0 Gardados para despois

Masiva manifestación en Barcelona pola "liberdade dos presos políticos"

Catalunya PluralCatalunya Plural | @Catalunyaplural


Unha enorme marea de xente saíu ás rúas de Barcelona nunha gran manifestación para pedir a liberación dos "presos políticos", os ex-consellers da Generalitat e os dirixentes de Òmnium Cultural e a ANC, organizadoras da marcha na que milleiros de persoas luciron os seus lazos amarelos pola llibertat e alumearon coas lanternas dos seus teléfonos móbiles a noite ca capital catalá. A Guàrdia Urbana cifrou en 750.000 os asistentes. 

Milleiros de persoas pediron a liberación dos "presos políticos"

Baixo a lema Llibertat presos políticos. Som República, a cabeceira "de honra" desta manifestación, que se bautizou como "día nacional pola liberdade dos presos", foi reservada para os familiares de Jordi Cuixart, Jordi Sánchez e os membros do ex Govern que se atopan en prisión. Por outra banda, representantes de entidades configuraban outra cabeceira. O percorrido de aproximadamente un quilómetro saíu da rúa Marina desde a rúa Pujades ata a avenida Icària, preto do mar, e a grande afluencia de xente provocou que fose complicado o avance da marcha. 

Os manifestantes acudiron con bandeiras independentistas e proclamando consignas como llibertat presos políticos ou fora les forças d'ocupació, ou cancións como L'estaca. Malia que o PP pediu á a Xunta Electoral que TV3 non emitise a manifestación, a convocatoria puido seguirse na televisión pública catalá. A solicitude dos populares foi finalmente rexeitada. 

A primeira hora da mañá, moitos dos 947 autocares que acudiron á manifestación xa percorrían as rúas de Barcelona. Ao final da marcha, familiares dos políticos e activistas presos leron cartas dos encarcerados. Entre as mensaxes, chamamentos á "unidade" e á votación masiva o 21-D, ademais de múltiples agradecementos polo apoio e a calor recibida. O conseller de Xustiza cesado, Carles Mundó, lembrou que "os problemas políticos nunca se solucionaron nos tribunais". 

Ademais, tamén se emitiu un vídeo do president cesado, Carles Puigdemont, que pediu á multitude "seguir así, mobilizados a favor da liberdade e da democracia de forma cívica e pacífica". "Queremos liberdade e democracia e que toda a xente, na prisión ou fóra, estea na casa e en liberdade", dixo, tras reivindicar a loita polas "institucións catalás" e o "dereito a facer un país novo". 

Puigdemont pide "seguir mobilizados a favor da liberdade de forma cívica e pacífica"

"Que todo o mundo escoite; o Estado español non pode continar así", dixo Puigdemont, que insistiu en que os cataláns "queren decidir libremente o seu futuro, sen gobernos autoritarios nin impostos" e pediu á UE que "deixe de mirar cara a outro lado". Ademais, os outros consellers en Bruxelas gabaron a mobilización da sociedade civil e reclamaron tamén unha votación masiva nas vindeiras eleccións autonómicas. 

Pola súa banda, o vicepresident cesado, Oriol Junqueras, pediu aos asistentes á manifestación que non sexan "submisos nin obedentes". "Quixéronnos atemorizar e intimidar para destruír toda esperanza; somos cabeas de turco para facervos tremer a todos", engadiu mediante unha carta quen cre que "non entenden nada e como non entenden responden con violencia e menosprezo"

A presidenta do Parlament, Carme Forcadell, non acudiu á marcha por recomendación do seu avogado, pero si se puideron ver numerosos representantes políticos, tamén non independentistas. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.