0 Gardados para despois

A Xunta volve abdicar da coordinación dos aeroportos e limítase a pedir voos baratos

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


No ano 2013, cando dúas das tres cidades galegas con aeroporto estaban gobernadas polo PP, a Xunta asegurou que chegara o momento de concretar en que consistía a aposta, asumida persoalmente polo presidente, de que as tres terminais funcionasen como "un aeroporto único". Foi daquela cando o Goberno galego, malia non ter competencias directas na materia deu en encargar por case 30.000 euros a unha empresa privada un estudo que serviría de base para un futuro plan estratéxico dos aeroportos galegos mentres o Ministerio de Fomento puña en marcha un informe coa mesma finalidade. Os resultados de ambos documentos nunca chegaron a concretarse e agora, catro anos despois, a Xunta dá en renunciar outra volta a esta coordinación, limitándose a lanzar unha petición xenérica de que as aeroliñas ofrezan voos baratos en Galicia.

Este martes a directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro, acudiu ao Parlamento para presentar os orzamentos para 2018 deste departamento con dependencia orgánica directa da Presidencia da Xunta, un total de 58 millóns de euros nun contexto no que os fondos turísticos son os que máis medran a respecto de 2017, case un 30%. Alén de explicar este forte incremento coa necesidade de comezar a preparar o Xacobeo 2021 e debullar as diferentes partidas, Castro respondeu ás preguntas da oposición a respecto dos aeroportos evitando explicar se existe algunha aposta específica da Xunta para a súa coordinación e formulando a devandita petición de voos a baixo prezo.

Nava Castro: "Se podemos conseguir un billete de ida e volta a Madrid por 60 euros, seguro que os de Madrid poden vir aquí calquera fin de semana"

A alto cargo admite que esa coordinación é "importante", pero "o fundamental para poder ser competitivos é que as aeroliñas baixen as tarifas". "Se cada un de nós podemos conseguir un billete de ida e volta por 60 euros a Madrid, seguro que os de Madrid poden vir aquí calquera fin de semana", sinalou. No entanto, lamenta Castro, "se entramos en calquera páxina [en referencia aos sitios web de reservas], para a fin de semana te atopar con 200, 250 ou 300 euros para ir e vir". Por iso, conclúe a responsable da política turística da Xunta, "non só é importante a coordinación aeroportuaria, senón as tarifas aeroportuarias" e, nomeadamente, a súa baixada. 

Ligar emprego turístico e precariedade, algo "arriscado"

A partida de turismo é a que máis medra nos Orzamentos da Xunta para 2018

Na súa intervención ante a comisión de Orzamentos a responsable de Turismo tamén restou importancia a outra das críticas lanzadas dende as bancadas da esquerda: que o emprego ligado ao turismo se promova, como reflicten as sucesivas edicións da Enquisa de Poboación Activa, bolsas de emprego precario que dan en consolidarse. "Paréceme moi arriscado dicir" que o emprego neste sector "é precario", xa que "o 12% non son precarios" e ademais, afirma, "estamos a facer un intento de profesionalizar".

A aposta do Goberno galego nesta materia, sinala castro, é "que os empresarios ou empresarias collan aos que están formados" porque "loxicamente, entón, o salario vai coa formación debida". Neste sentido, a directora de Turismo de Galicia chama a aproveitar "oportunidades" como "convertir en zonas vitivinícolas no outono" as áreas do país que durante o verán son destinos "de sol e praia". "Seguiremos insistindo na calidade", asegura.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.