0 Gardados para despois

O PP promove que o Parlamento apoie o 155 e as medidas xudiciais contra o Govern

Redacción | @prazapublica

Hai agora un mes, Alberto Núñez Feijóo tornou en ariete contra o soberanismo catalán no que é o principal debate parlamentario galego de cada ano. No debate do estado da autonomía, o presidente da Xunta aproveitou o ronsel do 1-O para erixirse en referente de estabilidade fronte ao independentismo, centrar o seu discurso no "desafío" soberanista e prometer fidelidade á Constitución e ao Estatuto fronte á postura dun Govern que comparou con "réximes ditatoriais". Dous días despois, no peche da sesión, o PP atraeu, con matices, o PSdeG á súa postura sobre Catalunya de apoio ao polémico discurso do rei e o labor da Policía e da Garda Civil. 

Feijóo tornou en ariete contra o soberanismo catalán no último debate de política xeral, onde o PP atraeu o PSdeG ás súas posicións

Agora, tan só catro semanas despois, o PP volve meter o tema catalán no debate. O portavoz do grupo popular, Pedro Puy, vén de trasladar á oposición unha proposta de declaración institucional do Parlamento para que sexa aprobada e lida durante o pleno que se celebra esta semana e que terá como tema fundamental a xestión por parte da Xunta da importante vaga de incendios do pasado mes de outubro. O PP pretende que a Cámara apoie "a vixencia da Constitución e as actuacións que os poderes do Estado están a facer para recuperar a normalidade institucional e constitucional na comunidade autónoma de Cataluña". Basicamente, que amose a súa conformidade coa aplicación do artigo 155 e coas medidas xudiciais tomadas contra o Govern. 

O PP pretende que a Cámara apoie "a vixencia da Constitución e as actuacións que os poderes do Estado están a facer para recuperar a normalidade institucional"

A proposta, máis que probablemente, non chegará a ser votada en pleno, xa que precisaría da unanimidade de todos os grupos xa na xunta de portavoces. Pero provocará debate, como todo o que arrodea Catalunya nos últimos meses. A proposta que o PP pretende que sexa aprobada pola Cámara denuncia os "graves feitos acontecidos na Comunidade Autónoma de Cataluña desde que no pleno do seu Parlamento dos pasados días 6, 7 e 8 de setembro se producisen vulneracións flagrantes dos dereitos individuais de todos os deputados e deputadas da oposición parlamentaria" e fala da "violación" das normas regulamentarias e da "desobediencia" levada a cabo polo bloque soberanista para a "declaración unilateral de independencia". Non fai referencia nin ao 1-O nin á actuación policial. 

Ante isto, o PP propón que o Parlamento de Galicia declare o seu "firme e inequívoco compromiso coa defensa da Constitución" e "apoio" ás actuacións das institucións autonómicas catalás, o Goberno central, o Constitucional e o Poder Xudicial para "preservar o mantemento da orde constitucional en Cataluña e no resto de España". E insiste no "firme e inequívoco apoio aos poderes executivo e lexislativo" do Estado "diante da grave e desleal actuación dos dirixentes cataláns protagonistas de comportamentos irresponsables conducentes á flagrante vulneración da nosa orde constitucional democrática".

A proposta gaba a aplicación do artigo 155 e amosa o seu apoio "ao poder xudicial" 

A proposta gaba directamente a aplicación do artigo 155 da Carta Magna co fin de "restablecer a orde constitucional e o Estado de Dereito na Comunidade Autónoma de Cataluña"; e amosa o seu apoio tamén "ao poder xudicial, que desde a súa independencia está a actuar, como non podería ser doutra maneira, para garantir o cumprimento da lexislación vixente". 

Ademais, propón tamén amosar a "solidariedade e apoio a todos os servidores e servidoras públicos e a todos os cidadáns, particularmente en Cataluña, que están a actuar dentro da legalidade constitucional" para "preservala, manter a paz social, e impedir que culmine con éxito o intento de vulneración da orde constitucional". Por último, amosa a súa "plena confianza en que a sociedade catalá, e a española no seu conxunto, saberán dar resposta democrática, dialogada e pacífica, e rexeitará os intentos dunha minoría de violar a Constitución democrática que todos os españois, cataláns e galegos incluídos, votamos libre e moi maioritariamente no ano de 1978". 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Puigdemont comparecerá o día 17 ante o tribunal que decide sobre a euroorde

O ex-presidente da Generalitar Carles Puigdemont e o catro ex-consellers que o acompañan en Bruxelas comparecerán o próximo día 17 de novembro ante o tribunal que deberá decidir en primeira instancia sobre as ordes europeas de detención e entrega que emitiu contra eles a Audiencia Nacional.

"A Fiscalía de Bruxelas confirma que a data é o 17 de novembro de 2017, ás 14 horas", informou o Ministerio Público nun comunicado, no que precisa que a audiencia celebrarase a porta pechada.

O ditame do tribunal de primeira instancia tras a vista do venres 17 non será definitivo

O ditame do tribunal de primeira instancia tras a vista do venres 17 non será definitivo, pois tanto a defensa de Puigdemont como a acusación (neste caso, a Fiscalía e a Audiencia Nacional españolas) poderán recorrelo.

O proceso nos tribunais de Bélxica podería alongarse ata dous meses e ata os tres en "circunstancias excepcionais"

Aí empezará un novo prazo quince días tras os que un tribunal de apelación emitirá un novo ditame. A súa sentenza tamén se poderá recorrer ante un tribunal de casación, que terá outro quince días para tomar unha decisión definitiva.

O ministro de Xustiza belga, Koen Geens, estimou que, en conxunto, entre os prazos xudiciais e os días que as partes terán para estudar se presentan recursos, o proceso nos tribunais de Bélxica podería alongarse ata dous meses, aínda que tamén podía chegar aos 90 días se se daban "circunstancias excepcionais".