsNeus Tomàs


Arturo PuenteArturo Puente | @apuente


Praza PúblicaPraza Pública | @prazapublica


O que pola mañá se descartaba, pola noite acabou sendo unha certeza. O presidente da Generalitat defenderá este venres a declaración de independencia se antes non chega a oferta do Goberno central de retirar o 155. Puigdemont tentou conseguir este compromiso a cambio de convocar eleccións pero finalmente as negociacións fracasaron. Tras as comparecencias dos grupos no Parlament, a declaración de independencia dáse por feita.

Puigdemont este xoves pola mañá  estaba disposto a pagar o custo de romper o xa moi fráxil bloque independentista e aparecer como un traidor a ollos dunha boa parte do electorado secesionista. A mediación do lehendakari Iñigo Urkullu, as presións empresariais e os esforzos de dirixentes do PSC deron resultado e,  entre o mércores e o xoves, o president deu en acceder a unha convocatoria electoral.

Puña tres condicións, que comezaban pola liberación de Sànchez e Cuixart e a desmobilización dos corpos policiais en Catalunya, pero que poderían quedar na terceira: o compromiso de que o Goberno retiraba o 155. Segundo explican fontes gobernamentais, Mariano Rajoy mostrouse disposto a cumprir a terceira, que sería dabondo para que Puigdemont esquecese a declaración de independencia. "Vante entanar como sempre nos enganaron", advertiu Oriol Junqueras cando o president llo comunicou. A pesar do cal, este seguiu adiante.

Puigdemont chegou á conclusión de que as presións externas imposibilitaran o pacto e que Rajoy quería que o paquete de medidas do 155 chegase, polo menos, ao Senado

A aposta polas eleccións foi anunciada polo president aos seus consellers e aos deputados de JxSí ao fío do mediodía. O pacto con Moncloa dábase por feito e xerou un fondo enfado en diversos sectores independentistas, entre eles os seus socios de ERC. Pero en cuestión de media hora, Puigdemont chegou á conclusión de que as presións externas imposibilitaran o pacto e que o Goberno quería que o paquete de medidas do 155 chegase, polo menos, ao Senado.

En só unhas horas o president cambiou a estratexia: de estar disposto a disolver o Parlament e convocar uns comicios para o mes de decembro a deixar que a Cámara catalá aprobe a independencia en forma de proposta de resolución. A non ser que as reticencias dalgúns deputados do PDeCAT a votar unha DUI tornen nun novo xiro inesperado na convulsión permanente na que se instalou a política catalá. Como xa case todo neste escenario, non é tampouco descartable.

Propostas de resolución

Junts pel Si e a CUP negociarán o texto que finalmente se deberá someter a votación este mediodía. A negociación dura chegará pola mañá, pero ao finalizar a sesión do xoves xa chegaran a algúns acordos tácitos, como que houbese máis dunha proposta de resolución, entre as que se contempla unha que active a lei de transitoriedade.  De todos os xeitos no Govern recoñecen que cunha Generalitat intervida e con todo o Gabinete cesado será altamente imposible activar calquera estrutura de Estado.

Uno dos debates é se a resolución debe conter unha declaración formal de independencia ou erguer a suspensión da anterior sesión

Un dos debates entre PDeCAT, ERC e a CUP no Parlament é sobre se a resolución coa que se declare a independencia debe conter unha declaración formal ou se debe limitarse a levantar a suposta suspensión imposta na anterior sesión. "É imposible levantar unha suspensión de algo que non está aprobado", aseguraba un deputado este xoves. Outros, en cambio, decántanse por manter o relato comezado por Puigdemont cando asegurou que anulaba os efectos dos resultados do 1-O.

Falta por ver se a oposición tentará frear unha votación deste tipo, e o como. Os deputados independentistas temen unha sesión longa e crispada como a que se viviu nos días 6 e 7 de setembro.

Puigdemont, preocupado

Puigdemont non ten intención de intervir no pleno, aínda que fontes próximas ao president aseguran que non hai que descartar que acabe tomando a palabra. Na súa comparecencia do xoves deixou en mans do Parlament a decisión, convencido de que as medidas do 155 serán tomadas de todos os xeitos. Que Puigdemont non interveña indica que, esta vez, si parece que o Parlament aprobará un documento oficial. Esta por ver canto se parecerá a unha declaración de independencia.

Ao president preocúpao a tensión que pode haber na rúa cando se aplique o 155 e a fractura que poida desencadear na sociedade catalá.

Ao president preocúpao a tensión que pode haber na rúa cando se aplique o 155 e a fractura que poida desencadear na sociedade catalá. Así o deixou entrever en reunións con membros do seu goberno e en conversacións coas entidades independentistas. Con todo, segundo fontes coñecedoras das reunións, Puigdemont xa optara o luns pola declaración de independencia ante a dicotomía de enfrontarse ás medidas do 155 co bloque independentista unido ou dividido e buscando culpables.

"Agora comeza a guerra civil do soberanismo", asegurou unha fonte do Palau este xoves, cando se daba por feito que habería unha convocatoria electoral. A declaración da independencia evitará a pelexa interna, polo menos nos días inmediatamente posteriores. Está por ver se esta paz aguantará ao progresivo embate que chegará en forma de 155.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.