As forzas soberanistas catalás valoran como concorrer ás eleccións convocadas por Rajoy

Discurso de Puigdemont tras a votación sobre a república catalá, o pasado venres © Govern da Generalitat

A bandeira española aínda ondea no Palau da Generalitat. Non se aprobou ningún decreto para materializar a declaración de independencia e os deputados do PDeCAT e ERC manteñen os seus escanos no Congreso dos Deputados. Estas son as decisións que tomaron (ou máis ben as que non tomaron) os promotores da república catalá desde que se proclamou o venres no Parlament.

Sobre as que se adoptarán a partir de agora impera o segredo, aínda que o vicepresidente do Govern cesado en aplicación do artigo 155, Oriol Junqueras, deu algunha pista nun artigo publicado en 'El Punt Avui'. O líder de ERC recoñece que se aveciñan momentos de "incerteza e dubidas" pero tamén de contradicións.

"Nos próximos días haberá que tomar decisións difíciles de entender", advirte Junqueras aos partidarios do independentismo. A primeira é determinar se Puigdemont e o resto de membros do seu gabinete están dispostos a desobedecer si ou si e por tanto van seguir actuando coma se non fosen cesados polo Executivo central.

Imaxe de normalidade

Algúns consellers aseguraron aos seus equipos que este luns se presentarán a traballar para dar imaxe de máxima normalidade. Actuar como "ministros da república", en palabras do cesado titular de Territori, Josep Rull. Pero unha cousa son os discursos e outra é ver en que se concretan. Actuar como ministros da república implica tomar decisións executivas e esa non é a opinión maioritaria no extinguido Govern.

Actuar como ministros da república implica tomar decisións executivas e esa non é a opinión maioritaria no gabinete cesado por Rajoy

Na súa declaración do sábado Puigdemont non o aclarou e máis aló de reclamar unha "oposición democrática" á aplicación do 155 evitou explicar en que se concretará. Así que neste momento os únicos decretos que se publicaron son o cinco do Goberno central nos que se detallan as destitucións de Puigdemont, Junqueras, as doutros altos cargos, disolución do Parlament e un quinto que establece como os ministerios controlarán a Generalitat.

Pendentes da querela

Os próximos pasos están condicionados pola querela que presentará este luns o fiscal xeral contra Puigdemont e probablemente os seus consellers así como os membros da Mesa do Parlament que votaron a favor de tramitar a declaración de independencia. A Unión Progresista de Fiscais defende que non se lle pode acusar de rebelión porque este delito é aplicable cando se produciu un alzamento "violento e público", é dicir, se se produciron ambas as circunstancias. Aínda así a querela probablemente será por rebelión e non por sedición.

O fiscal do Estado presenta este luns as querelas contra Puigdemont e os consellers; o proceso penal condicionará o político e as estratexias cara ao 21-D

Sexa como for, o proceso penal condicionará o político e as estratexias dos partidos de aquí ao 21 de decembro, a data fixada por Mariano Rajoy para que se celebren as eleccións.

PDeCAT, ERC e a CUP deben decidir antes de 10 días se se presentan a estes comicios. Inicialmente o PDeCAT e ERC eran remisos a repetir a fórmula de Junts pel Sí, entre outros motivos porque as relacións entre as cúpulas de ambos os partidos foron de mal a peor. Pero iso era antes do venres, antes de proclamar unha república que non exerce como tal e de que Rajoy os sorprendese cunha convocatoria electoral inmediata. Artur Mas é quen máis claro dixo que hai que participar neses comicios. A dúbida é como.

Rexeitamento dos 'comuns'

Nas filas independentistas apúntase a posibilidade de configurar unha candidatura ampla que inclúa aos 'comuns'. Para evitar especulacións, a portavoz de Catalunya en Comú, Elisenda Alamany, en declaracións a RAC1, descartou que a súa formación participe en ningún bloque soberanista. En cambio, Albano Dante Fachin defende que debe haber unha "estratexia conxunta". A estratexia de Podem en Catalunya pode complicarlle unha vez máis a vida a Pablo Iglesias, que na noite do domingo deu en convocar dende Madrid unha consulta ao respecto entre a militancia catalá.

Neste escenario de dúbidas, mesmo a CUP sopesa presentarse ás eleccións convocadas por Rajoy. A dirección deixará a decisión en mans das bases. Xa avisou Junqueras de que haberá decisións "difíciles de entender".

Xuntanza de subsecretarios do Goberno de España en Madrid sobre a intervención da Generalitat © Goberno de España

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.